Máis de 3.000 deportivistas reclaman a retirada das normas de Maratón Inferior e a rectificación nos prezos dos abonos

A Coruña volveu vivir na tarde de onte unha das grandes mobilizacións do deportivismo dos últimos anos. Máis de 3.000 afeccionados responderon á convocatoria realizada pola Federación de Peñas, xunto coas peñas non federadas Riazor Blues e Old Faces, para reclamar a eliminación das novas normas impostas polo club aos socios de Maratón Inferior (Grada de General) e mostrar o seu rexeitamento á subida dos prezos dos abonos para a tempada 2026-27.

A manifestación partiu da Praza de Pontevedra e percorreu diversas rúas da cidade ata concluír diante da sede de ABANCA, principal accionista da entidade branquiazul. Durante o percorrido, os participantes deixaron clara a súa oposición a unhas medidas que consideran discriminatorias respecto ao resto dos socios de Riazor e que, ao seu xuízo, atentan contra a identidade e a tradición dunha das bancadas históricas do estadio.

Os convocantes denuncian que as condicións impostas polo club para os afeccionados de Maratón Inferior non se aplican a ningunha outra zona de Riazor e consideran que estas normas supoñen unha ruptura coa convivencia existente ata o de agora. Ao mesmo tempo, tamén mostraron o seu malestar pola política de prezos dos novos abonos, especialmente tendo en conta o incremento aplicado tras a campaña anterior.

A protesta estivo encabezada pola Federación de Peñas e contou co apoio e participación activa de Riazor Blues e Old Faces, colectivos que forman parte da animación habitual de Riazor e que son considerados por moitos afeccionados como a auténtica banda sonora do estadio.

Ao remate da marcha, os organizadores deron lectura ao seguinte manifesto:


COMUNICADO MANIFESTACIÓN 

Moitas grazas a todas e todos unha vez máis pola vosa presenza nesta manifestación, e polo voso excelente comportamento tanto o outro día coma hoxe. O voso apoio é parte fundamental na defensa do sentimento deportivista. Nos últimos anos, vivimos moitas convocatorias ligadas ao Dépor: as marchas polo paseo marítimo, as grandes previas, as viaxes en distintas categorías… Esta manifestación ten tanta importancia ou máis que calquera deses recordos mencionados, e é unha mostra evidente de que UNIDOS SOMOS MÁIS FORTES.

O momento que estamos a vivir é tan histórico como calquera partido decisivo, xa que está en xogo o noso FUTURO como afección, futuro que nos queren arrebatar impoñendo de xeito unilateral unhas condicións abusivas para un sector onde hai nenas, avós, mozos, pais e nais que nunca deberían ser discriminados por parte do club.

En realidade, están a atentar contra a nosa IDENTIDADE, a de todo o deportivismo. Esa identidade que nos enche de orgullo por ter apoiado ao Dépor con máis forza nos seus momentos máis duros, e que recibiu moitos eloxios por non abandonar ao seu club nesa etapa.

Agora, e coincidindo cos 120 anos de HISTORIA do club, desde a directiva deciden tratarnos como delincuentes en potencia. Un ataque dirixido a máis de 4.000 persoas, cunha historia de paixón branquiazul.

As novas normas rachan coa ESTABILIDADE que existía na familia deportivista, creando unha fractura social sen precedentes e desfazendo a UNIÓN tan necesaria para acadar o éxito. As condicións ás que nos queren someter supoñen unha criminalización e unha discriminación para Maratón Inferior. Falamos de controis, rexistros e censura, e de perder dereitos fundamentais como a presunción de inocencia. Falamos de non poder ceder o teu abono a un familiar ou amigo se non podes ir. Estas condicións non se aplican a ningunha outra bancada de Riazor. Non estamos dispostos a tolerar que poñan en dúbida un espazo de convivencia deportivista con tantas décadas de tradición, co nome de General ou de Maratón.

E por suposto, non podemos esquecer a desorbitada suba dos prezos dos abonos. En resumo, todo constitúe unha falta de respecto sen ningún tipo de xustificación e precedente na historia do deportivismo.

Hoxe mesmo, e obviamente non é casualidade, o club utiliza á prensa para manipular o relato ao dicir que esas normas son necesarias e incluso obrigatorias. A Liga non impón ningunha das condicións abusivas deseñadas polo club. En Riazor non hai ningunha grada de animación específica. Sabemos que a realidade é outra. Vallecas, Vigo, Sevilla, Santander, Iruña, Gasteiz… Sobran os exemplos de estadios onde non existen estas imposicións, xa que son a maioría.

Desde o primeiro momento, puxemos o asunto en mans de avogados, que están a facer o seu traballo. Mais nós tamén debemos cumprir coa nosa parte. Unidos somos máis fortes, e así o amosan as cifras feitas públicas sobre as renovacións. Outros anos tiñamos actualizacións constantes con cifras incribles. Hoxe soubemos que máis do 75% de Maratón Inferior aínda non renovou, cifras claramente moi baixas.

Agardemos que o club, dunha vez, ESCOITE ao deportivismo e amose vontade de rectificación e de diálogo para evitar que esta situación provocada única e exclusivamente por eles se prolongue máis no tempo.

Moitas grazas a todos e todas por facer valer A NOSA FORZA, que cada vez é menos a súa. Non nos van roubar a ilusión.

O NOSO DEPORTIVISMO É INCONDICIONAL.

A mobilización concluíu entre cánticos de apoio ao Deportivo e aplausos dos asistentes, deixando patente que o conflito aberto entre unha parte importante da masa social branquiazul e a dirección do club continúa lonxe de atopar unha solución. Os organizadores reiteraron a súa disposición ao diálogo, pero insistiron en que seguirán defendendo os dereitos dos socios de Maratón Inferior mentres non se produza unha rectificación por parte da entidade.

Así foi a manifestación : https://x.com/fpdeportivistas/status/2078093159473573903?s=20

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comunicado e foto : Os orgañizadores