LIGA DA COSTA
30ª Xornada, (derradeira)
Domingo 17/05/2026
SD San Lorenzo 2-0 UD Corcubión
CF Mazaricos 3-0 Outes FC
Ponteceso SD 3-0 Cabana SD
UD Monte Louro 2-1 CF Porteño
SD Sofán ” B” 6-1 CD Muros
Xallas FC 1-0 Sporting Zas
CD Baio 3-0 SCD Malpica
Soneira SD 2-1 Corme CF
Clasificación con detalles : PREME AQUÍ
.
As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.
.
CRÓNICA XERAL
A Liga da Costa baixou o telón cunha derradeira xornada das que fan afección. O campión non se decidiu ata os últimos noventa minutos e tampouco quedaron pechadas todas as contas pola zona baixa, onde os temidos arrastres seguirán marcando o futuro de varios equipos costeiros.
A ledicia grande foi para o SD San Lorenzo, que non fallou diante da súa xente e regresará directamente á Primeira Futgal apenas un ano despois do doído descenso. Os de Iván Rojo, (Campión da Costa da Costa de Veteranos, e tendo moita parte do trunfo no encontro e nos penalti), dependeron de si mesmos e responderon cun triunfo serio ante un UD Corcubión que chegaba sen marxe de erro pero acabou despedindo o curso no oitavo posto.
(“A nosa máis cordial noraboa a tódolos/as que forman o SD San Lorenzo de Verdillo”).
O título non admite discusión. Os de Verdillo souberon soportar a presión dun Xallas FC que tamén cumpriu co seu traballo ata o final. Os xalleiros venceron pola mínima ao Sporting Zas, (que se xogaba a vida), pero a vitoria do líder deixou aos de Santa Comba a un só punto do ascenso directo. Terán agora unha segunda oportunidade na promoción, igual que un CD Baio que rematou a campaña cun contundente triunfo sobre o SCD Malpica, (máis pensando na final da Copa ante o Muxía o vindeiro 24 de maio en Vmianzo ás 18:00 horas), e pechan os baieses a liga nun máis que meritorio terceiro lugar.
Quen quedou co mel nos beizos foi o CF Porteño. Os da Ponte do Porto dependían dun tropezo dos seus rivais de arriba, pero ademais acabaron caendo no campo da UD Monte Louro, que salvou boa parte das súas opcións de permanencia cun triunfo de ouro.
Na zona media tamén houbo movemento na despedida. O Soneira SD pechou o curso cunha remontada diante do Corme CF para igualar aos coristanques na táboa e terminar sétimo. Os de Vimianzo ratificaron así a decisión de destituir a Josiño ca irrupción dos dous irmáns De la Sierra, para os dous derradeiros encontros, acadando duas vitorias que lles deron a salvación, (non decimos que Josiño non o puidera acadar, eso quedará no limbo dos supostos). O Ponteceso SD aproveitou a visita dun Cabana SD xa asentado na quinta praza para sumar tres puntos e despedirse cun bo sabor de boca.
E se por arriba houbo festa, por abaixo queda aínda moita incerteza. O CF Mazaricos cumpriu coa súa obriga e venceu ao Outes FC, abandonando a penúltima posición e deixando como pechacancelas ao Zas, ao que a vindeira tempada non adestrará Rubén Forján, como xa lle comunicou a diretiva tras 80 encontros co equipo zacense. Os mazariquenses e zacenses voltan a 3ª da Costa.
A clasificación deixa descendidos directos a Zas e Mazaricos, pero os arrastres da Primeira Futgal ameazan con ampliar a sangría. Co descenso confirmado de tres equipos costeiros desde a categoría superior, o antepenúltimo tamén cae, praza que ocupa o CD Muros pese a que a goleada encaixada ante o SD Sofán B xa apenas cambiaba o panorama.
Así as cousas, o filial do Sofán e o Monte Louro quedan pendentes das promocións de ascenso. Se Xallas ou Baio conseguen subir, haberá salvacións na Costa. Cada ascenso evitaría un arrastre e abriría a porta á permanencia dun dos equipos que agora mesmo teñen o corazón nun puño.
Un final de liga de auténtica tolemia para unha Liga da Costa que volveu demostrar por que segue sendo unha das competicións máis apaixonantes e seguidas do fútbol galego.
A proxima cita a final da Copa
Ademáis das promocións que comezan en 15 días o punto de mira está todo a final da “LXI Copa da Costa” que disutarán o CF Muxía e o SCD Malpica no “Irmandiños” de Vimianzo desde ás 18:00 horas do vindeiro Domingo 24 de Maio.
Comentarios de adestradores
Aquí van os comentarios completos e baixo a sua responsabilidade, dos adestradores.
SD San Lorenzo 2-0 UD Corcubión
Iván Rojo, (adestrador do San Lorenzo) :
“O San Lorenzo proclamouse este domingo campión de liga tras superar o Corcubión nun partido no que os de Verdillo demostraron, de principio a fin, a intensidade e o carácter dun auténtico campión.
Dende o inicio, o SanLo saíu decidido a polo encontro, dominando o xogo e xerando ocasións moi claras. A ansiedade por atopar o gol e certa precipitación nos metros finais fixeron que o primeiro tanto tardase en chegar, pero as sensacións eran moi boas.
No minuto 31, Pape desataba a tolemia nas Pedreiras cun gran disparo que significaba o 1-0. Un gol máis que merecido para un equipo que estaba a ser claramente superior.
Na segunda metade, o guión mantívose igual: un San Lorenzo dominador, intenso e perigoso, que dispuxo de varias ocasións para ampliar a vantaxe. Finalmente, no minuto 73, Pere anotaba o 2-0 definitivo, sentenciando o encontro e confirmando o título para os de Verdillo.
Unha tempada espectacular dun grupo que nunca deixou de crer e que culmina coa recompensa máis grande: ser campións.”
Isidro Trillo, (2º adestrador do Corcubión) :
“Pouco que contar. Fomos con moitas baixas, un só cambio, e aguantamos o que puidemos. Eles marcaron o 1-0 no minuto 30 da primeira parte e pouco máis.
Na segunda, co 1-0, tivemos dúas moi claras que, de metelas, lles complicaban o partido. Eles tiveron máis ocasións ca nós ata que meteron o segundo nunha falta que, ao meu ver, non foi. Aí acabou o partido…Xusto vencedor o San Lorenzo e darlle os parabéns polo título”.
Soneira SD 2-1 Corme CF
Jose de la Sierra, (adestrador do Soneira) :
“Partido totalmente condicionado por non haber nada en xogo, pero no que tiñamos o obxectivo de sacar os tres puntos e poder rematar a tempada o máis arriba posible na táboa. Aínda así, un primeiro tempo moi malo pola nosa parte, sen apenas ritmo, control nin intensidade.
Si melloramos tralo descanso a raíz dunha serie de axustes, sendo máis recoñecibles e xerando o suficiente como para poder acabar gañando e acadando un 7º posto final na competición.
Felicitar o San Lorenzo por ser un xusto campión, e tamén o Xallas e o Baio por acadar a fase de ascenso, así como mostrar ánimo aos que non poderán seguir na categoría debido ao descenso. Seguro que pronto estarán de volta.”
“O Sporting Zas afrontaba en Santa Comba un partido no que os dous equipos estaban obrigados a gañar, aínda que o desenlace final tamén dependía doutros resultados para manter opcións ao obxectivo. Un escenario de máxima tensión, no que os nervios e a precipitación marcaron o xogo durante boa parte do encontro.
O partido comezou cun Zas moi enchufado e con dúas ocasións clarísimas nos primeiros compases, ambas en man a man de Redondo, que non foi quen de acertar. Esa entrada forte dos visitantes non tivo continuidade en gol, e pouco a pouco o Xallas foi medrando, estirándose e achegándose á portería de Pereiras, aínda que tampouco estivo fino nos metros finais e non conseguiu atopar portería con claridade. Con esa falta de acerto en ambas áreas, o encontro chegou ao descanso co 0-0.
Trala reanudación mantívose o mesmo guión: moita tensión, pouca soltura e escasa claridade ofensiva. O partido xogouse máis por impulso que por orde, e costou moito construír ocasións limpas. O Xallas deu un paso adiante cos cambios e mellorou coa entrada de Jallas e, sobre todo, de Doro, que volvería ser decisivo. Primeiro avisou cun disparo que se marchou fóra e, na segunda que tivo, non perdoou, poñendo o 1-0 que acabaría sendo definitivo.
O Zas tivo a resposta case inmediata. Redondo dispuxo de novo dun man a man diante de Couto e, cunha volea que se marchou fóra, perdeu a opción máis clara de igualar o encontro. A partir de aí o Sporting intentou empurrar, pero o marcador xa non se movería e o partido rematou con vitoria local por 1-0.
Co resultado final, o Sporting Zas confirma o seu regreso de novo á Terceira Futgal, mentres que o Xallas se mete na promoción de ascenso, un obxectivo polo que lle desexamos moita sorte, do mesmo xeito que aos veciños do Baio. Parabéns tamén aos San Lorenzo de Verdillo polo título ligueiro conseguido.
Por último, comuniquei á directiva e ao vestiario que non continuarei a próxima tempada, pechando así unha etapa de case tres campañas á fronte do equipo, cun ciclo que chega ao seu final tras un camiño cheo de traballo, compromiso e máis de 80 partidos defendendo o escudo do Sporting”.
1º SD San Lorenzo : 58
2º Xallas FC : 57
3º CD Baio : 54
4º Porteño CF : 50
5º Cabana SD : 43
6º Outes FC : 41
7º Soneira SD : 41
8º UD Corcubión : 40
9º Ponteceso SD : 40
10º Corme CF : 39
11º SCD Malpica : 38
12º SD Sofán B : 37
13º UD Monte Louro : 37
14º CD Muros : 35
15º CF Mazaricos : 33
16º Sporting Zas : 31
.
-Foto Soneira : Lolita Campaña
-Fotos San Lorenzo : Iván Rojo


