O CF Muxía anuncia a baixa de Fabián Santos, a segunda que se produce no equipo da Vila da Barca.

Tras 16 renovacións, chega a segunda baixa no CF Muxía, (Primeira Galicia G2), primeiro foi a renovación do seu adestrador Sergio “Pataca”, e logo foron 15 renovacións de xogadores, pasouse o capítulo de baixas ca de Álex Martínez dunha maneira moi emotiva e agradecida e desta volta tocáballe a Fabián Santos, que tampouco continuará no clube:

“Desta volta tócanos despedirnos de Fabián Sendón, un xogador que deixa unha pegada moi especial no noso club. Formou parte da nosa familia deportiva durante moitos anos, defendendo as nosas cores desde a base nas categorías cadete e xuvenil, ata chegar a disputar dúas tempadas co equipo sénior.

Máis alá do seu compromiso e traballo dentro do campo, Fabián destacou sempre pola súa actitude positiva. Un rapaz de sorriso fácil, sempre de bo humor, capaz de transmitir alegría ao vestiario e de facer grupo en calquera situación. Deses compañeiros que suman cada día e que fan que un equipo sexa algo máis ca un conxunto de xogadores.

Queremos agradecerlle todo o que deu ao club durante estes anos: o seu esforzo, a súa dedicación e, sobre todo, a súa maneira de ser. Foi un pracer verte medrar como xogador e como persoa.

Desexámosche toda a sorte nesta nova etapa. As portas deste club estarán sempre abertas para ti. Moitas grazas por todo, Fabián. Esta sempre será a túa casa.”

.

-RENOVACIÓNS-

AVISO IMPORTANTE

“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os clubes, afeccionados, socios, etc nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos. Poden mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.

-Foto e información : Prensa CF Muxía

-Foto xogada : Marina Busto

-Texto : Xosé Búa “Pirata”