Mario Soriano foi unha das figuras máis destacadas do Deportivo no encontro ante o Betis. O centrocampista madrileño participou directamente no primeiro gol de Diego Villares en Primeira División e, tras o partido, puxo en valor a relación que mantén co capitán deportivista desde a súa chegada ao club.
A conexión entre ambos volveu quedar patente sobre o céspede. Soriano nunha obra de arte de entendemento atopou a chegada de Villares á área e asistiu ao de “Mago de Samarugo” para que asinase un tanto moi especial. «Con Villares teño unha relación super boa, entendémonos super bén», explicou o madrileño, que tamén destacou a facilidade para detectar as súas incorporacións: «Sempre que o vexo romper a segunda liña é fácil velo, porque coa zancada que ten nótase».
Para Soriano, o gol de Villares tivo ademais un significado especial polo vínculo do xogador co club e coa cidade. «Alégrome moitísimo por el porque sempre estivo aquí, é de aquí e toda a súa familia e sempre está», sinalou. O medio deportivista tamén lle desexou continuidade: «Oxalá siga marcando moitos máis e lle vaia todo superbén».
Un inicio que invita ao optimismo
O Deportivo chega ao primeiro parón da tempada cun balance positivo, algo que Soriano considera importante nunha categoría na que cada punto ten un valor especial. «A valoración é positiva. Temos bos puntos e conseguimos moitos puntos ata agora», apuntou.
Soriano recoñeceu que o equipo era consciente da dificultade do salto a Primeira, especialmente pola velocidade e pola importancia dos pequenos detalles. «Sabiamos que o ritmo ía ser máis alto e que todo se ía decidir con máis detalles», explicou.
A adaptación, con todo, está sendo satisfactoria para o vestiario. «Todos os que debutamos nesta categoría estamos demostrando que podemos xogar nela», afirmou Mario, que aposta por manter a liña actual: «Oxalá siga todo igual e mellor».
A polémica do partido
Soriano non se quixo “mollar” debido a que se dí o que pensa igual ten consecuencias “subterraneas”, (opinión nosa), pero tamén se referiu á acción protagonizada por Cucho Hernández e Ximo Navarro que acabou sendo revisada polo VAR. O futbolista explicou que desde o terreo de xogo non tivo claro inicialmente o sucedido, pero considerou que a intervención do vídeo debía levar a unha decisión diferente. Podes ver aquí a nosa visión retranqueira.
«Se en directo non sacas nada ou pitaches falta, que pase; pero se te chaman desde o VAR creo que é diferente», comentou. En calquera caso, evitou alongar a polémica e lembrou que as decisións arbitrais forman parte do fútbol: «Hai erros e acertos, como todo o mundo. Hai que seguir», (moi educado na sua contestación…).
Mensaxe de ánimo para Marc Casadó
Outro dos asuntos abordados na rolda de prensa foi o estado de Marc Casadó, operado tralo encontro. Soriano trasladou tranquilidade sobre a intervención e envioulle o apoio do grupo.
«Todo saíu ben», dixo, antes de engadir que agora toca afrontar a recuperación «con paciencia e tranquilidade». O centrocampista quixo tamén deixar unha mensaxe clara ao seu compañeiro: «Moito ánimo para el, mandarlle toda a forza do grupo e que pronto estará de volta axudándonos».
Un parón para non perder o ritmo
As dúas semanas sen competición oficial obrigan o Deportivo a buscar alternativas para manter o ritmo competitivo. O equipo disputará un amigable ante o Penafiel, (equipo propiedade de Escotet), e podería afrontar outro encontro durante a próxima semana.
Soriano ve unha parte positiva nestes partidos, especialmente para aqueles futbolistas que están tendo menos minutos. «É bo para os xogadores que teñan menos minutos ou que non fixesen a pretempada completa, para que sigan collendo ese ritmo», sinalou.
Ao mesmo tempo, recoñeceu que un período tan longo sen competición «é difícil», polo que o obxectivo será regresar do parón coa dinámica intacta.
Tranquilidade sobre a súa renovación
A situación contractual de Soriano tamén estivo presente na comparecencia. O xogador confirmou que houbo conversacións, aínda que polo momento non hai novidades.
«É verdade que se falaron cousas, pero quedou aí», explicou. O futbolista quixo manterse á marxe das negociacións e centrarse no seu rendemento: «Eu fago o meu traballo no campo e fóra del que decidan as persoas o que queiran ou no que estean de acordo».
A súa postura é clara: «Estou tranquilo, vou facer o meu traballo e a partir de aí xa se verán as cousas».
Competencia e polivalencia no novo Depor
Soriano tamén valorou os cambios de posición e as rotacións que está introducindo o equipo técnico. Segundo o centrocampista, a maior profundidade do cadro de xogadores aumenta a competencia e ofrece máis alternativas.
«A plantilla é moito máis ampla, hai máis xogadores e o nivel subiu», explicou. Nese escenario, as decisións do adestrador forman parte da normalidade: «Hai rotacións e é o que ten ter un equipo tan amplo».
O xogador deportivista tamén puxo en valor a capacidade do técnico para probar diferentes opcións durante os partidos. «Intenta poñer xogadores noutras posicións ou cambiar bastantes cousas para facernos mellores», destacou.
Para pechar, Soriano resumiu a prioridade do vestiario nunha idea sinxela: adaptarse ás circunstancias e continuar sumando. «O importante é adaptarse a todo e sumar puntos para axudar o equipo, que cada un, na súa parte, achegue o seu gran de area».
Na parte dabaixo da portada da nosa web podes ver ao instante tódolos vídeos que pon o RC Deportivo incluido este. Normalmente poñémolo no artigo pero desde fai unhas semans bloquéanse o compartilos desde YouTube, pero aquí vai a ver se se ve, senón ir a portada da web.
–
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto e vídeo : RC Deportivo
–