O club dumbriense proclamouse campión galego por segundo ano consecutivo en O Val-Mondariz, nunha competición moi disputada na que superou por só sete puntos o Club de Montaña e Piragüismo Quixós.
O CDM Piragüismo Dumbría volveu demostrar a forza da súa canteira ao proclamarse, este domingo, campión galego de Promoción de Slalom en O Val-Mondariz. O club da Costa da Morte revalida así, por segundo ano consecutivo, o título autonómico e consolídase como unha das grandes referencias do slalom galego de base.
A competición estivo moi igualada ata o final, cun intenso pulso co Club de Montaña e Piragüismo Quixós. O equipo dumbriense sumou un total de 245 puntos, fronte aos 238 dos monfortinos, polo que o campionato se resolveu por unha diferenza de apenas sete puntos. Unha vitoria moi traballada que pon de manifesto tanto o nivel dos clubs participantes como o mérito de manterse no máis alto do podio galego.
Dominio dumbriense no K1 benxamín masculino
No apartado individual, os padexeiros do CDM Piragüismo Dumbría protagonizaron actuacións destacadas en distintas categorías. Un dos resultados máis salientables chegou no K1 benxamín masculino, onde Mauro Montero se proclamou campión galego.
Os seus compañeiros Nian Quinteiro e Daniel Peña completaron o podio, acadando a segunda e a terceira posición, respectivamente. O club dumbriense copou así os tres primeiros postos da categoría, na que Lucas Rodríguez tamén asinou unha boa actuación ao finalizar quinto.
Dobre podio para Clara Mancebo e Carmen Llaria
As palistas Clara Mancebo e Carmen Llaria tamén brillaron na categoría infantil feminina, con dous podios para o club.
Na modalidade C1, Carmen Llaria conseguiu a segunda posición, mentres que Clara Mancebo rematou terceira. No K1, Clara acadou o subcampionato galego e Carmen ocupou o terceiro chanzo do podio.
Estes resultados confirman o excelente nivel das deportistas dumbriesas e a progresión que están a experimentar nas distintas modalidades do slalom.
Yara Lado, terceira no K1 alevín feminino
Na categoría K1 alevín feminina, Yara Lado subiu ao terceiro chanzo do podio, seguida da súa compañeira Arai Quinteiro, que finalizou nun meritorio cuarto posto.
Ademais, Uxía Quintela conseguiu unha medalla na categoría benxamín feminina. A estes resultados sumáronse outras actuacións destacadas dos integrantes do equipo nas diferentes categorías, fundamentais para reunir os puntos necesarios e asegurar o triunfo colectivo.
Un proxecto deportivo que segue medrando
A nova conquista do Campionato Galego de Promoción de Slalom é o reflexo do traballo diario dos deportistas, do labor do equipo técnico e do compromiso do CDM Piragüismo Dumbría coa formación das novas xeracións.
Revalidar o título autonómico por segundo ano consecutivo confirma a solidez do proxecto deportivo do club e o potencial dunha canteira que continúa medrando e levando o nome da Costa da Morte ao máis alto do slalom galego.
Este bo momento deportivo coincide tamén cunha etapa de impulso institucional para a entidade, que está inmersa en novos proxectos ilusionantes. Entre eles destaca a posta en marcha da sección de Barco Dragón, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello de Dumbría e da empresa Xeal e que abre novas posibilidades de crecemento para o club.
Con este novo éxito autonómico, o CDM Piragüismo Dumbría reafirma o seu compromiso co deporte de base e coa promoción do piragüismo na Costa da Morte, demostrando que o traballo coa canteira segue dando os seus froitos.
–
-Fotos e información : Prensa CDM Piragüismo Dumbría
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
–






