O Dumbría alzou a sua quinta copa.
CF Muxía 2-2 CF Dumbría
(Penaltis : 4-5)
San Paio de Refoxos (Xallas-Cee), 8 de xuño de 2025. A LX edición da Copa da Costa non decepcionou. Máis de 2.000 afeccionados déronse cita nun abarrotado San Paio de Refoxos para presenciar unha final con historia, emoción e moita entrega. O CF Dumbría, que xogaba a súa sétima final, impúxose ao CF Muxía nos penaltis tras un vibrante empate 2-2 no tempo regulamentario, conquistando así o seu 5º título da competición.
O ambiente era xa especial antes do asubío inicial, cunha homenaxe aos cinco superviventes da histórica final de 1966, aquela que o Muxía nunca esqueceu por unha arbitraxe que lles privou da copa. Emotivo xesto que tinguía de memoria e sentimento o inicio dun partido que ía camiño de ser inesquecible.
Primeira metade de altos voos
O partido arrincou cun Dumbría moi intenso e dominador. Aos 14 minutos, Marcote centrou desde liña de fondo e estivo a piques de servir o primeiro gol. Pouco despois, Diego Estévez fixo outro centro medido e o meta muxián Adrián tivo que intervir con solvencia. A insistencia tivo premio no 23′, cando Xabi enganchou un disparo raso dende a frontal que bateu por baixo ao porteiro muxián. O segundo chegou pouco despois, Marcote, nunha gran acción ofensiva, empurrou á rede un centro lateral para poñer o 2-0 e encher de ledicia a bancada oeste, chea de seareiros dumbrienses.
Pero o Muxía, lonxe de renderse, comezou a atopar ritmo. Víctor Alcaina, eléctrico pola banda, asinou unha xogada maxistral para asistir a Fran Moreira, que cun tiro cruzado acurtaba distancias (2-1). Os de vermello gañaban peso no medio campo con Nogueira, Víctor, Iago Muiño e Robert, e antes do descanso rozaron o empate. Un disparo de Nogueira saíu lambendo o pau, e pouco despois, o Dumbría quedaba con 10 tras a segunda amarela a Dani Chao. O guion cambiaba radicalmente.
Un segundo tempo de resistencia, corazón e penaltis
Na reanudación, o Dumbría, minguado en efectivos, agrupouse atrás. O Muxía, a pesar das numerosas baixas, (como a de Ánxo Pose, substituído ao descanso por molestias), seguiu empuxando. O esforzo tivo recompensa, Robert centrou desde a esquerda e Iago Muiño, impoñéndose por arriba, picou o balón de cabeza ao pau contrario para establecer o empate (2-2), facendo estourar á parroquia muxiana.
O tramo final foi de infarto. O Dumbría puido adiantarse cun lanzamento de falta pegado ao poste e nunha xogada que obrigou ao porteiro muxián a un paradón, con rexeite ao lateral da rede. O Muxía tamén gozou de ocasións clarísimas, especialmente nunha dobre chegada de Manu Nogueira, que fixo brilar a Ánxo, gardameta dumbries.
Con todo por decidir, o partido camiñou cara aos penaltis. E aí, a experiencia e sangue fría dos dumbrienses fixo a diferenza. O CF Dumbría converteuse en campión da Copa da Costa 2025, mentres que o CF Muxía, heróico e loitador, queda ás portas de levantar un trofeo que xa mereceu máis dunha vez ao longo da súa historia, pero que se lle resiste.
Na tanda de penaltis O Dumbría que comezou lanzando materializou os 5 lanzamentos namentras que o Muxía erraba no segundo cun forte disparo de Fran Moreira que se lle ía por enriba do longueiro. Adrián estivo a piques de atallar algún dos lanzamentos dumbrieses adiviñando o sitio pero ante os fortes disparos e ben efectuados dos do Dumbría non foi quen de atallar ou desviar algún.
“A nosa máis cordial noraboa a tódolos/as que forman o CF Dumbría, xogadoras, técnicos, axudantes do clube, diretiva e afeccionados e os nosos ánimos e o noso aplauso para tódalos/as que forman o CF Muxía que pecharon unha extraordinaria tempada. Na Copa só pode gañar un equipo e desta vez caeu da banda dos dumbrieses pero teñen que estar orgullosas de que perderon unha copa na que non perderon no encontro, senón na lotaría dos penaltis onde pode gañar calquera”.
CF Muxía : Adrián, Ánxo, Jose “Congui”, Fran Moreira, Robert, Víctor Alcaina, Manu Nogueira, Iago Muiño, Carlos Costa, Kevin Carballo, e Mauro Romaní. Tamén participaron : Mateo, Álex Martínez, Noé, Fabián, Darío, Manu Martínez, e Javier Vilela.
Adestrador : Sergio Lema
Delegado : Felipe Vilela
CF Dumbría : Ánxo, Samuel, Miguel, Marcote, Antonio, Lucas Toba, Diego Estévez, Dani Chao, Baba, Xabi, e Breixo Martínez. Tamén participaron : Ismael, Breixo Castro, Brais, Juan Díaz, Antón Pose, Iago Insua e Adrián.
Adestrador : Pablo Conde
Delegado : Crístian Lago
Goles : 0-1, Xabi, (26´); 0-2, Marcote, (29´); 1-2, Fran Moreira, (39´); 2-2, Iago Muiño, (59´).
Penaltis : 4-5. Lanzaron polo Muxía : Víctor Alcaina, Fran Moreira, (x), Carlos Costa, Manu Martínez, e Manu Nogueira. Polo Dumbría : Baba, Antonio, Diego Estévez, Juan Díaz, e Samuel.
Árbitros : David Castreje, acompañado nas bandas por Iván Guerra e Alejandro Tato e como cuarto árbitro, Óscar Santos. Amonestou polo Muxía a Iago Muiño, (9´), Fran Moreiria, (51´) e Kevin Carballo, (66´). polo Dumbría expulsou con dobre cartón a Dani Chao, (4´e 44´) e amonestou a Baba, (65´).
Durante a semana e días posteriores iremos desgranado pouco a pouco esta “LX Copa da Costa” e todo o que deu de sí.
-Fotos e texto : Xosé Buá “Pirata”







