O Concello muxían presentará a campaña ‘Muxía, un municipio de sensasións’ na xornada do xoves da Feria Internacional de Turismo de Madrid.
A iniciativa estará centrada nun código QR a través do cal poderá escoitarse unha escolma de sons que evocan o sentir do municipio galego.
“A través desta proposta a xente poderá escoitar o ‘Viva a Virxe da Barca’ do domingo da Barca, o son das ondas batendo contra as pedras das nosas costas, a danza de espadas de Quintáns ou marabillosa melodía das Abaladeiras, entre outras”, destacou Toba.Muxía, 19 de xaneiro de 2022 – ‘Muxía, un municipio de sesasións’ será a campaña coa que o Concello de Muxía levará a súa cultura, tradicións e as atractivas características da súa fala á edición deste ano de FITUR.
Esta novidosa iniciativa centrarase nun código QR, a través do cal o público poderá escoitar diversos sons que evocan o sentir do municipio. Deste xeito, poderase escoitar o latexo producido desde fai moitos anos pola Pedra de Abalar cando os romeiros a abalaban, así como gozar dos sons da danza de espadas típica de Quintáns ou sentir a emoción co ‘Viva a virxe da Barca’ do domingo da Barca, entre outros.
A partir das 15:00 horas deste xoves 20 de xaneiro será a quenda para que Muxía, a través do seu alcalde Iago Toba, poña en escena esta orixinal iniciativa que espera levar a cultura e o sentimento muxián ao redor do mundo.
O alcalde, Iago Toba, puxo en valor que “a través desta proposta a xente poderá escoitar desde o son das ondas batendo contra as pedras das nosas costas, a danza de espadas de Quintáns ou marabillosa melodía das Abaladeiras, sons que sen dúbida son un fiel reflexo do que somos, xente de mar e con moito corazón e sentimento”.
“Muxía, un municipio de sensasións é unha mostra do que somos, das nosas raíces, da nosa cultura e das atractivas características da nosa fala que nos fan persoas únicas”, destacou Toba.
-Foto e Texto : Departamento de prensa Concello de Muxía