O Dumbría celebra unha copa lendaria.
CF Dumbría 2-1 SD Sofán
Campo de San Andrés (Zas)
15/06/2025
O CF Dumbría fixo historia esta fin de semana ao converterse no primeiro club en gañar no mesmo ano todas as Copas da Costa de fútbol 11, tanto en categorías base como sénior, culminando a fazaña cunha nova vitoria na final xuvenil diante do SD Sofán por 2-1.
Unha primeira metade con todo o movemento no marcador na final disputada este domingo. Adiantáronse os dumbrieses por medio do muxián Antón Pose, (12´), e pouco lles durou a ledicia pois empataba dous minutos despois Lucas Souto para os de Sofán. Xusto antes do descanso Pablo Costa, (44´) poñía de novo por diante aos dumbrieses para irse ao descanso cun 2-1 a favor.
Na segunda metade, os sofanistas intentaron igualar a contenda, pero o encontro converteuse nun duelo máis trabado, cun xogo moi disputado no medio do campo e poucas ocasións claras.
Unha das accións máis protestadas chegou cando o SD Sofán pediu penalti, pero o colexiado Alberto Baña non viu infracción. Xa nos minutos finais, o meta sofanista Diego Rama foi expulsado por unha falta ao saír da área, o que acabou de pechar as opcións dos sofanistas.
Unha tempada lendaria
Con esta vitoria xuvenil, o CF Dumbría asina un fito histórico ao conquistar as cinco Copas da Costa de fútbol 11 disputadas en 2025:
-Copa da Costa Infantil : vitoria ante SD Coristanco (3-1)
–Copa da Costa Cadete : vitoria ante Outes FC (2-0)
-Copa da Costa Xuvenil : vitoria ante SD Sofán (2-1)
-V Copa da Costa Feminina sénior : vitoria ante CF Muxía nos penaltis (1-1)
-LX Copa da Costa : vitoria ante CF Muxía nos penaltis (2-2)
Un dominio absoluto no fútbol comarcal que fala do traballo serio e continuo do club en todas as súas categorías, apostando pola canteira e mantendo equipos competitivos no máis alto nivel.
Orgullo dumbries
Este logro non só engrandece o nome do CF Dumbría, senón que dignifica o esforzo de xogadores, adestradores, familias e directiva, facendo do club un referente no deporte base e sénior da comarca e de Galicia.
Parabéns, CF Dumbría por un 2025 histórico para enmarcar. E moitos ánimos para o SD Sofán que lle tocou a parte dura pero é unha realidade que para perder as finais hai que primeiro chegar a elas e despois xogalas, cousa que desexarían tódolos que quedaron por detrás.
-Fotos e vídeo : Alba Caamaño
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
