O BURELA PESCADOS RUBÉN SEGUE A FACER HISTORIA LEVÁNDOSE A SUPERCOPA DE ESPAÑA

 

As Guerreiras Laranxas seguen escribindo a súa propia historia. O Burela Pescados Rubén vai camiño de converterse en lenda e este venres, en Las Rozas (Madrid), engadiu outro capítulo á súa biografía. En pouco menos de tres meses as mozas que dirixe Julio Delgado conquistaron a Copa da Raíña, a Nations Cup de Milán e a Supercopa de España. Que o ritmo non pare.

A gran final da Supercopa de España feminina de fútbol sala non foi un partido máis. E o Pavillón da Cidade do Fútbol de Las Rozas, cheo ata o último asento para o encontro, foi unha mostra clara diso.

Co conxunto galego e o Futsi Atlético Navalcarnero como grandes protagonistas, o partido comezou desde o inicio con ocasións claras para ambos os equipos. Desta forma, as grandes accións individuais, os disparos ao pau e as paradas milagrosas marcaron os primeiros compases da final, un evento que mantivo aos afeccionados en tensión durante todo o tempo regulamentario.

Jennifer Santos, un auténtico bulebule sobre a pista, foi a primeira en avisar para o Burela cun disparo forte que se marchou ao lateral da rede. E Ari, nun man a man fronte a Ana, a encargada de replicar para as madrileñas.

O gol, que podía caer para calquera equipo nese momento, non se faría esperar máis. Tras un descoido na defensa do Navalcarnero, Jane interceptaba un balón na zona de creación rival para anotar o 1-0. A partir de aí, o equipo de Andrés Sanz deu un paso á fronte e lonxe de vir abaixo comezou a xerar moito perigo con dous dobres penaltis que esixiron o mellor de Ana Romero. As paradas, salvadoras nun momento chave, deron ás ás galegas e Jane foi a encargada de darlles valor co segundo gol do partido, un tanto celebrado pola parroquia laranxa desprazada ata Madrid.

Co paso dos minutos, e xa no segundo tempo, os dous equipos continuaron despregando un excelente fútbol. O potencial en ataque do Navalcarnero puxo a proba unha e outra vez a solidez defensiva do Burela, que construíu desde as súas defensoras o terceiro gol, obra, unha vez máis, de Jane, protagonista absoluta do partido cun hattrick.

Lonxe de durmirse, o encontro converteuse entón nun auténtico intercambio de golpes que deixou varios goles máis, dous para o Navalcarnero (Ame e Anita) e tres para o Burela (Jenny Lores, Jozi -desde a súa portería- e Ale de Paz).

Ao final, outra exhibición do colectivo de Julio Delgado para completar a súa particular semana fantástica. O Burela é o súper campión.

Texto e foto : RFGF

+++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es