Hai días que quedan gravados para sempre na memoria dun deportivista. O 6 de marzo de 2002 é un deles. Aquel día no que o Dépor conquistou o Bernabéu e escribiu unha das páxinas máis fermosas da súa historia: o inesquecible Centenariazo.
Os da Peña Deportivista Os Piratas de Muxía alá fomos a Madrid sen demasiada esperanza de traer a Copa para Galicia, pero con toda a intención de deixar a gorxa animando ao noso equipo. Non era unha viaxe fácil. A final xogábase entre semana, algo que complicaba a vida a todos os que traballabamos. Había que facer máis de 500 quilómetros ata Madrid (desde Muxía máis de 600) e ao día seguinte estar de volta para cumprir. No meu caso, para saír ao mar.
Pero cando chama o Dépor, alá imos.
Máis de 25.000 deportivistas emprendemos aquela peregrinación branca e azul ata o Estadio Santiago Bernabéu, menos da metade que os madridistas, pero cunha ilusión que enchía quilómetros de estrada. Sabíamos que tiñamos un equipazo: Molina, Mauro Silva, Fran, Sergio, Tristán… un grupo que xa fixera historia e que non se ía render ante ninguén.
Todo parecía preparado para a festa do rival. O Real Madrid CF celebraba o seu centenario e a final da Copa del Rey 2001‑02 Final era o escenario perfecto para levantar outro título diante da súa xente. Pero o fútbol, ás veces, ten memoria e xustiza.
Aquel Deportivo de La Coruña foi mellor. Sen complexos. Sen medo. Mesmo cando non se pitou un penalti claro ao noso favor. E tampouco valeron de nada os berros e protestas constantes de Hierro ou Raúl ao árbitro Manuel Enrique Mejuto González, que mantivo unha integridade absoluta durante todo o encontro.
O Dépor adiantouse na primeira parte con goles de Sergio González e Diego Tristán. O Madrid só puido recortar distancias cun tanto de Raúl González, pero xa era tarde. O Bernabéu empezaba a quedar en silencio mentres a bancada deportivista soñaba co imposible.
Co pitido final chegou o éxtase.
Unha sensación indescritible percorreu a parroquia deportivista, no estadio e en calquera recuncho do mundo onde houbera un afeccionado do Dépor. Tan pouco esperada era aquela vitoria que incluso no campo os canóns preparados para celebrar o triunfo madridista disparaban papeis e fume… todos brancos. Nin un só azul, por se acaso.
A realidade superara a previsión.
Hai detalles que fan aínda máis grande aquela noite. O Dépor nin sequera tiña contratado restaurante para celebrar a vitoria. Foi o propio Madrid quen lles cedeu a súa cea no Asador Donostiarra. Alí ceou o equipo coruñés entre decoración e servilletas co escudo madridista, mentres os anfitrións quedaban sen gañas de celebrar nada.
Aquel centenario do Real Madrid nunca chegou a celebrarse.
En cambio, naceu unha palabra eterna para o deportivismo: o Centenariazo.
Despois veu a volta á casa. Unha viaxe longa, pero moito máis curta coa felicidade metida no corpo. Algúns regresamos para traballar, outros puxeron rumbo á Praza de Catro Camiños, onde miles de afeccionados celebraban unha fazaña que xa forma parte da historia do fútbol.
Trouxemos para Galicia unha Copa que, como se canta desde hai máis de dúas décadas en Riazor, “cen anos durará”.
E cada vez que chega este día 6 de marzal, lembramos que unha noite de marzo o Dépor conquistou o Bernabéu… e fixo historia para sempre.
In memoriam
Este artigo está adicadoao meu pai que tanto sufreu aquel día ata o pitido final e ao noso amigo Lolo de Quintáns, (2º esq), que nos deixou fai uns anos e que alá foi connosco a animar sen parar, e de seguro que os dous seguirano facendo alá onde estén.
.
-Foto Sergio : La Voz de Galicia
-Fotomontaxe : Diario Marca
-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”


