A travesía volve a Muxía por oitava vez.
Tal e como vos informamos no seu día o 6 de Xuño do 2023 partiu do porto francés de La Rochelle a “VIII Travesía “O Camiño a vela”, unha experiencia de turismo azul sostible e solidaria para navegar durante tres semanas ata chegar a Santiago de Compostela o 29 de xuño.
Onte chegaban a Coruña e na xornada de hoxe venres, día 23, celébrase na sede da Autoridade Portuaria, ás 11:00 horas, o acto de presentación oficial da asociación Educación Azul, cuxa misión é achegar o mar á xente e a xente ao mar a través da educación, en especial nas idades máis temperás e que foi o lema da Travesía desta edición.
Mañán chegan a Muxía
Mañán sábado 24 de Xuño chegará a Muxía tras percorrer 11 portos dende La Rochelele, (punto de partida), pasando por Hondarribia, Bermeo e Getxo en Euskadi; Laredo e Santander, en Cantabria e Xixón en Asturias, para alcanzar as costas galegas en Ribadeo e desde alí a Cedeira, A Coruña, onde están hoxe, Muxía, onde amarrarán a fin de semana, para logo recalar en Muros, Boiro e Vilagarcía de Arousa, porto final da navegación a vela. Desde alí os peregrinos realizarán a ruta da Traslatio remontando o Río Ulla e a última etapa do Camiño a pé ata Santiago.
Preto de 200 persoas cun mesmo obxetivo
A frota de 25 veleiros con 105 peregrinos a bordo, ademais de 80 invitados que realizarán algunha das etapas, son os que compoñen a 8ª Travesía “O Camiño á vela”. Son 13 portos deportivos e marinas das diferentes localidades polas que transcorre a Travesía as que recibirán aos peregrinos por mar con actividades culturais, gastronómicas e lúdicas en cada escala.
A tripulación da “flota peregrina” está composta por varias nacionalidades ademáis dos españois hai 35 de nacionalidade francesa, unha familia de Arxentina, e un navegante de México, os cales ergueron velas para realizar a travesía máis longa de “O Camiño á vela”, con 13 etapas de navegación e a última a pé desde Padrón a Santiago de Compostela.
Medirán a pegada de carbono
A VIII Travesía “O Camiño a vela” está a dar un paso máis no seu compromiso como experiencia de turismo náutico sostible, e na súa edición 2023, calculará a pegada de carbono resultante da súa singradura para mellorar a súa estratexia de sostibilidade.
Xa de por si unha experiencia de turismo náutico que se desfruta navegando a vela, a forma de propulsión máis sostible das embarcacións nas que viaxan os peregrinos que realizan o camiño de Santiago por mar, a Travesía pon o foco este ano no coidado do planeta. Para iso, en colaboración coa Facultade de Ciencias Biolóxicas e Ambientais da Universidade de León, os organizadores de “O Camiño a vela” calcularán a pegada de carbono da Travesía.
Navegando pola “Educación Azul”
Na súa oitava edición, o “Camiño á vela” navegará pola “Educación Azul”, co obxectivo de “achegar o mar á xente e a xente ao mar”, visibilizando as profesións mariñeiras como saída ao emprego, especialmente entre os máis novos, a través da educación.
Patrocinios
A oitava edición de O Camiño de Santiago a Vela conta co patrocinio de Repsol, QuironSalud e Aqualia, ademáis de Mercury Avator e Mapfre e co impulso institucional do Instituto Marítimo Español (IME) e a Asociación Nacional de Empresas Náuticas (ANEN). Conta con fondos Next Generation a través da colaboración coa Mancomunidade O Salnés (Galicia).
-Fotos e Texto: Xosé Búa “Pirata”/Comunicación “Camiño a vela”
Teléfono
+34 626 72 00 47
Email
admin@piratasdemuxia.es
Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.
ACEPTAR