Manu Cancela continuará á fronte do Sporting Seaia CF tras unha tempada histórica.

O Sporting Seaia xa comeza a poñer os alicerces do novo curso coa continuidade no banco de Manu Cancela, (Malpica-2002), que seguirá dirixindo ao conxunto costeiro na vindeira tempada da Segunda Futgal (Liga da Costa).

O técnico renova despois de liderar unha campaña para o recordo, na que o Seaia asinou a mellor puntuación da súa historia e rematou na quinta posición, mantendo opcións de pelexar pola promoción de ascenso ata as últimas xornadas. Nunha competición de enorme igualdade, o equipo estivo inmerso na loita xunto ao UC Cee, Atlético Pereiriña, UD Cerqueda, SD Laxe e CD Baiñas.

Finalmente, o potente UC Cee, terceiro clasificado, deixou fora do ascenso na eliminatoria final aos da parroquia malpicana. Os ceenses superaron ao conxunto seaies e certificaron posteriormente o ascenso á Liga da Costa.

Desde o club amosan a súa total confianza no traballo realizado por Manu Cancela, (posiblemente o adestrador máis xove da categoría), e na continuidade do proxecto. Nun comunicado que nos envían, o Sporting Seaia destaca:

“Despois dunha tempada histórica onde acadamos o maior número de puntos na nosa historia e loitamos ata o último segundo na final do playoff, no Sporting Seaia temos claro que o camiño continúa da man de quen mellor nos entende. Seguimos confiando plenamente en Manu Cancela para seguir liderando o noso proxecto na vindeira tempada.”

O anuncio remata cunha mensaxe cargada de ilusión para o futuro: “Isto aínda está por comezar.”

Coa renovación do seu adestrador, o Sporting Seaia dá o primeiro paso na planificación dunha nova campaña na que buscará volver estar entre os equipos máis competitivos da 3ª da Costa e tratar de dar un paso máis respecto á brilante tempada pasada.

AVISO IMPORTANTE

“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os orgañizadors, clubes, afeccionados, socios, etc…nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos, para evitar o de que se poñemos uns e outros non.

Podedes mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.

-Foto : Prensa Sporting Seaia CF

-Texto : Xosé Búa “Pirata”