O catedrático Antón Castro Fernández, (Muxía-10/04/1953), recibeu no día de onte das mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sede do xornal pontevedrés, o título de “Pontevedrés do Ano da Cultura 2026” en recoñecemento a unha traxectoria de máis de cinco décadas dedicada á investigación, á docencia, á crítica de arte e á creación de proxectos culturais que deixaron unha fonda pegada en Pontevedra e en Galicia. Pero detrás do profesor, do comisario e do intelectual segue estando o rapaz de Muxía que conserva intacta a memoria da súa terra.
Muxía, a referencia sentimental de toda unha vida
Nunha entrevista no Diario de Pontevedra antes desta gala, Antón Castro deixou claro que, malia levar medio século vivindo en Pontevedra, Muxía continúa sendo o seu lugar emocional de referencia, que visita acotío e onde ten a sua familia, unha familia de xente mariñeira.
Marchou da vila con once anos, pero segue definíndoa como a súa infancia e a súa raíz. De feito, cando fala de Pontevedra e da Costa da Morte utiliza unha comparación literaria moi significativa: di que son o seu “Combrai proustiano”, en referencia ao espazo da memoria evocada polo novelista, poeta, crítico, francés Marcel Proust.
Entre os proxectos que aínda lle gustaría realizar destaca un especialmente querido: a creación dun gran espazo artístico na contorna da Santuario da Virxe da Barca, integrando artistas clásicos e contemporáneos fronte ao mar de Muxía.
Xa fai anos tratou de traer para Muxía un museo de arte contemporaneo pero a parte institucional foi deixando o proxecto morrer e non se levou a cabo. Así o contaba nunha entrevista no La Voz de Galicia pubricada no 2023 : “Foi unha oportunidade perdida. Produciume moita desazón. Eu quería facer un depósito das miñas obras de arte orixinais, galegas, españolas e algunhas internacionais. Son unhas duascentas, non sei se son moitas ou poucas, ao principio, porque iso poderíase ir incrementando. Non puido ser. Non se mantivo o acordo coa Xunta. O Concello xa cedera os terreos, había unha subvención. Estaba todo apalabrado. En fin. Eu teño aí esas obras, incluso a miña biblioteca de arte, que algún día podo facer un depósito ao pobo, pero ten que ser nunhas condicións idóneas, que non se deron.”
A da contorna da Barca segundo explica no artigo do Diario de Pontevedra, sería unha intervención artística de gran dimensión cultural e simbólica, inspirada nun lugar que considera único. Lembra ademais que Federico García Lorca dedicou á Virxe da Barca o segundo dos seus poemas galegos, reforzando así o valor histórico e literario deste espazo muxián.
A pesar de ter desenvolvido a súa carreira internacional entre Europa, América e Asia, recoñece que Muxía segue sendo a súa gran referencia vital.
Por que foi nomeado Pontevedrés do Ano da Cultura?
O premio non responde a un único logro, senón ao conxunto dunha carreira extraordinaria vinculada á cultura pontevedresa.
Estudou e reivindicou a identidade artística de Pontevedra
Antón Castro dedicou unha parte importante da súa investigación a demostrar o papel fundamental de Pontevedra na renovación da arte galega contemporánea.
A súa primeira tese doutoral foi precisamente sobre a influencia da cidade e das bolsas artísticas impulsadas pola Deputación de Pontevedra desde finais do século XIX, que permitiron que artistas galegos se formasen en cidades como París, Roma ou Múnic.
Recuperou a Bienal de Pontevedra
Xunto a Antón Sobral participou na recuperación da histórica Bienal de Arte de Pontevedra, un acontecemento que considera esencial para a proxección internacional da cidade.
Para Castro, a Bienal forma parte da identidade cultural de Pontevedra e contribúe a situar a cidade nos circuítos artísticos internacionais.
Foi impulsor da Escola de Canteiros
A finais dos anos setenta participou na creación da Escola de Canteiros de Galicia.
O seu obxectivo era preservar e actualizar a tradición galega da pedra e do granito, un elemento fundamental da cultura, da arquitectura e da economía de Galicia.
É o principal impulsor da Illa das Esculturas
Probablemente sexa a obra pola que máis orgulloso se sente.
A Illa das Esculturas naceu dunha idea súa despois de descubrir o potencial natural da zona. O proxecto permitiu reunir en Pontevedra algúns dos artistas máis importantes do panorama internacional, creando un museo ao aire libre único en Galicia.
Aínda hoxe considera que é a súa gran obra inacabada, xa que lle gustaría ampliar o espazo ata contar con 25 esculturas permanentes.
Desenvolveu unha extensa carreira docente
Durante case medio século impartiu docencia en institutos, universidades e centros culturais de distintos países.
Na entrevista emocióase ao lembrar antigos alumnos e ao comprobar que moitos deles orientaron a súa vida profesional grazas ao seu labor docente.
Proxectou a cultura galega internacionalmente
Como crítico de arte, investigador e comisario traballou en Francia, Italia, Estados Unidos, Cuba e actualmente en China, sempre mantendo unha relación constante con Galicia e coa súa produción artística.
Outros méritos destacados da súa traxectoria
Ademais do mencionado na entrevista do xornal pontevedrés, Antón Castro tamén destacou por:
Ser catedrático de Arte Actual da Universidade de Vigo.
Formar parte da Asociación Internacional de Críticos de Arte.
Publicou numerosos estudos sobre arte galega contemporánea.
Investigou figuras fundamentais como Castelao, Laxeiro e outros artistas galegos dos séculos XIX e XX.
Comisarionou exposicións nacionais e internacionais.
Contribuiu á difusión da arte galega en museos e institucións de Europa, América e Asia.
Defende durante décadas a relación entre arte, paisaxe e espazo público, unha idea que cristalizou especialmente na Illa das Esculturas.
Un recoñecemento a toda unha vida
O Premio “Pontevedrés do Ano da Cultura” non distingue só un proxecto concreto, senón unha traxectoria que une investigación, docencia, creación cultural e compromiso coa identidade artística de Pontevedra.
Muxía sempre na sua mente e corazón
Malia esa dimensión internacional, Antón Castro segue mirando cara a Muxía. O seu soño pendente, como dicíamos, continúa sendo crear, fronte á Virxe da Barca e ao Atlántico, un gran espazo artístico que una memoria, paisaxe e cultura no lugar onde comezou a súa historia.
.
-Foto : Juan Ángel Sambad
-Texto : Xosé Búa “Pirata”