Ó 6 DE SETEMBRO A SD CORISTANCO HOMENAXEA A “MANOLO DE LÓPES” CUN MEMORIAL.

Memorial Manuel Vecino “Manolo de Lópes” en Coristanco

O vindeiro sábado 6 de setembro celebrarase no Campo Municipal “Manuel Vecino Serra”, en Coristanco, o primeiro memorial en lembranza de Manuel Vecino Serra, máis coñecido como “Manolo de López” ou “Manolo Manquiño”, unha das figuras máis entrañables e importantes do fútbol da Costa.

O torneo reunirá ao CD NantónSD Coristanco SeniorSD Coristanco Veteranos, que se medirán nun triangular co seguinte calendario:

  • 11:00 h : CD Nantón-Veteranos SD Coristanco

  • 12:00 h : SD Coristanco-CD Nantón

  • 13:00 h : SD Coristanco- Veteranos SD Coristanco

Trátase dun torneo que, máis alá do fútbol, será unha homenaxe á memoria dun home que deixou unha fonda pegada no deporte e na vida social de Coristanco.

A figura de Manolo de López

Manuel Vecino Serra faleceu aos 83 anos de idade, causando un fondo pesar en Coristanco e en todo o fútbol da Costa. Foi presidente do SD Coristanco durante 19 anos repartidos en dúas etapas, pero nunca deixou de estar presente, xa que desde a fundación do club no 1979 sumou 46 anos nas directivas, ocupando nos últimos tempos o cargo de Presidente Honorífico.

Superou un cancro e, lonxe de retirarse, regresou ao campo para seguir apoiando ao seu club de sempre, ao que se entregou en corpo e alma. Grazas á súa constancia, o Coristanco foi medrando ata contar con todas as categorías posibles, quedándolle como soño por cumprir a creación dun equipo feminino, algo que tamén desexaba para que as rapazas da vila non tivesen que marchar a outros pobos.

Manolo era unha persoa coñecida pola súa cercanía, simpatía e carácter extrovertido, habitual das tertulias no “Trincado” e no “Arume”, sempre cunha anécdota ou un recordo de tantas viaxes e partidos vividos.

No 2019, a Real Federación Galega de Fútbol, da man do seu presidente Rafael Louzán, recoñeceu a súa traxectoria co premio, “Toda unha vida”, pola súa dedicación ao longo dos anos en prol do fútbol galego, entregado na Gala do Fútbol Galego na Cidade da Cultura de Santiago.

E no 2023, o Concello de Coristanco tivo a ben dar o seu nome ao campo municipal da “Rocheira”, que pasou a chamarse oficialmente Campo “Manuel Vecino Serra”, nun acto moi emotivo para él, a súa familia e toda a veciñanza.

Un legado que perdura

Manolo de Lópes deixa tras de si un legado de traballo, humildade e paixón polo deporte. Sempre soñou cun Coristanco grande, e o club que el fundou e coidou con tanto agarimo é hoxe unha realidade viva e chea de futuro.

O Memorial que leva o seu nome non é só un torneo, senón unha oportunidade de lembrar e agradecer a un home que fixo tanto por Coristanco e polo fútbol da Costa, e que sempre permanecerá na memoria de todos.

-Foto : SD Coristanco

-Texto : Xosé Búa “Pirata”