Nike vestirá ao Dépor ata 2031 e o vídeo do club dispara as especulacións de cara ás 19:06 deste xoves.

O RC Deportivo puxo fin este pasado martes á etapa con Kappa, marca que vestiu a todos os equipos da entidade branquiazul durante as últimas cinco temporadas, para anunciar oficialmente un acordo con Nike para os vindeiros cinco anos.

A marca da coñecida “gadaña”, como bautizou a nosa web polo seu logotipo, converterase desde a campaña 2026-27 no novo patrocinador técnico do club, encargándose das equipacións do primeiro equipo masculino, do Dépor ABANCA, da canteira e do Dépor Genuine.

Máis aló do cambio de marca, o Deportivo destaca un aspecto diferencial do novo contrato: “a entidade negociou directamente con Nike e conservará o control sobre as decisións estratéxicas relacionadas coa súa identidade visual. O club terá a última palabra nos deseños das equipacións e na imaxe deportiva, mentres que Fútbol Emotion asumirá a xestión das tendas oficiais, a comercialización do material, a personalización das prendas e a loxística”.

O anuncio chega nun momento moi especial para a entidade, que encara a tempada do seu 120 aniversario tras regresar á Primeira División, nun contexto no que busca consolidar o seu proxecto deportivo e institucional.

Pero o comunicado non foi o único movemento do día. O Deportivo publicou tamén un enigmático vídeo nas súas redes sociais que non tardou en incendiar a imaxinación do deportivismo. Nel pode verse un garda de seguridade vixiando varias pantallas de cámaras de seguridade ata que a emisión se interrompe, deixando en primeiro plano unha data -xoves 2 de xullo- e unha hora: as 19:06.

Non parece unha casualidade. O club leva anos empregando esa hora para anunciar fichaxes, renovacións ou novidades de especial relevancia, nun claro aceno ao ano da súa fundación, 1906. Por iso, a publicación abriu inmediatamente a porta a todo tipo de especulacións entre a afección.

A opción que máis forza cobra é a presentación dunha das novas equipacións de Nike, moi esperadas tras confirmarse o cambio de marca e tendo en conta que a pretempada comeza nunha semana.

Non obstante, tampouco se descarta que o club garde outra sorpresa, como o anuncio dunha fichaxe ou, quizais, a renovación de Ximo Navarro.

O lateral dereito rematou contrato onte 30 de xuño e a súa continuidade converteuse nun dos grandes desexos do deportivismo, como xa se fixo patente no derradeiro encontro en Riazor cos berros de “Ximo quedate!!!”.

Desde a súa chegada á Coruña, Ximo foi unha peza fundamental tanto polo seu rendemento deportivo como polo seu liderado no vestiario, participando activamente nos dous últimos ascensos da entidade.

Haberá que agardar ata as 19:06 de mañán xoves para saír de dúbidas. O que semella claro é que o Deportivo quixo xogar coa expectación da súa afección nun día xa de por si histórico, o da oficialización da alianza con Nike, unha das marcas deportivas máis importantes do mundo, que acompañará ao club nunha etapa chamada a marcar o futuro da entidade branquiazul e da “Era Escotet”.

Enlace vídeo do RC Deportivo : https://x.com/RCDeportivo/status/2072305410900414477

Novo amigable

O clube anunciou un novo amigable e será en Alemaña o sábado 1 de agosto no Millemtor Stadium de Hamburgo, cidade na que está o clube que colle o seu nome do distrito de Sankt Pauli e é como coñecido co somenome de “Os Piratas”.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”