NOVAS BREVES DO DEPORTE DA COSTA . “ASEMBLEA DA SUBDELEGACIÓN DA COSTA E SORPRESIVA DIMISIÓN DA DIRETIVA DO CD BAIÑAS”.

Manuel Espasandín con Pablo Prieto na Copa da Costa

Asemblea concurrida e con máis desatino que tino

Chamémoslle asemblea, xuntanza, pleno…a Subdelegación da Costa reuneuse en Baio e trouxo un séquito enorme de persoeiros, para que xa de por sí a xuntanza fose concurrida, co presidente da RFGF, Pablo Prieto a cabeza. Pero non fallou o fútbol da costa e tamén tivo unha nutrida participación.

A xuntanza tratou os requerimentos dos clubes costeiros que de nada valerán se non son aprobados pola Asemblea Xeral Extraordinaria. 

Os pais de árbitros, clubes e compañeiros de Manuel Espasandín, que foi destituido, sen xeito nen maneira, como subdelegado de árbitros da costa, amosaron o seu descontento por este acto inxustificado e pediron restituilo, amosando un apoio unánime ao baies que tanto fixo nos 2 anos no cargo, pola arbitraxe costeira.

Os clubes amosaron o seu rexeite a que o Bergantiños B milite na 3ª da costa. Non ven ben que si non quixeron competir co resto de equipos no fútbol costeiro que o fagan co equipo B, cousa que tamén debe decidir a Asemblea Xeral, pensen o que pensen os da costa.

A Copa da Costa será sorteada por setembro e comezará en outubro, para tentar que a final sexa o 24 de Maio. A edición pasada amosou que as eliminatorias invernais son un sacrificio.

O adestrador do CF Lira, Óscar Leis fixo unha petición que respaldaron os asistentes e que se refire a que a Subdelegación da costa pase a ser Delegación, a 8ª do fútbol galego, polo seu crecemento en tódolos niveis e categorías. Pero todo apunta, coma no resto, ao que diga a Asemblea Xeral, e ademáis si “terían que trocar os estatutos”, é un non antes de ser tratado.

Ovación unánime

O acto máis unánime e fermoso da xuntanza foi a ovación e aplauso recibido por parte do ex presidente da SCDR Esteirana, Manolo “Ferrolán”, presente na xuntanza e que ven de superar unha leucemia.

Composición das ligas costeiras

Liga da Costa: 16 equipos
3º da Costa: 15 equipos
Xuvenís : 23 equipos en 2 grupos
Cadetes : 21 equipos en 2 grupos
Infantil : 21 equipos en 2 grupos.

A diretiva do CD Baiñas dimite en pleno

Fai 10 días chegábanos o anuncio de que Emilo Rama “Lilo” sería o adestrador do CD Baiñas para a vindeira tempada. Este pasado mércores estaba programada unha asemblea de socios na Casa da Cultura de Baiñas para tratar o balanzo económico e deportivo, os rogos e preguntas e a convocatoria de eleccións. E no día de hoxe o clube facía un comunicado oficial anunciando a dimisión, pero non de cara a reelección, senón que “de maneira oficial” e “por motivos internos”.

Comunicado CD Baiñas

Dende a directiva do CD Baíñas queremos comunicar que, por motivos de carácter interno, presentamos a nosa dimisión de maneira oficial e deixamos as nosas funcións ao fronte do club.
Queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron e confiaron neste proxecto: xogadores, familias, técnicos, patrocinadores e aficionados.
Informamos tamén que calquera persoa ou grupo que desexe asumir a responsabilidade do club deberá presentar un equipo directivo antes do vindeiro luns, prazo máximo para garantir a continuidade da actividade deportiva de cara á nova tempada.
Con este comunicado, pechamos unha etapa con orgullo polo traballo realizado e desexamos o mellor para o futuro do CD Baíñas.
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”