O CDM Piragüismo Dumbría brila en Salvaterra cun segundo posto na Copa Galega.

O CDM Piragüismo Dumbría continúa demostrando o seu gran momento de forma nas competicións autonómicas tras acadar un destacado segundo posto por equipos na Copa Galega de Promoción de Slalom, disputada o pasado domingo no río Tea, ao seu paso por Salvaterra.

Yara Lado en acción en Salvaterra.

A proba, correspondente á segunda cita do calendario galego de slalom, desenvolveuse no coñecido rápido do Cordeiro cun caudal baixo, pero cun percorrido moi técnico e ben deseñado, especialmente adaptado ás categorías de base. Un escenario perfecto para poñer en valor o talento e a progresión dos máis novos.

Podio infantil feminino.

O conxunto dumbriés asinou unha actuación colectiva de gran nivel, sumando un total de 163 puntos que lle permitiron subir ao segundo chanzo do podio por clubs, só superado polo Club de Montaña y Piragüismo Quixos.

Mauro Montero no podio.

A nivel individual, a xornada deixou varios éxitos destacados. Na categoría benxamín K1 masculina, Mauro Montero Castro conseguiu a súa primeira vitoria, completando o percorrido cunha actuación moi sólida e apenas unha penalización.

Clara Piñeiro en plena acción.

O protagonismo tamén foi para as categorías femininas, onde Clara Mancebo Landeira e Carmen Llaría Traba repartiron os postos de segunda e terceira posición entre as modalidades de kayak e canoa, confirmando o gran nivel das palistas do club.

Pola súa banda, Yara Lado Lal tamén subiu ao podio cun meritorio terceiro posto na categoría alevín K1 feminina.

Máis aló dos resultados, o CDM Piragüismo Dumbría destacou pola ampla participación nas diferentes categorías, un reflexo do bo traballo de base que se está a realizar e da continua progresión dos seus deportistas.

Este novo éxito reafirma o gran momento que vive o club no panorama autonómico, nun contexto no que continúa aberto o proceso de captación de novos talentos. As familias interesadas en que os seus fillos ou fillas se inicien no piragüismo de augas bravas poden informarse a través do Concello de Dumbría ou no teléfono 629 126 623.

.

-Fotos e información : Prensa CDM Piragüismo Dumbría

-Texto : Xosé Búa “Pirata”