MIGUEL LOUREIRO : “Toca pasar páxina e centrarse no seguinte compromiso, coa mente posta en sumar os tres puntos diante da nosa afección”.

 

O xogador cercedense do Depor, Miguel Loureiro, fixo unha lectura serena da situación do equipo, insistindo en que “a ambición é sempre gañar, pero tamén en manter a calma e a perspectiva”. Sinalou que a clasificación actual non é o máis relevante neste momento da tempada, senón acadar unha regularidade que permita chegar á fase decisiva con boas sensacións e confianza. O vestiario aposta por unha mensaxe positiva, “traballo diario e optimismo, sen deixarse levar pola presión da táboa”.

Sobre a derrota ante o Castellón, recoñeceu que foi un golpe duro, especialmente por tratarse dun rival directo, aínda que valorou positivamente a competitividade do equipo nun encontro moi igualado. “Sentímonos cómodos durante boa parte do partido e conseguimos reducir as fortalezas dun rival que atravesa un gran momento”. Aínda así, subliñou que agora “toca pasar páxina e centrarse no seguinte compromiso, coa mente posta en sumar os tres puntos diante da nosa afección”.

Loureiro tamén apuntou que o equipo “debe mellorar a resposta mental cando recibe goles en momentos clave”. Explicou que, malia ir por detrás no marcador, o Dépor atopara “solucións para achegarse á área rival, pero o segundo tanto chegou nunha acción illada que afectou ao ánimo colectivo”. Considera fundamental “aprender destas situacións para reaccionar mellor no futuro e manterse competitivo ata o final”.

En relación aos enfrontamentos cos equipos da parte alta, destacou que “cada partido ten un contexto distinto” e que, aínda que “os resultados non foron os desexados fronte a algúns deles, o rendemento do equipo foi mellor do que reflicten os marcadores. O obxectivo segue sendo gañar, pero analizando cada encontro de maneira individual”.

Pensando no próximo rival, puxo en valor a dificultade dos partidos a estas alturas da tempada, nos que “todo está máis igualado e os erros páganse caro”. O Deportivo afronta o reto con respecto, pero coa “convicción de facerse forte na casa”.

No plano persoal, mostrouse “cómodo xogando no perfil esquerdo”, unha posición á que xa está afeito, e destacou a boa conexión cos seus compañeiros, especialmente cos máis novos. Ademais, restou importancia ás molestias físicas propias deste tramo da tempada, asegurando que “o equipo está preparado para convivir con elas e chegar en boas condicións ao tramo final do curso”.

.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies