Mássimo Benassi : “Non poido falar de diñeiro pero por Yeremay ofreceron moitos cartos”.

Benassi puxo voz ao gran mercado do Dépor: ambición nos despachos e Yeremay como bandeira.

O mercado de fichaxes baixou o pano a pasada noite cunha mensaxe inequívoca desde A Coruña : o Deportivo non só regresou á elite, senón que quixo facelo sendo protagonista. O último día do merdado de fichaxes converteuse nunha auténtica carreira contra o reloxo, coa chegada de dous futbolistas de enorme cartel como José María Giménez e Marc Casadó, e cun Yeremay Hernández que volveu ser un dos grandes nomes propios do verán.

Foi precisamente Massimo Benassi, conselleiro delegado do club, quen puxo voz á satisfacción deportivista nos micrófonos de El Partidazo de la COPE. O dirixente repasou unha xornada final especialmente intensa e reivindicou o traballo realizado por unha estrutura que, segundo as súas palabras, conseguiu levar á realidade unha planificación moi ambiciosa.

Casadó e Giménez, dous golpes de efecto no último día

O Deportivo gardaba dúas cartas importantes para o peche do mercado e acabou poñéndoas sobre a mesa. Marc Casadó, cedido polo Barcelona e cunha opción de compra situada nos 30 millóns de euros, converteuse noutra das grandes operacións do verán deportivista. O centrocampista era un futbolista seguido por numerosos clubs, pero finalmente decantouse polo proxecto deportivista.

Benassi explicou que o interese por Casadó viña de lonxe e que o Deportivo levaba anos detrás del. A oportunidade apareceu agora e o club non dubidou en aproveitala. Ademais, houbo un factor emocional que axudou: o recordo que o futbolista gardaba de Riazor, escenario no que vivira unha experiencia especialmente significativa coa súa anterior etapa no Barcelona “B”, onde viveu o ascenso deportivista a Segunda.

A súa chegada, ademais, produciuse practicamente á vez que a de outro gran xogador, o uruguaio José María Giménez, outro movemento de enorme impacto. O central internacional por Uruguai chegou cedido polo Atlético de Madrid, completando un último día no que os despachos de Abegondo tiveron que traballar a toda velocidade.

De feito, Benassi recoñeceu que foron precisamente estas dúas operacións as máis complexas da xornada final. A documentación, os prazos e todas as esixencias administrativas converteron as últimas horas nunha auténtica proba de resistencia. O diretivo deportivista, con todo, aproveitou para poñer en valor o equipo que traballa nos despachos.

O resultado foi un mercado que elevou considerablemente as expectativas arredor dun Deportivo que, no seu regreso a Primeira, incorporou futbolistas capaces de situar o club no foco do fútbol nacional.

Yeremay, o gran nome que o Dépor decidiu conservar

Pero se houbo un asunto capaz de competir mediaticamente cos grandes fichaxes foi o futuro de Yeremay. O extremo canario volveu converterse no gran culebrón do verán e, unha vez máis, o Deportivo tivo que afrontar o interese de clubs dispostos a facer un esforzo importante polo seu futbolista franquía.

As propostas chegaron desde diferentes mercados, con especial intensidade desde Inglaterra, mentres que en España tamén houbo clubs que se interesaron pola súa situación. O Betis, por exemplo, manifestou que preguntara polo xogador.

A resposta do Deportivo, porén, mantívose na mesma liña que xa marcara o club o pasado verán: “Yeremay non estaba no mercado”. Para que a situación cambiase, primeiro tería que ser o propio futbolista quen manifestase o seu desexo de marchar e, a partir de aí, habería que afrontar unha cláusula de rescisión que se sitúa arredor dos 140 millóns de euros.

Benassi confirmou agora que as tentativas non desapareceron nin sequera nas últimas horas do mercado. Ao contrario: o Deportivo recibiu varias ofertas tamén cando o mercado xa estaba a piques de pechar.

E aquí chegou unha das mensaxes máis contundentes da súa intervención. Preguntado directamente polas propostas polo canario, Benassi confirmou:

«Hoxe e onte. Non podo falar de cartos nos contratos, pero eran moitos.»

A afirmación deixa claro que non se tratou simplemente de contactos ou sondaxes sen consecuencias. Houbo propostas económicas importantes sobre a mesa e o Deportivo tivo que manter a súa posición ata o final.

«Non pediu saír»

A clave para entender a continuidade de Yeremay, segundo Benassi, está tamén na vontade do propio futbolista. O atacante nunca lle trasladou ao club que quixese abandonar A Coruña, algo que para o dirixente resulta fundamental á hora de afrontar este tipo de situacións.

«Non, realmente non», respondeu cando lle preguntaron se Yeremay pedira saír.

A partir de aí, Benassi explicou que a continuidade do canario non é froito dunha decisión improvisada tomada no último día de mercado, senón dunha planificación que o Deportivo leva desenvolvendo desde hai tempo. O club considera que Yeremay forma parte central do proxecto e que o futbolista coñece perfectamente a dimensión da aposta deportivista.

O diretivo branquiazul insistiu nesa idea ao referirse á relación entre o xogador e o club:

«É un traballo que levamos tempo facendo, non é desta tempada nin da anterior. Non é só con el, é con todos os do proxecto.»

E engadiu unha das frases que mellor resume a posición do Deportivo:

«Sabe perfectamente o que é o Dépor, o que é o proxecto. Confía totalmente no club.»

Así, mentres as ofertas crecían e o nome de Yeremay aparecía novamente relacionado con equipos de diferentes ligas, a entidade coruñesa mantivo o mesmo discurso. O Deportivo non quería vender e o xogador tampouco empurrou para forzar unha saída, a pesares dos cantos de serea desde Inglaterra, ata cunha suposta viaxe do canteirán a Hull City e as verbas do presidente do equipo Acun Ilicali de que o xogador dera o seu si o clube.

O buque insignia dun proxecto que xa chama a atención en Europa

A continuidade de Yeremay cobra aínda máis valor nun mercado no que o Deportivo conseguiu atraer futbolistas de enorme prestixio. O club pasou de ser un histórico que regresaba a Primeira a converterse nun destino atractivo para xogadores con alternativas no mercado.

Casadó é probablemente o mellor exemplo. Un futbolista que espertaba interese máis alá de España acabou escollendo A Coruña. Giménez, pola súa banda, achega experiencia, xerarquía e personalidade a unha defensa que afronta agora o reto da máxima categoría i el ven de xogar 380 encontros o máximo nivel co Atlético de Madrid.

E no medio de todo iso segue Yeremay, o futbolista que o Deportivo sempre identificou como unha das pezas fundamentais da súa nova etapa.

O club leva meses repetindo a mesma idea: Yeremay é o buque insignia do proxecto. O sucedido neste mercado reforza esa consideración. Houbo interese, houbo ofertas e houbo cartos enriba da mesa, pero a resposta volveu ser a mesma.

O atractivo do novo Dépor

Benassi tamén explicou por que futbolistas deste nivel están dispostos a apostar polo Deportivo. Máis alá das condicións económicas, o dirixente sinalou a importancia das persoas que están detrás do proxecto, das infraestruturas, da cidade e, sobre todo, da conexión creada nos últimos anos entre o club e o seu contorno.

Segundo a súa visión, o ambiente de Riazor e a unión arredor do equipo están a converterse nun activo difícil de cuantificar, pero moi importante á hora de convencer futbolistas.

Nese contexto encaixa tamén a chegada de Pierre-Emerick Aubameyang. Benassi explicou que non foi necesario facer un gran labor de persuasión para convencer o dianteiro, xa que desde o primeiro momento percibiu que A Coruña podía ser o lugar axeitado para esta etapa da súa carreira.

O Deportivo, polo tanto, non só fichou futbolistas: intentou venderlles unha idea.

Os 45 puntos seguen sendo a fronteira

A pesar do ruído xerado polo mercado e das expectativas que rodean o equipo, Benassi non quixo modificar o discurso deportivo. O obxectivo continúa sendo alcanzar canto antes os 45 puntos que, tradicionalmente, marcan a permanencia.

É unha mensaxe de prudencia nun momento de máxima ilusión. O Deportivo acaba de regresar a Primeira e fixo un mercado que chamou a atención de todo o fútbol español, pero nos despachos prefiren manter os pés no chan.

Primeiro, a permanencia. Despois, xa se verá ata onde pode chegar este novo Dépor.

Un mercado no que non se escapou ninguén

A satisfacción do diretivo deportivista quedou resumida nunha última reflexión. Ao ser preguntado por posibles xogadores que se lle escapasen ao club durante o verán, a súa resposta foi contundente: ningún dos futbolistas que realmente quixo vestir a camisola branquiazul acabou fóra.

O Deportivo pechou o mercado con Casadó e Giménez, conservou a Yeremay pese ás ofertas recibidas e consolidou unha plantilla que agora terá que demostrar no terreo de xogo todo o que prometeu nos despachos.

O mercado rematou. O culebrón Yeremay tamén, polo menos ata a próxima apertura do mercado no inverno. E o Dépor, con máis focos ca nunca, xa ten o seu novo reto: transformar a ilusión xerada durante o verán en puntos.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto : RC Deportivo