Miguel Loureiro : “Sabemos o clube que representamos e toda a ilusión que hai ao redor do equipo. Esa ilusión tradúcese na esixencia que hai e nós tamén a compartimos”.

 

Miguel Loureiro chama a manter a calma e a ilusión antes da visita do Dépor ao Ceuta

O central cercedense do Deportivo, Miguel Loureiro, analizou a situación do equipo antes do encontro que os branquiazuis disputarán este sábado ás 21:00 horas no campo do Ceuta, un partido clave neste tramo final de tempada no que o Dépor quere recuperar sensacións e seguir loitando polas posicións altas da clasificación.

O defensa destacou a importancia do aspecto mental no rendemento do equipo e a necesidade de afrontar con responsabilidade o que queda de campaña. “O fútbol está influenciado por moitos factores e o aspecto mental tamén é fundamental. Temos que ser moi conscientes do que nos imos atopar e dos contextos que nos van plantear os rivais de aquí ao final”, sinalou.

Loureiro recoñeceu que o propio vestiario é o primeiro en analizar e criticar o rendemento cando os resultados non acompañan, aínda que insistiu en que esa autocrítica non debe converterse en pesimismo. “Nós mesmos somos os máis críticos. Vivimos para isto, traballamos todos os días para xogar ben e gañar. Cando non o conseguimos somos os máis críticos con nós mesmos, pero esa crítica non nos pode levar a ser pesimistas”, explicou. Para o central deportivista, o equipo ten por diante “un reto moi bonito” e unha oportunidade de desfrutar xuntos do momento competitivo. “Temos que abrazar esa responsabilidade con tranquilidade, con calma e con paixón para competir ao máximo nivel”, engadiu.

A importancia da afección

O xogador tamén quixo destacar o papel da afección neste tramo final da tempada, convencido de que será un factor decisivo. “Temos a mellor afección da categoría. Van ser determinantes de aquí ao final da temporada”, afirmou, agradecendo o apoio constante que recibe o equipo. Segundo explicou, a ilusión que rodea ao Deportivo tradúcese tamén nun alto nivel de esixencia que os propios futbolistas comparten.

“Sabemos o clube que representamos e toda a ilusión que hai ao redor do equipo. Esa ilusión tradúcese na esixencia que hai e nós tamén a compartimos”, indicou, ao tempo que pediu aos afeccionados que sigan apoiando ao equipo. “Que nos animen e que sepan que o equipo o vai dar todo”, asegurou.

Ilusión e responsabilidade

Loureiro recoñeceu que as grandes expectativas xeradas ao redor do proxecto poden facer máis difíciles certos momentos da tempada. “Cando hai moita ilusión, iso tradúcese en expectativas moi altas. Hai momentos na tempada nos que é complicado responder a esas expectativas”, explicou, lembrando que todos os equipos e xogadores pasan por diferentes estados de forma ao longo do curso.

A pesar diso, insistiu en que o vestiario é plenamente consciente da responsabilidade que ten. “Temos unhas gañas tremendas de darlle alegrías á nosa afección e de que as cousas nos saian ben”, afirmou.

Un Ceuta forte na casa

Mirando xa ao partido deste sábado, o central destacou a dificultade do rival e a importancia de recuperar confianza. “Temos unha nova oportunidade para quitar esas sensacións e recuperar esa confianza”, apuntou.

Segundo explicou, o Deportivo atoparase cun equipo atrevido e competitivo. “Sabemos que nos imos enfrontar a un rival alegre, que no seu primeiro ano na categoría está facéndoo moi ben e que no seu campo deixou escapar moi poucos puntos”, advertiu.

Mellorar e seguir medrando

Sobre a evolución do equipo ao longo da tempada, Loureiro comentou que os rivais cada vez coñecen mellor as virtudes do Deportivo e intentan limitar o seu xogo reducindo espazos e tempo co balón. “Os equipos intentan reducir ese tempo o máximo posible porque temos futbolistas moi determinantes co balón nos pés”, explicou.

Por iso, considera clave seguir traballando para atopar novas solucións ofensivas. “Temos que encontrar ese equilibrio no que nos sintamos cómodos. Un mal partido non ten que empañar o que estamos facendo”, asegurou.

Aprender dos erros

O central tamén falou sobre o erro cometido no encontro disputado en Zubieta, recoñecendo que lle deu moitas voltas despois do partido. “Son unha persoa á que lle gusta analizar todo moito. Cando se dá unha situación así é complicado de xestionar”, admitiu. Con todo, explicou que a experiencia axuda a afrontar estes momentos con máis serenidade e que os erros forman parte do fútbol.

Pendentes de Yeremay

Por último, Loureiro referiuse á situación de Yeremay, lesionado nas últimas semanas. “É unha lesión complexa, as sensacións van e veñen. Queremos contar con el o antes posible porque sabemos a importancia que ten”, comentou.

Coa mente posta xa no duelo en Ceuta, o Deportivo afronta unha nova oportunidade para recuperar confianza e seguir alimentando a ilusión dunha afección que continúa soñando cun final de tempada ilusionante.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo