|
||||
O Muiño das Mareas en Muros recolleu o testigo do Castelo de Vimianzo como sede do sorteo da Copa da Costa, unha competición especial que todos os equipos están esperando ansiosos cada ano. A Real Federación Galega de Fútbol elixiu Muros como sede do sorteo da LVII edición da Copa da Costa Masculina e da II Feminina, un acto que contou coa presenza do presidente da RFGF, Rafael Louzán, da alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, de varios concelleiros, así como os directivos da RFGF Juan Luis Villamisar e Silvia Cancela e unha ampla representación dos clubs da Costa. O acto estivo á altura do marabilloso escenario no que se celebrou, grazas á colaboración do Concello de Muros. Precisamente a súa alcaldesa, Inés Monteagudo, foi a encargada de dar a benvida a todos os presentes mentres a técnica de Turismo María Mallo foi a que deu todos os detalles sobre o Muiño das Mareas do Pozo de Cachón, un fantástico e emblemático lugar que acolleu este sorteo que por segundo ano se celebra cun acto especial á altura da relevancia que a competición ten para o fútbol deste magnífico rincón de Galicia. Silvia Cancela, representante da Costa na Xunta Directiva da RFGF, deule as gracias ao Concello de Muros e ao presidente da ED Os Miúdos pola colaboración prestada e sobre todo a todos os clubs que día a día, xornada a xornada, viven con tanta paixón o noso deporte. A intervención de Cancela deu paso ao inicio do sorteo, comezando pola categoría feminina. César Méndez, presentador do acto, foi explicando os condicionantes do sorteo coa axuda de Manolo Corredoira, subdelegado federativo da Costa, que ía citando cada un dos equipos participantes. Sorteo feminino Este ano son catro os equipos participantes na Copa da Costa da categoría feminina grazas ás incorporacións do Mazaricos CF e do UC Cee, que se suman ao Bergantiños FC (campión na primeira edición) e As Miúdas. Sen dúbida un gran avance que pon de manifesto a progresión do fútbol feminino na comarca. Os representantes do Cee, Bergantiños e As Miúdas (non asistiu ninguén do Mazaricos) foron os encargados de sacar as bolas deparando un apaixoante duelo entre os dous finalistas da primeira edición, Bergantiños e As Miúdas, co partido de ida en Carballo e o de volta en Muros. Cee e Mazaricos buscarán a outra praza de finalista na segunda semifinal. Sorteo Masculino Arrancou entón o sorteo da Copa da Costa masculina. 34 son os equipos que participan este ano, todos menos o Castrelos. En este caso sorteáron dúas previas co fin de deixar o número de equipos en 32 para completar a eliminatoria de dezaseisavos de final. Tamén se sorteou o camiño a seguir en oitavos. Ata aí as eliminatorias son a partido único e no campo do equipo de inferior categoría (no caso de ser na mesma categoría xógase na casa do equipo que saiu primeiro no sorteo). O luns 18 de maio realizarase o sorteo dos cuartos de final. Cabana e Sofán por un lado e Porteño e Laxe polo outro son os que terán que xogar a rolda previa, mentres que nos 1/16 de final temos partidos moi atractivos, destacando un apaixoante Dumbría – Xallas. Recoñecementos “Paixón polo fútbol da Costa” Rematado o sorteo chegou o momento dos recoñecementos, da entrega dos premios “Paixón polo fútbol da Costa” que se puxeron en marcha o ano pasado en Vimianzo. Uns galardóns especiais e emotivos cos que a Real Federación Galega de Fútbol pretende recoñecer e agradecer a labor de persoas cunha traxectoria relevante no fútbol da Costa e que dun ou doutro xeito tanto lle deron e lle dan ao noso fútbol. Jorge Rodríguez Pérez, a quen todo o mundo coñece por Jorge Parri foi o primeiro homenaxeado. Un home que percorre cada campo da comarca, cámara en man, reflexando na súa colección de imaxes a propia historia recente do fútbol da Costa. O segundo premiado foi José Antonio Sarmiento Lamela, un home que xogou na Esteirana e no Muros, que foi máximo goleador da liga cinco anos seguidos e que agora colabora na ED Os Miúdos. Tamén colabora cos Miúdos Venancio Paris Paris, quen fora xogador e despois tamén directivo do Muros. A capitana das Miúdas, Patricia Estévez Pérez, recibiu o seu recoñecemento moi emocionada e sen ser capaz de evitar as bágoas. Unha muller que grazas á creación do club feminino de Muros puido cumprir o seu soño de xogar ao fútbol e xa exerce tamén como adestradora nas categorías base. O quinto e último premio recaeu nunha persoa cunha traxectoria moi destacable. María Francisca García Romero, a quen todos coñecen por “Pacucha”, foi unha das pioneiras do fútbol feminino en Muros a finais dos anos sesenta e non parou de colaborar co fútbol local, especialmente coa Esteirana. O presidente da RFGF, Rafael Louzán, pechou o acto dando as gracias. A Muros, á súa alcaldesa e a Vinto (presidente dos Miúdos) pola súa colaboración, por amosarse predispostos desde un principio a acoller o acto e por volcarse coa organización. Felicitou aos homenaxeados, desexou sorte a todos na competición, destacou o incremento de equipos na copa feminina e sobre todo agradeceu o traballo de cada un dos clubs e o modo en que vive e desfrutan o fútbol. Unha visita guiada polo Muiño das Mareas e un viño galego xentileza do Concello serviron para poñer o punto e final a este acto que da paso xa á competición. |
-Fotos e Texto : César Méndez/RFGF
Nos nosos “Vídeos Recomendados” abaixo de todo na portada da web tes ao instante tódolos vídeos que colga o RC Deportivo no seu canle de YouTube, incluso antes de falemos deles como noticia.
Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.
Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es
Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.
Teléfono
+34 626 72 00 47
Email
admin@piratasdemuxia.es
Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.
ACEPTAR