O CALENDARIO DO DEPOR SABERASE O MARTES E O DO EQUIPO FEMININO O MÉRCORES.

 

A Federación Española de Fútbol comunicou esta mañá que o vindeiro martes 20 de xullo ás 12:00 realizarase o sorteo do calendario do grupo no que militará o RC Deportivo na Primera RFEF. O acto poderase seguir por streaming nas canles oficiais da Federación.

A Comisión Delegada fixou o 29 de agosto como data para o inicio da liga. A competición xogarase sen descanso cada fin de semana até o 19 de decembro, que terá lugar a última xornada do ano 2021. Tralo parón do Nadal, a liga retómase o 9 de xaneiro pero non haberá liga o 16 de xaneiro pola disputa da Supercopa de España. Tan só haberá unha xornada intersemanal, o mércores 26 de xaneiro.

A Primera RFEF finaliza o 29 de maio despois de 38 xornadas e xa no mes de xuño xogaranse os playoff de ascenso a Segunda División.

O meta coruñés Ian Mackay asegurou esta mañá en rolda de prensa, con motivo da súa presentación, que “o máis importante é chegar ben á primeira xornada”. Para iso, aos poucos vai tomando forma o calendario de amigables de pretemporada, para o que hai xa tres citas confirmadas:

RC Villalbés – RC Deportivo, sábado 24 de xullo, 19:00 h. A Magdalena
Viveiro CF – RC Deportivo, sábado 31 de xullo, 19:00 h. Cantarrana
Bergantiños FC – RC Deportivo, mércores 4 de agosto, 19:00 h. As Eiroas

 

O feminino un día despois

A Real Federación Española de Fútbol anunciará o vindeiro mércores 21 de xullo, ao concluír o sorteo do calendario da Primera Iberdrola, a data na que se fará público o calendario de Reto Iberdrola ou Segunda División RFEF, competición na que participará o Deportivo ABANCA.

Os quince rivais do conxunto branquiazul, nun dos dous grupos nos que quedou constituída a categoría de prata do fútbol feminino español, son os seguintes:

-Athletic Club B
-CD Fundación Osasuna Feminino
-CD Parquesol (Valladolid)
-CDE Racing Féminas (Santander)
-CE Seagull (Badalona, Barcelona)
-Atlético de Madrid B
-FC Barcelona B
-Oviedo Moderno CF
-SE AEM (Lleida)
-Real Sporting de Gijón
-Zaragoza CFF
-RCD Espanyol
-FC Levante Las Planas (Sant Joan Despí, Barcelona)
-CD Pradejón (A Rioxa)
-CDEF Logroño

O Deportivo ABANCA comezará a temporada a fin de semana do 4 e 5 de setembro. O último partido de 2021 será a fin de semana do 11 e 12 de decembro. Após o parón do Nadal, a competición retomarase o 8 ou 9 de xaneiro de 2022. A liga concluirá a última fin de semana de maio e quedará o mes de xuño para os playoff.

Apunta a Real Federación Española que de cara á temporada 2022-23 haberá unha nova reestruturación no fútbol feminino: a Primera Iberdrola terá unicamente 14 equipos (non os 16 que hai agora mesmo); e Reto Iberdrola quedará constituída nun só grupo de 16 equipos. Isto leva á creación dunha nova categoría, a Terceira RFEF, constituída por dous grupos de 16 equipos cada un.

Até a data, están confirmadas as seguintes futbolistas para a próxima temporada do Deportivo ABANCA:

-Porteiras: Ana Valles e María Sampalo

-Defensas: Cris, Patri López, Andrea Sierra, Inés Altamira e Goretti Neira

-Centrocampistas: Alba Merino, Eva Dios, Paula Gutiérrez e Alejandra Serrano

-Dianteiras: Ainhoa Marín, Carlota e María Ruiz

-Foto e Texto : RC Deportivo