MARIO SORIANO : “ANTE O LAS PALMAS HAI QUE MINIMIZAR ERROS PARA PODER LEVARNOS OS TRES PUNTOS”.

 

Mario Soriano converteuse no protagonista da actualidade deportivista tras ser recoñecido como mellor xogador branquiazul do mes de decembro no marco dos premios Estrella Galicia. O centrocampista recibiu o galardón nun momento clave da tempada e aproveitou para analizar con serenidade tanto o presente inmediato do equipo como algúns dos retos que se aveciñan.

Coa vista posta no próximo compromiso ligueiro, Soriano advertiu da esixencia máxima que suporá a visita ao campo da UD Las Palmas. O madrileño destacou a identidade clara do conxunto canario e a súa capacidade competitiva, subliñando a importancia de reducir ao mínimo os erros se o Dépor quere regresar con puntos. Para el, a concentración e a solidez serán determinantes nun encontro que prevé moi disputado.

O xogador tamén se referiu á baixa de Miguel Loureiro, que non poderá viaxar a Canarias por sanción. Aínda que recoñeceu o peso específico do defensa, presente en todos os encontros ata o de agora, Soriano quixo poñer en valor a profundidade do cadro deportivista e a confianza nos compañeiros chamados a suplilo, insistindo en que o equipo debe manter o seu nivel independentemente das ausencias.

Houbo espazo tamén para a autocrítica ao lembrar o empate fronte ao Cádiz. Soriano recoñeceu que o partido se escapou en accións puntuais perfectamente evitables e lamentou non ter sabido pechar un encontro no que o Dépor xerou ocasións dabondo. Con todo, valorou positivamente a imaxe ofrecida, especialmente en comparación cos últimos compromisos do mes de decembro, destacando a capacidade do equipo para competir e dar a cara.

Mario agradeceu o apoio dos afeccionados trala gran pancarta que despregaron en Abegondo os Riazor Blues co lema : “Xaneiro 2024: 1ª RFEF. Xaneiro 2026: a 4 puntos de primeira. AQUÍ NON SE RENDE NINGUÉN”.

Por último, o centrocampista mirou con ilusión ao choque de Copa do Rei ante o Atlético de Madrid, un rival moi especial para el. Tras trece anos vencellado á entidade rojiblanca e un debut copero coa súa camiseta, Soriano definiu o encontro como unha cita emotiva e atractiva. O partido disputarase en Abanca Riazor ás nove da noite, o martes 13 ou o mércores 14 de xaneiro, á espera de que o Atlético resolva a súa participación na Supercopa de España.

Recoñecido polo seu rendemento e coa cabeza xa posta nos próximos desafíos, Mario Soriano continúa a consolidarse como unha das pezas clave do Dépor nesta tempada.

-Vídeo : RC Deportivo

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies