O CDM Piragüismo Dumbría confirma o seu gran momento cun brillante noveno posto na “Copa de España de Slalom” en Sort, (Lleida).

O CDM Piragüismo Dumbría volveu demostrar o seu excelente estado de forma na segunda proba da Copa de España de Novas Promesas de Slalom, disputada esta fin de semana na localidade leridana de Sort, sobre as esixentes augas do río Noguera Pallaresa, un dos escenarios máis emblemáticos do piragüismo de augas bravas a nivel estatal.

A competición, que reuniu aos mellores clubs de formación do país, serviu ademais como último gran test de preparación antes do Campionato de España de Novas Promesas, que terá lugar os días 18 e 19 de xullo en Ponts (Lleida).

Os dumbrieses no Top 10 estatal por clubs

A expedición dumbriesa regresou de Cataluña cun resultado moi destacado, acadando un meritorio noveno posto na clasificación xeral por clubs, con 81 puntos, situándose entre os dez mellores equipos de España.

Un resultado especialmente relevante tendo en conta que o CDM Piragüismo Dumbría competiu fronte a clubs cunha estrutura e número de deportistas moi superior, consolidando así o crecemento e a progresión da súa canteira.

Boas actuacións individuais e presenza en finais A

No plano individual, o club tamén asinou actuacións de moito nivel, con varios deportistas acadando finais A e resultados destacados.

Clara Mancebo en acción en Sort.

Sobresaíron Clara Mancebo Landeira e Carmen Llaría Traba, que lograron clasificarse en ambas as súas modalidades.

Clara Mancebo asinou unha excelente sétima posición en K1 Infantil A, mentres que en C1 Infantil A finalizou sexta, sumando puntos clave para o equipo.

Carmen Llaría en Sort.

Pola súa banda, Carmen Llaría Traba rematou oitava en K1 Infantil B, nunha baixada condicionada por unha penalización de 50 segundos que a afastou da loita polas medallas, mentres que en C1 Infantil B foi quinta tras unha manga na que non se atopou completamente cómoda.

Clara loitando ca corrente.

Tamén destacou Clara López Piñeiro, que conseguiu completar a final A en K1 Infantil B, acadando unha meritoria novena posición.

José Mª Ferrer en acción.

Pola súa parte, José María Ferrer Cardona, Yerai Omar Guene Gómez e Iván Llaría Traba non lograron acceder ás finais A, aínda que completaron unha competición sólida e de aprendizaxe nun escenario de máxima esixencia.

Yeray padexando en Sort.

 

Bautismo de auga de Vega en Sort.

Debut e formación de futuro

A participación do club completouse co debut de Vega Cives, que actuou como abridora nesta proba da Copa de España, e como nos contan desde o clube dumbriés, “asinando unha actuación moi positiva e acumulando experiencia nunha competición nacional que será clave na súa progresión de cara ás próximas tempadas”.

Iván loitando cas augas turbas de Sort.

Campaña de captación: “Buscamos Xente Valente”

Coincidindo co inicio do verán, o CDM Piragüismo Dumbría puxo en marcha a súa nova campaña de captación baixo o lema “Buscamos Xente Valente”, coa que busca incorporar novos nenos e nenas ás súas escolas deportivas.

As actividades están dirixidas a rapaces e rapazas a partir dos 8 anos (con posibles excepcións para idades inferiores), sempre que saiban nadar e teñan ganas de iniciarse nun deporte que combina natureza, diversión, compañeirismo e competición, dinnos desde o CDM Piragüismo Dumbría.

As persoas interesadas poden obter máis información a través das redes sociais do club (@piraguismod), no Concello de Dumbría ou no teléfono 629 126 623.

O club “anima ás familias da comarca a achegarse a coñecer unha disciplina que segue medrando e formando deportistas capaces de competir entre a elite nacional do piragüismo de base.

-Fotos e texto : Prensa CDM Piragüismo Dumbría

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”