MUROS, PUNTO DE PARTIDA PARA A “LVII EDICIÓN DA COPA DA COSTA MASCULINA” E DA “II COPA DA COSTA FEMININA”

O Muíño das Mareas do Pozo de Cachón albergará este sábado ás 12 horas do mediodía o sorteo dun torneo no que participarán un total de 34 equipos na cita masculina e 4, dous máis que o curso pasado, na feminina

Durante o evento a Real Federación Galega de Fútbol fará varios recoñecementos especiais a persoas relacionadas co fútbol da Costa pola súa traxectoria

Ás veces é difícil negar que o fútbol é o deporte rei no mundo. Obviamente non se vive da mesma forma en todas as partes do globo, pero nunha parte da nosa terra, desde hai décadas, vívese de forma moi intensa. O balompé na Costa da Morte é outra historia.

A conta atrás para o sorteo da 57ª edición da Copa da Costa Masculina e da II Feminina chega ao seu fin. Realizarase este sábado en Muros, concretamente no Muíño das Mareas do Pozo do Cachón, ás 12.00 horas. E trae novidades. O Castrelo será baixa e o Cee e o Mazaricos uniranse á que será a segunda Copa da Costa feminina, cuxos cruces tamén se sortearán este sábado nun acto no que haberá sorpresas e recoñecementos especiais a varias persoas relacionadas co fútbol da Costa pola súa traxectoria.

No formato do torneo masculino, cuxa fase previa se xogará o 3 de maio, participarán un total de 34 equipos e seguirá sendo o mesmo que o estreado o ano pasado. Todos os clubs de Preferente, Primeira, Segunda e Terceira entrarán no bombo para sortear a fase previa e os dezaseisavos e os oitavos de final. Tanto os cuartos como as finais se sortearán máis adiante. Ata oitavos, as eliminatorias serán a partido único no campo de inferior categoría ou, no caso de que se trate de dous conxuntos da mesma, no do cadro que saíse primeiro no azar. En caso de empate, decidirase o clasificado a penaltis. Tanto os cuartos como as semifinais serán a dobre partido. En caso de empate, o gol marcado a domicilio vale dobre.

A gran final xogarase nun campo imparcial, con prórroga e posterior quenda de penaltis en caso de empate. No caso do campionato feminino, ao contar este ano con catro clubs (UC Cee, Mazaricos CF, As Miúdas e Bergantiños FC) haberá semifinais e final.

O feito de que o sorteo se realice no Pozo do Cachón é para darlle continuidade á idea iniciada o pasado ano de que este acto se celebre cada vez nun lugar emblemático da Costa da Morte, debido ao que este torneo significa e o gran movemento social que leva nesta zona. Alí poderanse coñecer tanto os novos trofeos de campión como de subcampión de senllas Copas. 

Vixentes campións

A Esteirana SD na categoría masculina e o Bergantiños FC na feminina son os vixentes campións da Copa da Costa. Ambos os equipos levantaron senllos trofeos o curso pasado tras superar aos seus rivais nas finais disputadas en Dumbría. O elenco de Carballo derrotou ao As Miúdas en O Conco por 3-6 na prórroga (3-3 ao final do tempo regulamentado).

-Montaxes e Texto : César Méndez/RFGF

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies