O CDM Piragüismo Dumbría iniciou esta pasada fin de semana a súa participación na Copa de España de Xóvenes Promesas de Slalom cunha actuación máis que destacada en Irún (Guipúscoa), onde os padexeiros dumbrieses volveron demostrar que continúan sendo unha referencia nesta modalidade a nivel estatal.
A competición, disputada nas augas do río Bidasoa e marcada polo bo tempo e o escaso caudal, reuniu a un gran número de participantes, obrigando á organización a establecer unha única manga clasificatoria para determinar os finalistas. Os doce mellores tempos accederían ás finais A, mentres que o resto competirían nas finais B.
Carmen Llaría en plena padexada.
A gran protagonista da expedición da Costa da Morte foi Carmen Llaría, que asinou unha actuación sobresaliente na categoría Infantil B. A deportista dumbriesa quedou ás portas do podio nas dúas modalidades nas que participou, acadando unha meritoria cuarta posición tanto en kayak como en canoa.
Especialmente amarga resultou a proba de canoa, onde unha penalización privou a Carmen dunha medalla de prata que tiña practicamente ao seu alcance tras unha excelente baixada. Finalmente, a padexeira do Dumbría tivo que conformarse cun cuarto posto que, aínda así, confirma a súa progresión e o seu enorme potencial de cara ás próximas citas do calendario.
O club desprazouse ata Euskadi cun equipo reducido debido ás coincidencias co remate do curso escolar. Ademais de Carmen Llaría, tamén competiron José María Ferrer, Iván Llaría e Óscar Ínsua. Tanto Carmen como José María dobraron esforzos participando en kayak e canoa, o que elevou a seis o número total de saídas realizadas polos representantes dumbrieses.
Iván Llaría en plena acción en Irún.
Pola súa banda, José María Ferrer, Iván Llaría e Óscar Ínsua non conseguiron acceder ás finais A e tiveron que disputar as finais B nas súas respectivas categorías. Aínda así, os tres deportistas lograron situarse na zona media das clasificacións, sumando unha valiosa experiencia nunha competición de máximo nivel.
Na clasificación xeral por equipos, o CDM Piragüismo Dumbría concluíu nun destacado décimo quinto posto con 40 puntos, un resultado que permite afrontar con optimismo o resto da competición.
José Mª Ferrer nun tramo do percorrido en Irún.
A seguinte parada da Copa de España de Promesas levará aos deportistas da entidade dumbriesa ata Sort, no corazón dos Pireneos cataláns, onde terán que afrontar o esixente trazado do río Noguera Pallaresa, un dos escenarios máis emblemáticos do piragüismo en augas bravas do panorama estatal.
O curso non puido comezar mellor para o club da Costa da Morte, que xa demostrou na primeira cita da tempada que conta cunha nova xeración de deportistas preparada para competir entre os mellores de España.
.
-Fotos e información : CDM Piragüismo Dumbría
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”