O Edificio Multiusos de Santa Comba acolleu na tarde do pasado luns unha nova iniciativa formativa impulsada pola Asociación de Fútbol Afeccionado da Costa (ASFACOS), centrada nesta ocasión nas responsabilidades legais e os riscos que asumen as directivas dos clubs deportivos. A cita reuniu máis dunha trintena de asistentes, confirmando o interese crecente do fútbol afeccionado da comarca por avanzar cara a unha xestión máis profesionalizada e segura.
A actividade, organizada coa colaboración do Concello de Santa Comba, desenvolveuse baixo o título “Responsabilidades e Riscos dos Directivos” e forma parte do ciclo formativo permanente “Obrigas dos Clubs”, promovido por ASFACOS co obxectivo de dotar ás entidades deportivas de ferramentas prácticas para o seu funcionamento diario.
Entre os asistentes atopábanse representantes de numerosos clubs da Costa da Morte, membros da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e diferentes autoridades e organismos vinculados ao ámbito deportivo local.
Formación clave para as directivas
O acto foi inaugurado por J. Ricardo Serrano, tesoureiro de ASFACOS, quen deu a benvida aos participantes e subliñou a importancia de que os dirixentes deportivos coñezan en profundidade as implicacións legais e patrimoniais que supón actualmente a xestión dun club.
A sesión formativa contou coa participación de dous especialistas que abordaron o tema desde perspectivas complementarias.
En primeiro lugar interveu Javier Rodríguez, representante da correduría Suevia Gestión de Riesgos y Seguros, quen puxo o foco na prevención e na correcta transferencia de riscos mediante aseguramentos adecuados. Durante a súa exposición explicou as pólizas consideradas fundamentais para protexer tanto o patrimonio persoal das directivas como a estabilidade económica das propias entidades deportivas.
Posteriormente tomou a palabra Marcos Gende, responsable de Marcos Gende Abogados, quen profundou nas obrigas legais ás que se enfrontan os directivos no día a día da xestión dun club, repasando o marco xurídico actual e as posibles responsabilidades derivadas da actividade deportiva e administrativa.
Participación activa e resolución de dúbidas
A xornada completouse cun espazo de diálogo aberto no que os asistentes puideron formular preguntas, compartir experiencias e expoñer casos prácticos, convertendo a sesión nun encontro participativo e de utilidade real para os representantes dos clubs presentes.
O acto foi clausurado polo presidente de ASFACOS, Vinto Tajes, quen agradeceu a implicación dos asistentes, a colaboración dos relatores e o apoio institucional recibido. Tajes destacou a importancia de continuar promovendo iniciativas deste tipo para avanzar na profesionalización e na seguridade do fútbol afeccionado na Costa da Morte.
Con esta nova actividade, ASFACOS continúa reforzando o seu compromiso coa formación das entidades deportivas, apostando por un modelo de club máis preparado ante os retos legais e organizativos do fútbol actual.
.
-Información e fotos : Nota prensa ASFACOS
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”


