MANIFESTACIÓNS TRALO CD GUIJUELO 0-0 DEPOR :

 

 

Fernando Vázquez manifestou en rolda de prensa que o empate supón “un punto positivo. Seguimos sumando. Queriamos os tres pero o equipo rival púxonolo moi difícil, meteunos en apertos en moitísimos momentos. Non renunciabamos ao 3 pero se temos que conformarnos cun… Isto é así”.

O técnico deportivsta lembrou que “sabiamos onde viñamos xogar, en que condicións viñemos xogar, en que campo. O rival está súper adaptado a este campo e iso non se pode negar. Tentamos competir sabendo que iamos ter problemas. E así é”.

Nesta liña, admite que o equipo “non tivo demasiadas posibilidades. Se ao final do partido, no minuto 75 ou 80 ves que o partido non está a ofrecer posibilidades, non perdamos. Iso é a miña forma de pensar sempre neste tipo de situacións. Procurei darlle ao equipo certa alegría pero non foi suficiente”.

Así pois, confesa que “non podo estar contento co resultado. Gustaríame outro pero isto é o que hai. É o partido que fixemos, o nivel que mostramos. Saímos coa idea de presión alta e tentar xogar no campo rival, con dous puntas. Fixemos dez minutos nos que estivemos bastante ben pero pasaban os minutos e eu sentía que as cousas non me estaban gustando. Perdemos un pouco a compostura, posicionamento e tomei a decisión de cambiar a estrutura do equipo, para parar as posibilidades de que puidésemos encaixar un gol antes do descanso”.

Indica o adestrador branquiazul que tralo descanso, “o equipo cambiou un pouco de ritmo, conseguimos aplanar ao equipo rival pero non foi suficiente para que no aspecto ofensivo fixésemos gol”.

O adestrador branquiazul comprende as críticas de #ANOSAFORZA: “Eu tamén pensaba que iamos xogar mellor. Non pensaba que ía ocorrer o que pasou no primeiro tempo pero a realidade é a realidade. Teño que poñer cura a unha situación que non está a ir ben. E ver a situación tal como é. Xogar neste campo non é fácil. Non o estou poñendo como escusa, é recoñecer a realidade informativa. Un dato evidente é o que é. Non é igual. Preguntádelle aos nosos xogadores a ver que senten, se teñen esa sensación a nivel muscular, esa relación co balón igual que cando xogan en Abegondo ou ABANCA-RIAZOR”.

Finalmente confirmou que o cambio de Claudio Beauvue no transcurso da primeira metade foi por decisión técnica e tamén engadiu que tivo a oportunidade de falar co dianteiro francés tralo encontro.

 

Carlos Abad en Zona Mixta

Carlos Abad pasouse pola zona mixta do Estadio Municipal de Guijuelo.

O meta deportivista, un dos destacados do choque por un par de paradas de mérito, cualificou o partido como “moi trabado, moi complicado. Non nos deron ningunha facilidade. O punto témolo que valorar para ben porque poida que aquí non puntúe moita xente e pode ser un punto de ouro de cara ao final desta fase”.

Admite que o CD Guijuelo, polo céspede sintético, “ten un pouco máis de vantaxe que nós. Non nos sentimos cómodos, non puidemos xogar a case nada. Cando se dan estas circunstancias, a idea é non arriscar. Así se deu o partido”.

Explica unha das paradas da xornada, un forte disparo na segunda metade desde a frontal dun atacante salmantino que puido despexar a saque de esquina nunha gran acción: “Vin a pelota un pouco tarde. A iluminación non estaba ao 100 % e non se vía nada. Puiden reaccionar, non sei se ía dentro ou non”.

Valora positivamente o feito de que o equipo aínda non perdeu: “A nosa base é non encaixar e desde aí crecer. Cada partido é diferente, danse dunha maneira ou doutra. Hoxe non puidemos marcar pero outros partidos se mantemos a porta a cero, o equipo vaise a sentir mellor”, concluíu.

-Foto, Texto e Vídeo : rcdeportivo.es