Noé Carrillo: “Levo moito tempo traballando para momentos así e estou moi feliz por poder axudar ao equipo a sumar unha vitoria”.

 

Noé Carrillo converteuse no gran protagonista da semana no Deportivo. O canteirán branquiazul, recentemente renovado ata 2029, foi decisivo na última xornada ao marcar no seu primeiro balón nada máis saltar ao terreo de xogo, dándolle os tres puntos ao equipo.

O tímido centrocampista branquiazul compareceu en rolda de prensa nun momento especialmente doce, no que recoñeceu estar “moi contento” tanto polo gol como pola súa continuidade no club.


Unha semana inesquecible

“Está sendo unha semana moi bonita para min. Levo moito tempo traballando para vivir momentos así e estou moi feliz por poder axudar ao equipo a sumar unha vitoria. Agora toca seguir e centrarse no seguinte partido”.


Un gol difícil de asimilar

“Cando golpeei o balón case nin mo cría, porque era o primeiro que tocaba. Foi todo moi rápido. Despois, xa na celebración, acordeime da miña nai, que viñera ao campo ese día. A última vez que marcara non puidera velo en directo, e esta vez si, e iso fíxome especial ilusión”.

Sobre a reacción familiar, engadiu: “A miña nai é bastante tímida, coma min, pero viviu o momento con moito orgullo e felicidade. Para nós foi algo moi bonito”.


Aprender dos que levan máis tempo

Carrillo destacou tamén a importancia de compartir vestiario con xogadores experimentados: “É un privilexio poder adestrar con xente de tanto nivel. Esíxenche sempre un pouco máis e iso axúdache a mellorar. Fíxome moito nos veteranos, non só no que fan no campo, senón tamén na súa forma de estar e comportarse. Axúdame a levar mellor a presión”.


Renovación con continuidade asegurada

Sobre a súa renovación, explicou que era un asunto xa encamiñado: “Levabamos tempo falando, desde finais de ano máis ou menos, e xa estaba pechada desde hai bastante. Oficializouse agora, pero eu sempre tiven claro que quería seguir aquí. Estou moi contento por poder continuar no Deportivo”.


Compromiso total co club

Preguntado pola súa presenza tanto no primeiro equipo como no Fabril, foi claro: “Véxoo con total normalidade. Estou ao servizo do club e vou dar o 100% estea onde estea. Co Fabril tiñamos un reto moi bonito, que era o ascenso, e conseguimos. Agora, co primeiro equipo, toca estar preparado para cando faga falta”.


Ambición sen perder o foco

En canto aos obxectivos colectivos, apostou pola prudencia:
“Temos que ir partido a partido. Agora o importante é o seguinte encontro e despois xa pensaremos nos demais. O equipo está centrado en competir ao máximo”.


Un ano de evolución

“Está sendo unha tempada de moito crecemento para min. Estou aprendendo a competir mellor, a gañar duelos e a adaptarme a esixencias máis altas. De momento estou contento con como están saíndo as cousas, pero queda moito por mellorar”.


Naturalidade ante a exposición

Carrillo recoñeceu que non é amigo dos focos:
“Son unha persoa bastante tímida e non me sinto especialmente cómodo con toda esta atención. Pero sei que forma parte do fútbol e intento levalo da mellor maneira posible”.


A anécdota do disparo

Tamén houbo espazo para as bromas, lembrando unha recomendación que lle fixeran desde o corpo técnico:
“Comentáranme máis dunha vez que debía probar máis o tiro desde fóra. O outro día animeime e saíu ben. Ás veces tamén hai que atreverse”.


Un vestiario unido

“O equipo tomouno con humor, fixéronme algunha broma e mesmo un pequeno ‘pasillo’. Hai moi bo ambiente no vestiario e iso tamén se nota no campo”.


Preparados para calquera escenario

“Desde abaixo trabállase moito para que, cando chegue o momento, esteas preparado. O que fas nas categorías inferiores tes que mantelo cando sobes. Non é algo individual, é un traballo de todos en Abegondo”.


Moitas mensaxes…e as que quedan

“Recibín moitas mensaxes tras o partido. Ese día respondín só á familia e ao día seguinte xa fun contestando ao resto. Oxalá sigan chegando, será boa sinal”.


Mirando ao seguinte reto

Sobre o próximo rival e o contexto do equipo, concluíu:
“Temos que tomalo como un partido máis. Sabemos a importancia que ten, pero o fundamental é preparalo ben e saír a por os tres puntos”.

.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo