Muxía celebra mañá a I Folía da Sartaña, unha festa pola música e o baile tradicional
O Camping Lago-Mar, no Lago (Merexo-Muxía), acollerá este sábado 24 de outubro unha xornada con obradoiros, máis dunha ducia de agrupacións, o concerto de Lorelia, gastronomía tradicional e unha foliada aberta a todo o mundo.
Muxía vivirá mañá, sábado 24 de outubro, unha xornada dedicada á música, ao baile e á cultura tradicional coa celebración da I Folía da Sartaña, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural “Pa Feira co que Temos” que nace para reivindicar e manter viva a tradición de Muxía e da Costa da Morte.
A cita desenvolverase no Camping Lago-Mar, no Lago, na parroquia de Merexo, (Muxía), cun programa que combinará formación, actuacións musicais, gastronomía e participación popular.
A programación comezará ás 16:00 horas cun obradoiro de baile e danza tradicional, no que terán un protagonismo especial as tres danzas brancas que aínda se conservan no concello de Muxía, un dos elementos máis singulares do patrimonio cultural local.
A partir das 17:30 horas, chegará a quenda da música, coa participación de numerosas agrupacións da contorna: Xaramiños do Corpiño, Abaladeiras, Vaiche Boa, Con Todo en Banda, Mar Devalado, Petaforte, Nin Chica Nin Patacón, Pedras Miúdas, Trubisquiñas, a Asociación Veciñal San Adrián de Toba, AC Fonte Santa, Sentenarios, Abelleira e Pa Feira co que Temos.
A xornada contará tamén co concerto de Lorelia, antes de dar paso a unha foliada libre na que todas as persoas asistentes poderán sumarse para tocar, cantar e bailar, convertendo a celebración nun espazo de encontro arredor da tradición.
Gastronomía, sorteos e participación
A música e o baile estarán acompañados dunha proposta de gastronomía tradicional por 10 euros. Ademais, ao longo da xornada celebraranse sorteos de experiencias e xornadas gastronómicas en establecementos colaboradores.
A presentación correrá a cargo de Anjustias e Josiño, de Radio Nordés, que conducirán unha cita pensada para todos os públicos. O cartel anunciador desta primeira edición é obra da pintora e escultora muxiá Viki Rivadulla.
A iniciativa conta coa organización de Pa Feira co que Temos e coa colaboración do Concello de Muxía, Horta Creativa e numerosas empresas da contorna.
Unha festa para manter viva a tradición
A “I Folía da Sartaña” nace coa vontade de dar continuidade á música e ao baile tradicional máis alá das celebracións puntuais, creando espazos de convivencia para agrupacións, músicos, bailadores e público ao longo de todo o ano.
A Sartaña
O propio nome da festa remite á identidade do lugar: A Sartaña é a punta situada ao oeste da praia do Lago e Merexo, unha zona da costa muxiana, (a carón de onde se atopa o Camping lago-Mar), que toma o seu nome dunha fonte que existe nese enclave.
Con esta primeira edición, Muxía suma unha nova proposta ao seu calendario cultural e convida a veciñanza e visitantes a participar nunha xornada na que a tradición será a gran protagonista.
–
-Foto : Xesús Búa/Foto-Estudio Lolas
-Información : Asociación Cultural “Pa Feira Co Que Temos”
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
–

