● O grupo de goberno presentou o amplo compendio de actividades culturais e deportivas que darán comezo a partir do vindeiro mes de outubro.
● Haberá propostas para todas as franxas de idade e terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.
● Inscricións no ximnasio municipal de Muxía, de luns a venres en horario de apertura, ata o 5 de outubro.
O Concello de Muxía deu a coñecer, a través do alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, a programación cultural e deportiva ‘Móvete!’ para esta nova temporada 2022/2023.
Este completo compendio de actividades darán comezo a partir do vindeiro mes de outubro e haberá propostas destinadas para todo tipo de público e de idade, no que terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Os trípticos comezarán a repartirse nos colexios da vila durante a vindeira semana.
As persoas interesadas poderán inscribirse no Ximnasio Municipal de Muxía ata 5 de outubro, de luns a venres en horario de atención ao publico. As prazas serán limitadas e para que unha actividade poda dar comezo será requisito indispensable que haxa como mínimo 10 inscricións en cada unha. No caso de que o número de demandas supere a oferta farase un sorteo público entre as persoas inscritas.
Tras a presentación, a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, destacou “a gran variedade desta programación, que ten como principal obxectivo favorecer a organización e conciliación das familias”.
As actividades culturais abranguen teatro, talleres de estimulación cognitiva, música e baile tradicional, tanto para nenos e nenas como para adultos.
En canto ás escolas deportivas a oferta inclúe fútbol sala, fútbol, iudo, patinaxe, psicomotricidade e balonmán. Ademais, para as persoas adultas haberá ximnasia de mantemento, pilates, GAP, Spinning e tonificación.
As actividades de baile serán baile latino e salón para maiores de 18 anos, e para a rapazada a programación incorpora iniciación á danza e baile moderno.
-Fotos e Texto : Departamento de Prensa Concello de Muxía