Muxía acollerá o vindeiro 2 de novembro o sorteo das Copas da Costa masculina e feminina 2026/27

O sorteo celebrarase o vindeiro luns 2 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón do Voluntariado do Edificio Multiusos da Camposa, (Muxía), coa participación de 52 equipos inscritos nas dúas competicións.

Muxía será o escenario do sorteo da LXII edición da Copa da Costa masculina e da VII Copa da Costa feminina, correspondentes á tempada 2026/27. O acto, organizado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), terá lugar o vindeiro luns 2 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón do Voluntariado do Edificio Multiusos da Camposa.

O sorteo contará coa colaboración do Concello de Muxía e do CF Muxía, nunha cita que marcará o punto de partida dunha nova edición de dous dos torneos máis destacados do calendario futbolístico da Costa da Morte e de Galicia.

Segundo informou o ente federativo, un total de 52 equipos formalizaron a súa inscrición para participar nas dúas competicións. A Copa da Costa masculina contará con 36 conxuntos, mentres que a feminina reunirá 16 equipos.

O CF Muxía e o Xallas FC defenderán o título

As dúas competicións chegarán a esta nova edición cos actuais campións dispostos a defender os seus títulos. Na categoría feminina, o Xallas FC proclamouse campión a pasada tempada tras derrotar por 3-0 ao UC Cee na final disputada en Santa Comba.

Pola súa banda, na competición masculina, o CF Muxía fíxose coa Copa da Costa ao vencer por 2-0 ao SCD Malpica na final celebrada en Vimianzo. O conxunto muxián que conta cunha copa, buscará agora iniciar un novo camiño cara a outro título, nun torneo que cada tempada esperta unha enorme expectación entre os seareiros do fútbol comarcal.

Unha nova edición da gran festa do fútbol da Costa

As Copas da Costa son as competicións con maior tradición e arraigo no fútbol da zona, cunha especial capacidade para mobilizar afeccións, reunir localidades e converter cada eliminatoria nunha auténtica festa deportiva.

Co sorteo do próximo 2 de novembro comezará a tomar forma o percorrido dos 52 equipos inscritos, que coñecerán os seus primeiros emparellamentos nunha nova edición na que o fútbol masculino e feminino volverán compartir protagonismo.

Muxía, ademais, acollerá o acto nun momento especial para o seu fútbol, despois de que o CF Muxía conquistase a pasada edición masculina, tras xogar duas finais consecutivas, converténdose nun dos protagonistas da cita.

–

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”

–