LUISMI CRUZ : “A primeira cousa que fixo o equipo foi facer autocrítica, algo moi importante. Sabiamos onde estabamos fallando e tentamos melloralo. Agora o equipo está forte, con moita confianza”.

 

Luismi Cruz chama á unión e á confianza na previa do Dépor–Racing de Santander

Luismi Cruz compareceu ante os medios na previa do Dépor–Racing de Santander, que se disputará este domingo a partir das 21:00 horas en Riazor, e deixou unha mensaxe clara: autocrítica, unidade e confianza para afrontar un partido esixente ante o líder, pero sen carácter definitivo.

O extremo deportivista explicou que o primeiro paso do equipo tras a mala dinámica foi mirar cara a dentro. “O primeiro que fixo o equipo foi facer autocrítica, algo moi importante. Sabiamos onde estabamos fallando e intentamos melloralo. Agora o equipo está forte, con moita confianza”, sinalou. Nesa liña, destacou a importancia de recuperar a solidez defensiva e o espírito colectivo: “Analizamos volver ser fortes atrás e ser un grupo unido, que cando as cousas non van ben sabe dicirse as cousas. Agora somos un equipo máis forte”.

Sobre a recente mala xeira de resultados, Luismi subliñou que tamén deixa aprendizaxes. “Queríamos cortar esa racha canto antes. É certo que foi unha racha mala, pero de todas se aprende. Agora estamos fortes, competindo moi ben neste último mes. O importante é que confiamos en todos os compañeiros, imos todos a unha e tentaremos sacar os tres puntos”.

En canto ao rival, o futbolista branquiazul recoñeceu a dificultade do encontro fronte ao Racing, actual líder da categoría. “O partido vai ser difícil, sabemos da capacidade que teñen con balón, son un equipo moi bo. Decidirase por detalles e teremos que estar concentrados os noventa e pico minutos”. Iso si, matizou que non é un choque decisivo: “É importante porque vén o líder e está facendo as cousas moi ben, pero non é definitivo. Quedan 20 xornadas. Temos que sacar os tres puntos na casa e facernos fortes aquí coa axuda da afección. Sumar, sumar e seguir sumando”.

Luismi tamén puxo en valor o ambiente de Riazor, que considera clave para converter o estadio nun fortín. “Sempre é bonito que haxa ambiente e que a xente estea metida con nós. Xa o demostraron contra o Atlético, foi espectacular e notámolo no campo. É un factor moi importante. Para estar arriba temos que facernos fortes na casa, e iso ten que empezar este domingo”.

O xogador lembrou o bo partido realizado en Almería, que serviu para recuperar sensacións. “Colectivamente foi o mellor partido ata agora con balón, pero tamén soubemos sufrir. Sabemos transitar, como nos goles con Yeremay e Samuele. É importante ter todas as facetas do xogo desenvolvidas”. Ademais, destacou a mentalidade mostrada pese a irse por detrás ao descanso: “Vimos que estabamos facendo as cousas ben e saímos coa confianza de darlle a volta, sen ansiedade. O equipo demostrou nos 90 minutos que foi superior”.

A nivel persoal, Luismi confesou sentirse “moi ben, con moita confianza”, disposto a axudar “no que o míster pida”. Tamén tivo palabras de eloxio para Altimira, “un xogadorazo que chegou en moi boas condicións”, e amosouse satisfeito polo gol de Mulattieri: “É moi importante que Mula volvese marcar, estamos moi contentos por el. Agardemos que quede pouco para que volva atoparse co gol”.

Así, o Dépor afronta o duelo do domingo en Riazor coa moral reforzada, consciente da dificultade do rival pero convencido de que, coa unión do grupo e o apoio da súa xente, pode poñerlle as cousas moi difíciles ao líder.

.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo