Máis verán e cultura no Cámping Lago-Mar de Muxía: programación completa de setembro.

 O verán non acaba no Cámping Lago-Mar de Muxía, que continúa en setembro coa súa programación cultural: música en vivo, obradoiros, unha andaina botánica, unha velada cabareteira titiriteira e máis unha conversa arredor do libro “Cultura coas persoas no centro”, e a proxección do documental “A Costa e os Castelos”.

O Cámping Lago-Mar está xestionado pola coopereativa cultural Horta Creativa, que ofrece un ambiente familiar e tranquilo onde pasar uns días na natureza no corazón da Costa da Morte e os pés da praia de Lago. O cámping conta tamén cun restaurante cunha ampla oferta gastronómica con produto local.

Outro dos piares do cámping é a axenda cultural que comprende distintos tipos de actividades: música en vivo a diario, obradoiros de distintas artes e disciplinas, andainas na natureza ou clases de ioga, pilates e powerfit. Unha oferta para todas as persoas que visitan o cámping e tamén para toda a veciñanza da zona.

Toda a información sobre os aloxamentos e servizos do camping pódese consultar na web: www.campinglagomar.es. Tamén se poden facer reservas a través do email info@campinglagomar.es

AXENDA DE SETEMBRO

Obradoiros:

Creación tradicional de taburetes. Sara Riveira volve ao cámping con este obradoiro tan especial no que faremos e levaremos para a casa un fermoso taburete. Aprenderemos a técnica tradicional de encordar taburetes con corda de algodón retorcida, en diferentes cores e con madeira reciclada. Será o domingo 6 de setembro ás 18:00 horas. O obradoiro ten un prezo de 60 euros con todos os materiais incluídos e para participar é necesario inscribirse en info@campinglagomar.es

Obradoiro de papel maché. Un obradoiro impartido por Zolas, proxecto que transforma o papel desechado e fráxil en objetos sólidos e estéticos. Será un momento para crear e experimentar con calma e aprender todas as posibilidades deste material reciclado. O obradoiro será o sábado 19 de setembro ás 12:00 horas e ten un prezo de 18 euros. Para participar é necesario inscribirse en info@campinglagomar.es

Andaina botánica e degustación:

Descubriremos as plantas silvestres comestíbeis e medicinais da Costa da Morte cunha Andaina botánica e degustación silvestre da man de Sabores Espontáneos.

Aprenderemos a identificar as plantas silvestres no seu hábitat así como a recolectalas e preparalas garantindo a seguridade e a sostibilidade ambiental. Terminaremos cunha degustación silvestre de distintas prepracións.

Será o sábado 26 de setembro de 11:00 a 13:00 horas. A actividade ten un prezo de 12 euros (os menores de 12 anos gratis) e para participar é necesario inscribirse en info@campinglagomar.es

Música e Velada cabarateira titiriteira:

A axenda de concertos de setembro arrancou o venres 4 cunha tarde de versións de clásicos dos 70 e 80 con The Cerne. E máis outra co rock alternativo de Lowcos o sábado 5, que gozaron en ambos casos de un gran ambente.

Adhara and Ritman traerán a súa mestura moi bailable de folclore co rock e reagge o venres 18 ás 21:00 horas. E teremos outra cita imperdible coa proposta de La Gloria o sábado 19 ás 19:30 horas, entre o garage más directo e a psicodelia.

Atención tamén fans de Bob Dylan pois teremos un tributo con Smooth and Blind o venres 25 ás 21:00 horas

Ademais, a noite do sábado 26 viviremos nunha sesión de impro-cabaret titiriteiro grazas ao asistentes do Encontro Titiriteiro UNIMA en Muxía. Prometen que será unha noite canto menos… divertida! Será a partir das 23:00 horas.

Todos os concertos son con entrada inversa.

Libro, conversa e documental:

O Lago-Mar acollerá unha conversa arredor da presentación do libro “Cultura coas persoas no centro” da Deputación da Coruña, onde falaremos con distintas persoas e proxectos que están a facer cultura na provincia da Coruña dende o próximo e coidando da comunidade. Será o venres 18 ás 19:00 horas.

Tamén desfrutaremos dunha tarde de cine coa proxección do documental “A Costa e os Castelos”, unha viaxe pola Costa da Morte através dos seus castelos, torres e pazos, explorando as historias do pasado e o presente destes lugares. Contaremos coa presenza do director Alejandro Gándara. O domingo 27 ás 19:30 horas.

–

-Texto e fotos : Departamento de prensa do Camping Lago-Mar

-Montaxe : Xosé Búa “Pirata”

–