NO DÍA DE HOXE ARRANCOU O “CAMIÑO A VELA” EN LA ROCHELLE, (FRANCIA) E QUE RECALARÁ EN MUXÍA O 24 DE XUÑO ETAPA INTERMEDIA NO DESTINO FINAL : SANTIAGO DE COMPOSTELA.

Muxía parada do “Camiño a vela” dende os seus inicios.

 

No día de hoxe 6 de Xuño do 2023 partiu do porto francés de La Rochelle a “VIII Travesía “O Camiño a vela”, unha experiencia de turismo azul sostible e solidaria para navegar durante tres semanas ata chegar a Santiago de Compostela o 29 de xuño.

Un ano máis coma en tódalas anteriores edicións a “flota peregrina”, recalará na “Marina Muxía”, porto deportivo muxián, moi vinculado co porto francés de La Rochelle, dende o que recalan cada ano moitísimos veleiros e iates, tanto de navegantes particulares, coma de embarcación fabricadas no porto frances e que se dirixen a moitas partes do mundo para a sua entrega e teñen o noso porto como escala estratéxica. Tamén elixiron Muxía como punto que ademáis é final do alargamento do Camiño de Santiago a costa, pola tradición da Nosa Señora da Barca, unha lenda que se extende a máis de 14 séculos atrás. A comitiva peregrina amarrará no porto deportivo da Vila da Barca o 24 de xuño, para logo dirixirse a Muros e de aí a Boiro e Vilagarcía dende onde subirán a Padrón e logo o derradeiro treito a pé ata Santiago de Compostela.

 

 

Preto de 200 persoas cun mesmo obxetivo

A frota de 25 veleiros con 105 peregrinos a bordo, ademais de 80 invitados que realizarán algunha das etapas, emprenderon a 8ª Travesía “O Camiño á vela”. Son 13 portos deportivos e marinas das diferentes localidades polas que transcorre a Travesía as que recibirán aos peregrinos por mar con actividades culturais, gastronómicas e lúdicas en cada escala.

A “flota peregrina” está composta por varias nacionalidades ademáis dos españois hai 35 de nacionalidade francesa, unha familia de Arxentina, e un navegante de México, os cales ergueron velas para realizar a travesía máis longa de “O Camiño á vela”, con 13 etapas de navegación e a última a pé desde Padrón a Santiago de Compostela.

Navegando pola “Educación Azul”

Na súa oitava edición, o “Camiño á vela” navegará pola “Educación Azul”, co obxectivo de “achegar o mar á xente e a xente ao mar”, visibilizando as profesións mariñeiras como saída ao emprego, especialmente entre os máis novos, a través da educación.

 Tras a saída en La Rochelle, os veleiros peregrinos recalarán en Hondarribia, Bermeo e Getxo en Euskadi; Laredo e Santander, en Cantabria e Xixón en Asturias, para alcanzar as costas galegas en Ribadeo e desde alí a Cedeira, A Coruña, Muxía, Muros, Boiro e Vilagarcía de Arousa, porto final da navegación a vela. Desde alí os peregrinos realizarán a ruta da Traslatio remontando o Río Ulla e a última etapa do Camiño a pé ata Santiago.

 

 

Medirán a pegada de carbono

A VIII Travesía “O Camiño a vela” dá un paso máis no seu compromiso como experiencia de turismo náutico sostible e na súa edición 2023, calculará a pegada de carbono resultante da súa singradura para mellorar a súa estratexia de sostibilidade.

Xa de por si unha experiencia de turismo náutico que se desfruta navegando a vela, a forma de propulsión máis sostible das embarcacións nas que viaxan os peregrinos que realizan o camiño de Santiago por mar, a Travesía pon o foco este ano no coidado do planeta. Para iso, en colaboración coa Facultade de Ciencias Biolóxicas e Ambientais da Universidade de León, os organizadores de “O Camiño a vela” calcularán a pegada de carbono da Travesía.

Patrocinios

A oitava edición de O Camiño de Santiago a Vela conta co patrocinio de Repsol, QuironSalud e Aqualia, ademáis de Mercury Avator e Mapfre e co impulso institucional do Instituto Marítimo Español (IME) e a Asociación Nacional de Empresas Náuticas (ANEN). Conta con fondos Next Generation a través da colaboración coa Mancomunidade O Salnés (Galicia).

 

-Fotos e Texto: Xosé Búa “Pirata”/Comunicación “Camiño a vela”