O CENTRAL, PABLO TRIGUEROS, NOVENA FICHAXE DO DEPOR 2021/22.

 

Pablo Trigueros Estrada (Herreruela de Oropesa, Toledo, 4 de marzo de 1993) convértese, pendente de recoñecemento médico, en novo xogador do Real Club Deportivo para a próxima temporada.

O defensa central manchego chega despois de finalizar contrato co CD Mirandés, co que disputou o pasado exercicio na segunda categoría do fútbol nacional.

Pablo Trigueros formouse na canteira do Atlético de Madrid, con cuxo filial coñeceu a categoría de bronce despois de pasar polo Xuvenil e polo equipo C. O defensa puxo rumbo ao Arandina CF no curso 2015-2016. Tralo descenso a Terceira do conxunto burgalés á conclusión da campaña 2016-2017, puxo rumbo ao Rápido de Bouzas. En Vigo foi protagonista da mellor campaña da historia do club aurinegro, que quedou a dous puntos de disputar o playoff de ascenso a Segunda División.

A súa gran campaña (36 partidos e 4 goles) valeulle a fichaxe por un dos clubs punteiros de Segunda B, a SD Ponferradina, ao comezo da temporada 2018-2019. En El Toralín tamén foi un dos alicerces (35 partidos e 1 gol) no regreso do equipo a Segunda División. Após estrearse na categoría de prata co conxunto berciano, o verán pasado foi fichado polo CD Mirandés, para acumular 50 partidos e 1 gol nas súas dúas campañas en Segunda División.

A experiencia de Pablo Trigueros en Segunda División B comprende 5 temporadas, para un total de 129 partidos (6 deles en playoff de ascenso) e 9 goles.

 

Estrella Galicia renova co RC Deportivo ata 2025

Esta mañá no Estadio ABANCA-RIAZOR, Estrella Galicia e RC Deportivo selaron a renovación do seu acordo de patrocinio polo que a cervexeira galega seguirá acompañando ao equipo na súa traxectoria en Primeira RFEF, a terceira categoría do fútbol nacional. Estrella Galicia seguirá sendo o patrocinador principal do Club e a súa imaxe seguirá presente no frontal da elástica branquiazul, así como do Fabril, mentres que Cabreiroá manterase como auga oficial do equipo e patrocinador oficial das súas categorías inferiores, dos equipos femininos, ademais de unirse tamén ao Dépor Genuine, ocupando a traseira da camiseta, até xuño de 2025.

Tanto David Villasuso, Director Xeral e conselleiro do Real Club Deportivo, como José Cabanas, CMO de Fillos de Rivera, mostraron a súa satisfacción polo acordo alcanzado.

David Villasuso, Director Xeral do Deportivo, mostrou o seu “agradecemento a Hijos de Rivera, e a satisfacción do Real Club Deportivo, por ampliar unha vinculación que, coa traxectoria acumulada desde 2008, e historicamente durante as décadas anteriores, converteuse en algo máis que un patrocinio. É a relación natural entre dúas das principais marcas e símbolos dunha cidade e unha comunidade autónoma que se presume especialmente de Deportivo e de Estrella Galicia como símbolo dunha forma de ser, de vivir e de resistir en tempos difíciles para todos”.

Pola súa banda, José Cabanas, CMO de Hijos de Rivera, asegurou: “Estamos encantados de continuar coa nosa firme aposta polo fútbol galego e ampliar a nosa relación co Real Club Deportivo, icona da cidade que viu nacer a ambas as entidades en 1906. Tradición e orixe sempre definiron os nosos valores compartidos, pero a estes engadimos agora un espírito de resistencia ante a adversidade que estamos seguros que contribuirá a que o Dépor volva onde merece”.

 

-Fotomontaxe : piratasdemuxia

-Texto : piratasdemuxia/RC Deportivo


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies