Benassi: «O Dépor ten que normalizar que algún futbolista queira saír»
O Deportivo pechou o mercado cunha fotografía moi diferente á doutros anos. O club conseguiu dar o salto a Primeira División sen arrastrar débeda, aumentou a súa capacidade económica e afrontou o verán con marxe para aproveitar oportunidades. O conselleiro delegado deportivista, Massimo Benassi, repasou a situación da entidade e deixou varios titulares sobre o futuro do equipo, o mercado, o límite salarial e tamén a relación coa afección.
Un dos nomes propios foi, inevitablemente, Yeremay Hernández. O atacante foi obxecto de interese durante o verán, pero o Deportivo mantivo a súa posición. Benassi entende que a situación forma parte do crecemento do club e do propio futbolista.
«É un xogador que necesita tranquilidade, que non haxa moito ruído ao redor. Coa lesión non o pasou ben. E nós sempre o apoiamos», explicou. O dirixente recoñeceu que houbo interese por Yeremay e deixou clara a política que pretende aplicar o Deportivo ante este tipo de situacións: «Calquera xogador que pida saír, e haxa unha oferta dentro dos valores de mercado, ímolo escoitar».
O conselleiro delegado considera normal que os futbolistas máis destacados esperten o interese doutros clubs. «É normal, porque é un futbolista diferencial», sinalou. Sobre o episodio protagonizado polo Hull City, que chegou a asegurar publicamente que Yeremay viaxara a Inglaterra, Benassi preferiu non entrar nun conflito directo, aínda que marcou distancias coa forma de actuar do club inglés.
«Non vou comentar nada doutro club. Nós non teriamos feito o mesmo. Se quixese marchar, diríanolo. Iso non pasou», afirmou.
O mercado como consecuencia do crecemento
Yeremay non foi o único deportivista relacionado con outros equipos. Benassi puxo o foco nunha realidade que, ao seu xuízo, debe ser asumida polo Deportivo: o interese externo polos xogadores é tamén un sinal de que o proxecto está a medrar.
«Pasou con Mella, con Mario Soriano, con Zaka, con Noubi… Isto quere dicir que temos que estar moi contentos: primeiro, porque houbo moitas chamadas, e porque eles fixeron unha gran tempada», explicou.
A intención do club é tentar conservar ese talento, pero sen converter a continuidade dos xogadores nunha cuestión innegociable.
«Está no proxecto poder ser capaces de retelos, e chegará o momento en que alguén terá que saír ou quererá saír», indicou Benassi. Desde o regreso ao fútbol profesional, o Deportivo aínda non se viu na situación habitual doutros clubs: vender futbolistas importantes para seguir medrando.
«Desde 2023 non estamos afeitos a que algún futbolista que xogase moito saíse traspasado. Non pasou, pero hai que darlle normalidade», apuntou.
Comas e Barcia quedan e volven competir
O peche do mercado tamén deixou dous nomes que estiveron na porta de saída e finalmente continuarán no cadro: Arnau Comas e Dani Barcia.
Co mercado xa pechado, Benassi quere que ambos volvan centrarse exclusivamente no terreo de xogo. «Ojalá poidan adestrar mellor ca os demais e poñer en dificultade o míster, de aquí ata o final de tempada», comentou.
Ademais, o club tiña contemplada esta posibilidade desde o punto de vista económico. «A nivel económico ou de límite non afectan ao club, porque estaban previstas estas situacións», explicou.
Un límite salarial por enriba dos 38 millóns
Outro dos asuntos que marcaron o verán foi o límite salarial. A cifra que se manexaba inicialmente situábase arredor dos 38 millóns de euros, pero Benassi advertiu de que o dato definitivo sería superior.
«O número vai ser máis elevado que os 38 millóns, porque ten en conta outros indicadores», explicou.
O límite non se corresponde exclusivamente co gasto do primeiro equipo masculino. Nel tamén entran outros conceptos da estrutura do club, como o fútbol feminino, o fútbol base, o Fabril ou as amortizacións e comisións.
O responsable deportivista destacou, ademais, que o club traballou por debaixo do límite dispoñible.
A situación económica permite outro tipo de mercado
Benassi atribúe parte da capacidade actual do Deportivo ao cambio experimentado pola entidade nos últimos anos e ao apoio do presidente, Juan Carlos Escotet.
«Temos a sorte de ter un presidente volcado no proxecto», afirmou. O club saíu do concurso de acredores en 2024 e, segundo explicou, iso permitiu chegar a Segunda División sen débeda e cunha situación financeira máis controlada.
A iso sumáronse dúas ampliacións de capital que tiveron incidencia directa no control económico. O salto a Primeira, ademais, incrementou de maneira notable os ingresos previstos.
«A nosa cifra de negocio ascendendo a Primeira subiu moitísimo», destacou Benassi. Os dereitos televisivos teñen un peso importante, pero non son a única fonte de crecemento: «As outras cifras de negocio ampliáronse moito».
O escenario permitiu ao Deportivo moverse con rapidez no mercado.
«Sen carga de débeda, nin contratos herdados, puidemos intervir rapidamente na primeira parte do verán e aproveitar as oportunidades no último día de mercado», explicou.
Un traballo que vén de anos atrás
A capacidade para pechar operacións nos últimos días do mercado, segundo Benassi, non responde á improvisación. O club leva tempo construíndo unha estrutura de análise e scouting que lle permite ter xogadores controlados antes de que aparezan as oportunidades.
«O que pasou o último día de mercado é un traballo de moitos anos», sinalou.
Nesa planificación destacou o traballo da área de datos, liderada por Nacho Lourido, e do departamento de scouting, dirixido por Juanjo Expósito. «Teñen moitos xogadores controlados», explicou.
Benassi tamén quixo agradecer a colaboración de clubs como o Atlético de Madrid e o Barcelona, que facilitaron algunhas das operacións que permitiron reforzar o equipo. «Estamos moi contentos», resumiu.
Autocrítica tras o regreso a Primeira
O aspecto deportivo non foi o único asunto abordado polo conselleiro delegado. A relación coa afección tamén ocupou unha parte importante da súa análise, especialmente despois do conflito arredor das condicións de acceso e renovación dos abonos de Marathón Inferior.
O acordo alcanzado entre o club e os abonados permitirá plasmar os compromisos nun anexo ás condicións de renovación dos carnés.
Benassi asumiu parte da responsabilidade pola situación e defendeu unha comunicación máis directa.
«Autocrítica sempre facemos, eu o primeiro», afirmou. Ao mesmo tempo, lembrou que o Deportivo vén de varias tempadas nas que recibiu sancións económicas.
«Isto xérase por un problema real e temos que ser máis declarativos e directos: vimos de varias tempadas a multa por partido», explicou.
No relativo á identificación dos responsables dos incidentes, considera que debe manterse un sistema que permita establecer responsabilidades individuais.
Os abonos e o salto de categoría
A subida do prezo dos abonos tamén foi xustificada polo salto á máxima categoría. Benassi vinculou directamente o incremento co ascenso e lembrou que estes ingresos tamén forman parte da ecuación económica do club.
«A subida ten un sentido polo ascenso de categoría», indicou.
Con todo, deixou unha mensaxe para o futuro: «A próxima tempada non se vai subir como agora. Igual ata non vai haber incremento».
A explicación do club parte dunha idea: se o Deportivo quere compararse deportivamente cos clubs de Primeira, tamén debe asumir que existen diferenzas económicas e de ingresos con respecto á Segunda División.
«Se deportivamente nos estamos comparando con clubs de Primeira, noutras cousas tamén», apuntou.
E engadiu outro elemento: «Tanto os abonos como outros ingresos impactan no límite salarial».
Abegondo como centro da estrutura do Deportivo
O proxecto do Deportivo tamén está a mudar fisicamente. A entidade mantén a súa sede social no estadio, pero boa parte da actividade dos diferentes departamentos concéntrase desde hai dous anos en Abegondo.
Benassi considera que ese traslado foi unha decisión acertada.
«É unha das mellores decisións: traer todos os departamentos aquí», afirmou, en referencia ás posibilidades de coordinación e ás sinerxías que permite reunir os distintos equipos de traballo no mesmo espazo.
O Deportivo afronta así unha nova etapa na que o reto non pasa só por competir en Primeira. O club pretende consolidar unha estrutura económica e deportiva capaz de sosterse na elite, reter o seu talento cando sexa posible e asumir con normalidade que, cando o proxecto medre, tamén aumentará o interese dos demais clubs polos seus futbolistas.
–
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo e foto : RC Deportivo
–
