Segundo informa na sua web a RFGF : Narón será de novo o epicentro do fútbol sala feminino galego o próximo luns 17 de maio, o Día das Letras Galegas, coa disputa da gran final da XIV Copa Galicia correspondente á tempada 2019/2020 entre o Pescados Rubén Burela e o Ourense Envialia FSF, dous dos nosos representantes na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional. O horario da gran final aínda está por determinar.
A batalla polo título autonómico terá como escenario o Pavillón da Gándara, que xa albergou o pasado mes de xaneiro a final da cita masculina entre o Pescados Rubén Burela e o Noia Portus Apostoli que acabou coa vitoria do elenco da Mariña.
A competición está organizada pola RFGF en colaboración co Concello de Narón e cos clubs Cidade de Narón e S.D.C.y R. Narón o Freixo.
Dous aspirantes, xunto co Poio Pescamar FS, ao título de liga
O Pescados Rubén Burela vén de ser recoñecido recentemente como o mellor club feminino do mundo e esta campaña volve aspirar absolutamente a todo. As Guerreiras Laranxas chegan a esta final correspondente á tempada 19/20 despois de eliminar na súa semifinal ao Viaxes Amarelle FSF, outro dos nosos representantes na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional.
O outro finalista nesta gran final da XIV Copa Galicia de Fútbol Sala será o Ourense Envialia FSF, que na semifinal superou ao Poio Pescamar FS.
Na actualidade, tanto Pescados Rubén Burela como Ourense Envialia FSF, xunto co Poio Pescamar FS, están a disputar a segunda fase da competición doméstica e ambos os conxuntos están encadrados no Grupo C para loitar polo título de liga.
Ademais, as de Julio Delgado e as de Gonzalo Iglesias “Morenín” tamén participarán na fase final da próxima Copa da Raíña de fútbol sala que terá lugar entre o 30 de abril e o 2 de maio.
-Foto e Texto : futgal.es