O CDM Piragüismo Dumbría brila na Copa Galega de Promesas cun subcampionato por clubs no Xallas onde venceu o Club Deportivo Miño Teixugos.

O Club Deportivo Miño Teixugos proclamouse vencedor da II Copa Galega de Promesas de Slalom, celebrada este pasado sábado no campo de slalom de O Couquiño, no río Xallas, o seu paso por Dumbría. Pola súa banda, o CDM Piragüismo Dumbría volveu deixar patente o gran momento da súa canteira, acadando unha destacada segunda posición por clubs con 111 puntos, moi preto do triunfo final.

A competición estivo marcada pola incerteza meteorolóxica durante as primeiras horas da xornada, xa que as tormentas do mediodía fixeron temer pola suspensión da proba. Con todo, a mellora do tempo durante a tarde permitiu que a cita se desenvolvese con total normalidade nun escenario privilexiado como o río Xallas.

CDM Piragüismo Dumbría.

No apartado deportivo, os padexeiros e padexeiras do club dumbriés volveron asinar unha actuación sobresaliente. Entre os resultados máis destacados estiveron os de Clara Mancebo Landeira, que conseguiu dúas medallas de prata nas categorías Infantil K-1 e C-1, e Carmen Llaria Traba, que completou unha gran actuación con dous terceiros postos nas mesmas modalidades.

Podio K Infantil Feminino.

Na categoría Cadete K-1 tamén houbo unha notable participación do club costeiro. Iván Llaria Traba rematou na oitava posición, mentres que Óscar Insua Avanesjan acadou un meritorio sexto posto nunha das categorías máis numerosas e competitivas da tarde. Pola súa parte, José María Ferrer Cardona quedou ás portas do podio tras finalizar cuarto na final Infantil K-1, logo dunha excelente baixada no trazado de O Couquiño.

Agradecementos

Desde o CDM Piragüismo Dumbría quixeron agradecer a implicación dos pais e nais dos deportistas, así como o apoio do Concello de Dumbría, fundamental para a organización dunha proba destas características. O club tamén destacou a colaboración da empresa XEAL, que facilitou o caudal necesario para garantir as mellores condicións de competición no río Xallas.

.

-Información e fotos : Prensa CDM Piragüismo Dumbría

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”