Mañán xoves 3 de setembro comezan os actos relixiosos da Nosa Señora da Barca coa novena previa a romaría.

A novena a Nosa Señora da Barca comezará mañán xoves 3 de setembro e prolongarase ata o venres 11, antes dun intenso programa relixioso que terá o seu punto culminante o domingo 13 coa celebración do «Domingo da Barca». Miles de peregrinos e romeiros camiñan xa e volverán camiñar cara a Muxía para participar nunha das citas máis importantes do calendario relixioso galego.

Muxía volverá converterse nas próximas semanas nun dos grandes puntos de encontro da peregrinación galega. O santuario da Nosa Señora da Barca xa ten preparado o programa da Virxe da Barca 2026, unha celebración que combina devoción, tradición e peregrinación e que cada ano atrae a milleiros de persoas procedentes de Galicia, do resto de España e tamén de numerosos países.

A programación relixiosa arrincará como decimos, mañán xoves 3 de setembro coa novena da Nosa Señora da Barca, que se desenvolverá ata o venres día 11. Cada mañá haberá misa ás 09:00 horas (media hora antes da novena e do rosario), mentres que pola tarde a novena e o rosario celebraranse ás 19:00 horas.

Serán nove días de preparación para unha festa que ten no santuario muxián un dos seus principais referentes espirituais.

Unha devoción con raíces nos primeiros séculos

A importancia da Virxe da Barca vai moito máis alá dunha celebración anual. O culto mariano de Muxía está considerado, segundo a tradición e os estudos teolóxicos aos que se fai referencia ao falar das súas orixes, como un dos máis antigos de Galicia e o primeiro culto mariano documentado pola tradición galega.

A propia lenda sitúa a lenda da Virxe a Muxía nun período comprendido entre os anos 570 e 630 despois de Cristo. Segundo o relato tradicional, a Virxe tería chegado ata a península muxiana nunha barca de pedra para animar o apóstolo Santiago na súa predicación.

A forza desta historia, transmitida durante séculos, acabou convertendo as pedras e o santuario da Barca nun dos grandes símbolos da espiritualidade galega.

Peregrinos durante todo o verán

A romaría xa non é unha celebración que comece e remate nunha única fin de semana. Desde os primeiros meses do ano, Muxía comeza cada ano a recibir peregrinos que chegan polos diferentes camiños que conducen ata o santuario.

Aos peregrinos do Camiño de Santiago, que prolongan a súa ruta ata Muxía, súmanse os que percorren a Vía Mariana e, especialmente, os tradicionais romeiros que parten desde diferentes puntos de Galicia para chegar a pé á Barca.

Chegan andando, en bicicleta, a cabalo ou utilizando diferentes medios, moitos deles para cumprir unha promesa ou presentar os seus exvotos á Virxe. A medida que se achega a celebración, o número de peregrinos aumenta ata alcanzar centos cada día.

A dimensión internacional da peregrinación é cada vez máis evidente. Persoas procedentes de distintos lugares do mundo incorporaron Muxía ás súas rutas e á súas experiencia dos Camiños, contribuíndo a que a Barca deixe de ser exclusivamente unha devoción galega para converterse nun destino espiritual de alcance internacional.

Non é casualidade que a romaría estea declarada de Interese Turístico Nacional e que estea a dar os últimos pasos para acadar tamén a declaración de Interese Turístico Internacional, á vista da crecente presenza de visitantes e peregrinos estranxeiros.

O «Domingo da Barca», o día grande

O programa alcanza o seu momento central o domingo 13 de setembro, coa celebración do chamado «Domingo da Barca».

Durante a mañá están previstas misas ás 11:00 e ás 13:00 horas, esta última como misa de campaña, seguida da tradicional procesión ata o porto e da bendición.

Pola tarde haberá novas celebracións ás 18:00 e ás 19:00 horas.

O día anterior, sábado 12, celebraranse misas pola mañá ás 11:00 e ás 13.00 horas e pola tarde ás 18:00 e 19:00 horas.

«Luns da Barca» para pechar a celebración

O luns 14 de setembro será o día dedicado ao «Día dos muxiáns». A programación comezará pola mañá con misa rezada ás 10:00 horas, seguida ás 12:30 da procesión desde a igrexa parroquial ata o santuario e, ás 13:00, da misa cantada.

Pola tarde haberá misa rezada ás 19:00 horas.

Misas adicadas na Novena

A programación inclúe ademais varios actos extraordinarios. O sábado 5 de setembro, ás 17:00 horas, terá lugar a celebración cos nenos, seguida ás 20:30 da tradicional Procesión nocturna de antorchas, que partirá do Santuario cara á vila e regresará posteriormente á Barca.

O domingo 6, ás 17:00 horas, celebrarase un acto especialmente dedicado ás persoas enfermas e maiores, mentres que o luns 7, tamén ás 17:00 horas, terá lugar o funeral polos devotos defuntos da Nosa Señora da Barca.

A Barca, entre a tradición e o fenómeno da peregrinación

A capacidade desta celebración para manter viva unha tradición con máis de mil anos de historia e, ao mesmo tempo, atraer novas xeracións e peregrinos chegados de todo o mundo explica boa parte da súa dimensión actual.

Para os muxiáns, a Virxe da Barca segue sendo unha parte esencial da identidade local. Para moitos galegos, a peregrinación ata o santuario forma parte dunha tradición familiar transmitida de xeración en xeración. E para os peregrinos chegados de fóra, Muxía converteuse nun dos lugares máis singulares do itinerario espiritual que percorre Galicia.

A chegada dos romeiros ao santuario, a entrega dos exvotos e as visitas ás pedras vinculadas á lenda da Barca forman parte dun ritual que continúa vivo séculos despois.

Muxía volverá así recibir a setembro entre exvotos, romeiros, peregrinos e devoción. A Virxe da Barca agarda un ano máis no seu Santuario situado fronte ao Atlántico, nunha celebración que mantén intacta a súa capacidade para unir fe, tradición e camiño.

Durante toda a novena e a festa haberá sacerdotes dispoñibles para a confesión, segundo informa o programa do santuario.

Misas sábado e Domingo despois da romaría

Tamén hai misas o sábado 19 e o Domingo 20 ás 12:00 horas e ás 18:00 e 19:00 ambos días, xa que son moitos que non poden ou escapan do tumulto da romaría e veñen a semana seguinte a cumprir cos seus exvotos a Nosa Señora.

Bendición da nova coroa da imaxe do altar

Mañán xoves 3 de setembro terá lugar a bendición da nova coroa que portará a imaxe que habitualmente está no altar maior e que se fixo gracias a axuda dos exvotos de devotos da Nosa Señora e que é igual ca da imaxe antiga que se saca en procesión na romaría e que data do 1947 cando foi canonizada e coroada como Patroa de Galicia, e anuncia o parroco Don Daniel Turnes que nos proximos meses tamén se estreará e bendicira a coroa do Neno Deus. Na foto pode verse a coa que porta actualmente e a que se bedicirá mañán, (dereita).

-Fotos coroa : Facebook Santuario da Barca

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”