MUXÍA “MÓVETE” PROGRAMACIÓN DEPORTIVA E CULTURAL DO CONCELLO DE MUXÍA 2023/24.

 

Muxía presenta ‘Móvete!’, a completa
programación cultural e deportiva para este novo
curso 2023/2024

● O grupo de goberno presentou o amplo compendio de actividades culturais
e deportivas que darán comezo a partir do vindeiro mes de outubro.

● Haberá propostas para todas as franxas de idade e terán preferencia as
persoas empadroadas no municipio.

● Inscricións no ximnasio municipal de Muxía, de luns a venres en horario de
apertura, ata o 28 de setembro.

 O Concello de Muxía deu a coñecer esta mañá a
programación cultural e deportiva ‘Móvete!’ para esta nova temporada 2023/2024.
Este completo compendio de actividades darán comezo a partir do vindeiro mes de
outubro e haberá propostas destinadas para todo tipo de público e de idade, no que
terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Os trípticos comezarán a
repartirse nos colexios da vila durante a vindeira semana.

As persoas interesadas poderán inscribirse no ximnasio municipal de Muxía ata o 28
de setembro, de luns a venres en horario de atención ao publico. As prazas serán
limitadas e para que unha actividade poda dar comezo será requisito indispensable
que haxa como mínimo 10 inscricións en cada unha. No caso de que o número de
demandas supere a oferta farase un sorteo público entre as persoas inscritas.

Tras a presentación, o concelleiro de Deportes, Felipe Vilela, destacou “a gran
variedade desta programación que ten como principal obxectivo apostar polo deporte
da nosa vila, favorecer a organización e conciliación das familias de Muxía, así como
as relacións sociais dos nosos maiores”.

As actividades culturais abranguen teatro, talleres de estimulación cognitiva e
taller de manexo de teléfonos móbiles, todas elas destinadas a público adulto.

En canto ás escolas deportivas a oferta inclúe fútbol sala, fútbol, tenis de mesa,
iudo, patinaxe, psicomotricidade e balonmán. Ademais, para as persoas adultas
haberá ximnasia de mantemento, pilates, GAP, Spinning e tonificación.

As actividades de baile serán baile latino e salón para maiores de 18 anos, e para
a rapazada a programación incorpora iniciación á danza e baile moderno.

 

-Fotos e Texto : Departamento Prensa Concello de Muxía