LIGA DA COSTA, (Crónicas 7ª Xda) : “Camariñas e Ponteceso os grandes beneficiados da xornada”.

LIGA DA COSTA
-Xornada 7-
Sábado 24/10/2026
Soneira SD 0-3 Camariñas FC, Crónica
Domingo 25/10/2026

Outes FC 1-1 SCD Malpica

SD Coristanco 3-2 Corme CF

CD Baio 1-1 SD Fisterra

CF Porteño 2-0 UC Cee

Ponteceso SD 2-1 Cabana SD

SD Oza 1-1 UD Corcubión

SCDR Esteirana 2-2 Sofán SD “B”

Clasificación detallada : PREME AQUÍ

–

CRÓNICAS

A sétima xornada da Liga da Costa deixou goles, emoción e varios encontros moi disputados, con 23 tantos nos sete partidos do domingo, aos que hai que sumar os tres que marcou o Camariñas no encontro adiantado do sábado. En total, 26 goles en oito encontros, cunha media de 3,25 por partido.

A xornada volveu confirmar a igualdade que hai na competición, con varios encontros resoltos por diferenzas mínimas e 4 empates. Na parte alta, o SD Fisterra e o CD Baio continúan empatados a 17 puntos, invictos e firmes na loita polo liderado. O Camariñas FC colle impulso coa súa vitoria ante o Soneira, mentres que o Ponteceso SD tamén sumou tres puntos importantes. Pola súa banda, o Malpica, o Outes, o Oza e o Corcubión repartiron puntos nos seus compromisos.

Entre os partidos máis destacados estivo o duelo entre o CD Baio e o SD Fisterra, dous históricos que asinaron táboas nun encontro intenso, así como o SD Coristanco e o Corme CF, que se decidiu cun gol de Damián pouco despois de que os visitantes igualasen o marcador. Tamén foi salientable a remontada do Sofán SD “B” ante a Esteirana, que conseguiu rescatar un punto tras ir perdendo por dous goles.

Os grandes beneficiados da xornada foron o Camariñas e o Ponteceso. Os camariñáns derrotaban a un rival direto o sábado cunha goleada en Vimianzo e os pontecesáns derrotaban o veciño Cabana, para engancharse a zona alta e recortarlle o Baio e Fisterra.

Outes FC 1-1 SCD Malpica

O Outes FC e o SCD Malpica repartiron os puntos nun encontro no que os visitantes tiveron que afrontar boa parte da segunda metade en inferioridade numérica. Aday adiantou o Malpica no minuto 60, pero o Outes non deixou de insistir e atopou o premio á súa perseveranza no minuto 89, cando Sanchiño conseguiu o tanto do empate.

O Malpica quedou cun home menos desde o minuto 49, cando Saúl viu o segundo cartón amarelo, despois de recibir o primeiro na primeira metade. A continuación, o partido converteuse nun choque moi trabado, con ata seis cartóns na segunda metade. O Outes aproveitou a superioridade para apretar nos minutos finais e evitar a derrota, mentres que o Malpica tivo que resistir ata o último suspiro.

Goles: 0-1, Aday (60’); 1-1, Sanchiño (89’).

SD Coristanco 3-2 Corme CF

O SD Coristanco levou un encontro moi emocionante ante o Corme CF, nun choque que tivo alternativas no marcador e que acabou decidíndose nun trepidante tramo final. Os da Terra da Pataca comezaron con forza e, cando apenas se levaban oito minutos, xa mandaban por dous goles grazas aos tantos de Daniel Vázquez e Arib.

O Corme reaccionou antes do descanso cun penalti transformado por Samu Costa e, no minuto 75, Torrado igualou o encontro, facendo pensar que os visitantes podían completar a remontada. A alegría durou pouco, só dous minutos despois, Damián marcou o definitivo 3-2 para deixar os tres puntos en Coristanco.

Un triunfo importante para os locais, que alcanzan os nove puntos e se sitúan na zona media da clasificación. O Corme, pola súa banda, continúa con cinco puntos.

Goles: 1-0, Daniel Vázquez (2’); 2-0, Arib (8’); 2-1, Samu Costa (40’, de penalti); 2-2, Torrado (75’); 3-2, Damián (77’).

CD Baio 1-1 SD Fisterra

O CD Baio e o SD Fisterra protagonizaron un dos grandes encontros da xornada, un duelo entre dous históricos da Costa que rematou en empate e mantén unha semana máis, os dous equipos igualados no máis alto da clasificación, con 17 puntos.

O Fisterra golpeou primeiro por medio de Isaac Fábregas, que marcou no minuto 38 e permitiu aos visitantes marchar ao descanso con vantaxe. Pero o Baio reaccionou tras a reanudación e Pazos estableceu a igualada no minuto 51. A partir de aí, os dous equipos buscaron decantar o partido ao seu favor, pero ningún conseguiu atopar o gol da vitoria.

O encontro tamén estivo marcado pola intensidade e polo traballo arbitral. O colexiado Manuel Castro mostrou sete dos nove cartóns do partido na segunda metade, nun reparto de cinco para os baieses e catro para os fisterráns.

Un punto para cada equipo que lles permite manter o seu pulso polo liderado e continuar invictos despois de sete xornadas.

Goles: 0-1, Isaac Fábregas (38’); 1-1, Pazos (51’).

CF Porteño 2-0 UC Cee

O CF Porteño sumou unha vitoria importante diante do UC Cee, nun encontro que deixou practicamente encamiñado na primeira metade. Alfredo abriu o marcador no minuto 9 e Saydou ampliou a vantaxe no 37’, deixando o 2-0 co que se chegou ao descanso.

O Porteño soubo xestionar a súa renda e manter a portería a cero ante un Cee que non conseguiu atopar o camiño do gol. Tres puntos que permiten aos locais alcanzar os oito puntos e coller folgos na clasificación, mentres que o conxunto ceense queda con once.

Goles: 1-0, Alfredo (9’); 2-0, Saydou (37’).

Ponteceso SD 2-1 Cabana SD

O Ponteceso SD levou os tres puntos nun encontro esixente ante o Cabana SD, que se decidiu no tramo final. Os locais adiantáronse xusto antes do descanso, cando Hadrián marcou no minuto 42. O Cabana non se rendeu e atopou o empate por medio de Yeray no 71’, deixando todo aberto para os últimos minutos.

Foi entón cando apareceu Rama, que no minuto 80 marcou o tanto definitivo para darlle a vitoria ao Ponteceso. Un triunfo que confirma a boa marcha do equipo, que suma once puntos e se mantén na zona alta da táboa. O Cabana, pola súa banda, continúa con tres puntos e precisa reaccionar para saír da parte baixa.

Goles: 1-0, Hadrián (42’); 1-1, Yeray (71’); 2-1, Rama (80’).

SD Oza 1-1 UD Corcubión

A SD Oza e a UD Corcubión repartiron os puntos nun partido no que, segundo o adestrador visitante, Isidro Trillo, o conxunto corcubionés mereceu moito máis. Adrián «Makaay» adiantou o Corcubión no minuto 22, pero David Rodríguez igualou apenas tres minutos despois.

A partir de aí, o Corcubión buscou insistentemente o gol da vitoria, pero topouse cun porteiro local moi acertado e coa falta de fortuna de cara á portería. O equipo visitante chegou a enviar ata catro balóns á madeira e, segundo o seu técnico, dispuxo de numerosas ocasións claras.

Isidro Trillo resumiu así o encontro: «Fomos moi superiores, tivemos ata catro balóns á madeira. O porteiro deles fixo oito ou nove paradas moi boas. Eles marcaron na única que chegaron e nós tivemos de todos os colores, pero hai días que non quere entrar o balón. Merecemos gañar sobrados».

Un empate que sabe a pouco para o Corcubión polo visto sobre o terreo de xogo, mentres que o Oza suma un punto máis e alcanza os nove.

Goles: 0-1, Adrián «Makaay» (22’); 1-1, David Rodríguez (25’).

SCDR Esteirana 2-2 Sofán SD “B”

A SCDR Esteirana e o Sofán SD “B” pecharon a xornada cun empate que tivo dúas partes ben diferenciadas. Os visitantes comezaron mellor e conseguiron unha vantaxe de dous goles grazas aos tantos de Marcos Pose, no minuto 19, e Rubén Porteiro, no 67’.

Cando parecía que o Sofán “B” tiña o encontro controlado, a Esteirana reaccionou no tramo final. Pablo Fernández recortou distancias no minuto 78 e José Antonio culminou a igualada no 86’, permitindo aos das Salinas rescatar un punto diante da súa afección.

Goles: 0-1, Marcos Pose (19’); 0-2, Rubén Porteiro (67’); 1-2, Pablo Fernández (78’); 2-2, José Antonio (86’).

–

Clasificación 

1º SD Fisterra: 17 
2º CD Baio: 17 
3º Camariñas FC: 11 
4º Ponteceso SD: 11
5º UC Cee: 11 
6º UD Corcubión: 11 
7º Soneira SD: 10
8º SCD Malpica: 10
9º Outes FC: 9 
10º SD Oza: 9
11º SD Coristanco: 9 
12º CF Porteño: 8 
13º Sofán SD “B”: 8 
14º Corme CF: 5 
15º SCDR Esteirana: 5 
16º Cabana SD: 3 

 

 

LIGA DA COSTA
-Xornada 7-
Domingo 01/11/2026

Corme CF – Outes FC

SD Fisterra – SD Coristanco

UC Cee – CD Baio

Cabana SD – Soneira SD

UD Corcubión – Ponteceso SD

Sofán SD “B” – SD Oza, ás 16:30

SCD Malpica – SCDR Esteirana, ás 17:00

Camariñas FC – CF Porteño, ás 17:00

(Os horarios non son oficiais)

–
Fotos : Prensa Sporting Zas
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
–