Muxía lembrará a Abdoulaye Fall cun torneo na súa memoria na Arliña o Luns de Pascua.

O vindeiro Luns de Pascua, 6 de abril, o fútbol muxián vivirá unha xornada moi especial no Municipal da Arliña. O Concello de Muxía organiza ás 17:00 horas o I Torneo Abdoulaye Fall Seck, unha cita deportiva cargada de emoción que servirá para lembrar a figura dun rapaz que deixou unha fonda pegada no fútbol base da vila.

Abdoulaye Fall Seck, coñecido por todos como Abdulay, foi un neno de orixe senegalesa que chegou moi pequeno a Muxía xunto ca súa familia. Desde as categorías máis temperás formou parte do CF Muxía, onde foi medrando como futbolista e, sobre todo, como compañeiro querido por todos.

A súa vida truncouse de maneira tráxica o 23 de abril de 2016, nun partido de categoría cadete entre o CF Muxía e a SD Fisterra. No descanso do encontro, no propio vestiario, Abdulay desplomouse diante dos seus compañeiros. De inmediato comezaron as manobras de reanimación por parte de membros de ambos equipos e dunha enfermeira muxiá que se atopaba no campo. Posteriormente continuaron os médicos que acudiron á instalación, mentres incluso un helicóptero se desprazaba ata A Arliña para un posible traslado urxente. Por desgraza, todos os intentos resultaron inútiles.

Aquel día converteuse na nova máis triste publicada en piratasdemuxia.es, e segue a ser desde o noso nacemento un 28 de maio do 2007. Foi tamén, paradoxicamente, a información máis lida e compartida da nosa historia, chegando a ter repercusión en toda España e mesmo máis alá das nosas fronteiras. Desde máis de 200 medios, foros ou webs, solicitaron información e fotografías do rapáz, entre eles a Agencia EFE, e tamén medios do veciño Portugal.

O CF Muxía, abreu unha conta para repatriar o seu cadaleito o seu Dakkar natal e foi todo un éxito sen precedentes con apoio de toda a Costa da morte e o clube muxián e o fútbol da costa fixéronlle unha homenaxe e foi lembrado moitas veces cada vez que se cumplen anos, él tiña 15 e agora tería 25, nunca esqueceremos o seu sorriso retranqueiro, unha cousa que colleu aquí e que levou con él pero pervive na lembranza de tódolos seus compañeiros.

Case unha década despois, o recordo de Abdulay segue moi presente entre quen compartiron con el vestiario, escola e amizades. Por iso, o Concello decidiu que este novo torneo leve o seu nome, converténdose nunha homenaxe permanente á súa memoria.

O acto contará cun partido entre os Veteranos e o Muxía B e tamén incluirá un momento especial para recoñecer o talento deportivo da vila. Durante a xornada entregaranse trofeos ao mérito deportivo a varios deportistas muxiáns que acadaron importantes éxitos durante o ano 2025, entre eles campións galegos e mesmo campións de España nas súas respectivas disciplinas.

Desde o Concello queren aproveitar esta cita para : “agradecer o esforzo destes mozos e mozas e lembrarlles que Muxía segue con orgullo os seus pasos no deporte”.

Continuan dicíndonos dende o concello que : “sobre todo, será unha tarde para lembrar a Abdulay. Un rapaz que chegou de lonxe e que acabou sendo un máis da familia do fútbol muxián, deixando unha lembranza que o tempo non conseguiu borrar”.

Homenaxe que lle fixemos na nosa canle de Youtube de piratasdemuxia.es

.

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”