Muxía converterase no epicentro da música e o baile tradicional coa celebración da “I Folía da Sartaña”.

A cita terá lugar o sábado 24 de outubro no Camping Lago-Mar, (O Lago/Merexo-Muxía) e reunirá obradoiros, máis dunha ducia de agrupacións da contorna, o concerto de Lorelia e unha foliada libre e numerosos grupos da zona.

Muxía prepara unha nova cita coa cultura tradicional. O vindeiro sábado 24 de outubro, o Camping Lago-Mar converterase no escenario da I Folía da Sartaña, unha xornada festiva e cultural que nace co propósito de poñer en valor e dinamizar a música e o baile tradicional como parte fundamental do patrimonio inmaterial da Costa da Morte.

A iniciativa, organizada pola asociación Pa Feira co que Temos, conta coa colaboración do Concello de Muxía, Horta Creativa e numerosas empresas da contorna. A proposta pretende reivindicar a cultura tradicional viva e favorecer que a música, o canto e o baile formen parte da vida cultural da comarca durante todo o ano, e non unicamente durante as épocas de maior afluencia turística.

A programación dará comezo ás 16:00 horas cun obradoiro de baile e danza tradicional, no que terán un protagonismo especial as tres danzas brancas que aínda perviven no concello de Muxía, unha mostra singular do rico patrimonio cultural local.

A partir das 17:30 horas, a música tradicional tomará o escenario coa participación dun amplo abano de agrupacións e formacións da contorna. Ao longo da tarde pasarán pola Folía da Sartaña : Xaramiños do Corpiño, Abaladeiras, Vaiche Boa, Con Todo en Banda, Mar Devalado, Petaforte, Nin Chica Nin Patacón, Pedras Miúdas, Trubisquiñas, a Asociación Veciñal San Adrián de Toba, AC Fonte Santa, Sentenarios, Abelleira e Pa Feira co que Temos.

A programación contará tamén co concerto de Lorelia, que servirá de antesala ao remate festivo da xornada. Despois da actuación abrirase unha foliada libre, na que todas as persoas que o desexen poderán sumarse para tocar, cantar e bailar ata o final da celebración.

Gastronomía e actividades durante toda a xornada

A “I Folía da Sartaña” terá tamén un importante compoñente gastronómico. As persoas asistentes poderán gozar dunha proposta de gastronomía tradicional por un prezo de 10 euros, nunha aposta por acompañar a música e o baile cos sabores propios da terra.

Ademais, ao longo da xornada realizaranse distintos sorteos de experiencias e xornadas gastronómicas en establecementos colaboradores, ampliando así a oferta para as persoas participantes.

A cita estará presentada por Anjustias e Josiño, de Radio Nordés, que serán os encargados de conducir unha xornada pensada para todos os públicos e na que a participación terá un papel protagonista.

O cartel anunciador da I Folía da Sartaña foi ilustrado pola pintora, escultora muxiana Viki Rivadulla, contribuíndo tamén desde a creación artística a dar forma a esta nova celebración da cultura tradicional muxiana.

Unha aposta pola cultura tradicional viva

A organización sinala que esta primeira edición nace coa intención de dinamizar e manter viva a cultura, o baile e a música tradicional na Costa da Morte ao longo de todo o ano, apostando por xerar espazos de encontro para músicos, bailadores, agrupacións e público.

A “I Folía da Sartaña” aspira así a converterse nunha nova referencia dentro do calendario cultural de Muxía e da Costa da Morte, reunindo nunha mesma xornada tradición, música, baile, gastronomía e participación veciñal.

A entrada da música e o baile tradicional no Camping Lago-Mar o próximo 24 de outubro será, polo tanto, unha oportunidade para achegarse a unha parte esencial da identidade cultural da comarca e para reivindicar o valor dun patrimonio que segue vivo grazas ás agrupacións, asociacións e persoas que o manteñen e transmiten xeración tras xeración, tal e como nos apuntan desde a asociación.

Porque “A Sartaña”

A Sartaña é o nome que recibe a punta que existe ao oeste da Praia do Lago e Merexo, onde hai unha fonte que leva ese nome a cal lle deu no pasado o nome a esa punta e a esa zona da costa muxiana.

Máis información do evento : pafeiracoquetemos.com/foliada

–

-Foto e información : Asociación Cultural “Pa Feira Co Que Temos”

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

–