A celebración da Novena da Nosa Señora da Barca xa botou a andar en Muxía. Onte tiña lugar a primeira xornada dun dos momentos máis especiais para os devotos da Virxe, cun Santuario da Barca ateigado de fieis e ofrecidos que acudiron para participar no primeiro día da novena.
A xornada tivo ademais un significado especial coa bendición da nova coroa da imaxe da Nosa Señora da Barca, que preside durante todo o ano o altar maior do templo, e que é unha réplica da imaxe antiga que sae na procesión. A estrea da nova peza foi seguida con emoción polos participantes no acto relixioso.
A Novena continuará ata o venres 11 de setembro, con oficio pola mañá e coa celebración principal cada tarde, ás 19.00 horas, no Santuario.
Pero a programación da Barca non se limita aos actos relixiosos. Desde hoxe, venres 4 de setembro, Muxía comeza a quentar motores cunha serie de propostas culturais organizadas polo Concello e que poderían considerarse a particular «pre-Barca», baixo o nome de Ecos da Barca, Semana Cultural.
Concerto coral para abrir a programación
O primeiro dos actos terá lugar hoxe venres 4, ás 20:30 horas, no atrio do Santuario da Nosa Señora da Barca. Será o Concerto Coral «Virxe da Barca», para dar comezo a estes días nos que Muxía se prepara para vivir unha das romarías máis importantes de Galicia.
A música será, polo tanto, a encargada de abrir esta programación cultural aos pés dun dos lugares máis emblemáticos da Costa da Morte.
Domingo, música e presentación de disco
A programación continuará o domingo 6 de setembro ás 13:30 horas co concerto «Do Rivés», no que terá lugar a presentación do disco Contrabando, de Malecón.
Unha proposta musical que permitirá achegarse a unha formación e a un traballo discográfico que se incorpora así á programación previa ás celebracións da Barca e que vale para disfrute e descanso dos veciños, visitantes, romeiros e camiñantes.
E o mesmo domingo, xa pola noite, ás 20:30 horas, será a quenda do teatro coa actuación da Escola Municipal de Teatro.
O grupo representará a obra «Delicatessen», nunha función que se celebrará no Salón do Voluntariado e que terá un prezo de entrada de 1 euro.
Deste xeito, a xornada dominical ofrecerá unha dobre cita cultural, primeiro coa música ao mediodía e posteriormente co teatro.
Unha visita para coñecer a historia de Muxía
A programación pecharase o xoves 10 de setembro, ás 17:00 horas, cunha visita guiada pola vila de Muxía, unha oportunidade para descubrir ou redescubrir o patrimonio, as historias e os recunchos dunha localidade estreitamente ligada á tradición da Barca.
A actividade contará coa organización da Oficina de Turismo, sendo necesario realizar inscrición previa.
A espera pola Barca
Así, mentres no Santuario avanzan as celebracións da Novena, as rúas de Muxía comezan tamén a vivir o ambiente previo a uns días marcados pola tradición, a relixiosidade, a música e a cultura.
A «pre-Barca» funciona como antesala dunha celebración que cada ano reúne milleiros de persoas arredor da Nosa Señora da Barca, pero tamén como unha reivindicación da propia vila muxiana e da súa historia. Concertos, teatro e visitas guiadas acompañarán estes primeiros días de setembro, nunha programación que pretende facer que Muxía comece a respirar Barca antes mesmo de chegar ás xornadas grandes da romaría os días 11-12-13-14 de setembro.
Entremedias a procesión das antorchas o sábado
Xa como acto relixioso, fora dos orgañizados polo Concello, mañán sábado 5 de setembro terá lugar a concurrida “Procesión das antorchas”, unha procesión que cada ano gaña máis adeptos e que sairá do Santuario en torno ás 20:30 horas e percorrerá as rúas da vila para achegar a Imaxe Santa a aqueles que non poden moverse das suas casas. A comitiva porta velas que en moitos casos representan a xente enferma, a xente que xa non está antre nós e pasa a ser un obxeto sagrado nas suas casas. Despois de dar a volta ao pobo percorrendo a península muxiana, antes de chegar de volta a Imaxe o templo tírase unha serie de fogos de artificio na honra da Santa.
–
-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto coroa da Barca : Xesús Búa/Estudio Foto Lolas
–




