O campo de “A Arliña” contará co ansiado alumeado tras décadas de espera.

A iluminación da Arliña será unha realidade tras máis de vinte anos de reivindicación.

A actuación contará cun investimento de 115.207,64 euros, dos que 100.000 serán financiados pola Xunta de Galicia e 15.207,64 polo Concello de Muxía

A iluminación do campo municipal da Arliña, en Muxía, está máis preto de converterse en realidade “despois de máis de vinte anos de reivindicación” por parte do tecido deportivo do municipio. O Concello de Muxía e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia veñen de formalizar o convenio de colaboración que permitirá executar a actuación.

O proxecto contará cun investimento total de 115.207,64 euros. A Xunta de Galicia achegará 100.000 euros, mentres que o Concello de Muxía asumirá os 15.207,64 euros restantes con fondos propios.

A intervención permitirá dotar o campo da Arliña dun sistema de iluminación adaptado ás necesidades actuais, co obxectivo de mellorar as condicións para a práctica deportiva e facilitar o uso das instalacións por parte dos clubs, deportistas e entidades deportivas do municipio. O CF Muxía xa ten xogado noutros campos pola imposibilidade de xogar algún encontro en horario tardío, e deuse unha ocasión na que o clube alquilou iluminación para un encontro. Ademáis a carestía lumínica fai que os adestramentos semanais dos equipos do clube muxián se fagan en condicións paupérrimas.

A concelleira de Deportes, Sandra Vilela, salientou, nunha nota de prensa que nos foi enviada, a importancia dunha actuación que, segundo explica, responde a unha demanda histórica do deporte muxián.

“Para min é un orgullo poder levar a cabo esta inversión. Sei que é unha actuación fundamental para o bo desenvolvemento das actividades deportivas do Concello de Muxía e, sobre todo, sei o que significa para todas esas persoas que levan tantos anos demandando unha iluminación digna para o campo da Arliña”, sinalou a edila muxiana.

Vilela destacou tamén o traballo realizado polo Concello para sacar adiante o proxecto e defendeu que a colaboración entre administracións foi determinante para atopar unha solución.

“Durante moitos anos escoitamos que esta obra era inviable, que non se podía facer ou que quedaría sempre pendente. Hoxe os feitos demostran que, cando hai vontade, se traballa, se buscan solucións e se presentan proxectos serios, as cousas poden saír adiante”, afirmou.

A responsable municipal de Deportes agradeceu expresamente o apoio da Xunta de Galicia e do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para financiar a actuación.

Desde o Concello destacan que esta intervención súmase a outras actuacións e liñas de colaboración desenvolvidas nos últimos anos entre a Administración autonómica e o municipio de Muxía, especialmente no ámbito das infraestruturas e servizos municipais.

Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Javier Sar, cualificou o proxecto como “unha moi boa noticia para Muxía” e, especialmente, para o tecido deportivo local.

“Quero agradecer á Xunta de Galicia a súa colaboración e o compromiso demostrado para que unha demanda que levaba tantos anos sobre a mesa poida finalmente facerse realidade. Desde o Concello seguiremos traballando para mellorar as instalacións e os servizos que ofrecemos aos nosos veciños”, afirmou o rexedor.

A mellora da iluminación permitirá ampliar e optimizar o uso do campo da Arliña e mellorar as condicións nas que se desenvolven as actividades deportivas. Deste xeito, unha reivindicación que se prolongou durante máis de dúas décadas entra agora na súa fase de materialización.

Para o Concello, a actuación supón un novo paso na modernización das instalacións deportivas municipais e unha resposta a unha das demandas históricas do deporte muxián.

Esta é unha magnífica nova para o CF Muxía e para o Municipal da Arliña que foi considerado por un medio británico fai uns anos, como o campo máis fermoso de España polo seu enclave a beira do Atlántico.

–

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Información : Nota de prensa Concello de Muxía

–