NUTRIDA REPRESENTACIÓN DE CANTEIRÁNS NA CONVOCATORIA PARA O ENCONTRO DE HOXE DE COPA.

 

Nutrida representación de #ANOSACANTEIRA para o partido desta tarde en ABANCA-RIAZOR ante o Alavés (19:00 horas), correspondente á segunda eliminatoria da Copa de SM O Rei. Concretamente os fabrilistas Manu Mosquera, Barba e Iván Guerrero; e os xuvenís Peke e Juan Rodríguez foron citados por Fernando Vázquez para un partido que o propio vestiario deportivista, como demostrou en palabras de Álex Bergantiños ou Lucho García, concede ao rival, un ‘Primeira’, o claro rol de favorito.

Regresa Keko, superadas as súas molestias musculares; e quedan fóra da citación de 19 xogadores por problemas físicos Miku, Borja Galán, Uche e Derik. Gandoy tamén é baixa após superar recentemente o COVID-19 pero aínda sen o visto e prace dos Servizos Médicos; e Borja Granero, expulsado con vermella directa na primeira eliminatoria ante o CD El Ejido, está sancionado.

O equipo branquiazul preséntase en ABANCA-RIAZOR sen poder adestrar onte martes debido a un positivo por coronavirus detectado nas probas PCR realizadas o pasado luns na Cidade Deportiva. O futbolista, que non presenta síntomas, foi illado inmediatamente.

Comunicado xa a saúde pública da Xunta de Galicia para que active tamén os seus procedementos, continuará en situación de illamento e todos os seus compañeiros de cadro e técnicos realizaron novos tests onte mesmo, resultando todos negativos.

Finalizado o encontro copeiro, o cadro deportivista adestrarase de novo en Abegondo mañá xoves 7 de xaneiro ás 11:00 horas.

-Foto e Texto : rcdeportivo.es