LIGA DA COSTA, (28ª Xda) : “Por arriba entra en combustión por abaixo arde, a falta de dúas xornadas”.

LIGA DA COSTA
28ª Xornada 
Domingo 03/05/2026

CD Muros 1-0 CF Corme

Xallas FC 2-0 Outes FC

SD San Lorenzo 3-1 SCD Malpica

CF Mazaricos 1-3 Cabana SD

CD Baio 2-1 CF Porteño

Ponteceso SD 2-0 UD Monte Louro

Soneira SD 1-2 UD Corcubión

SD Sofán ” B” 0-1 Sporting Zas

.

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.

.

CRÓNICA XERAL

A Liga da Costa entra na súa conta atrás e faino coa emoción disparada tanto por arriba como por abaixo. A falta de dúas xornadas para o remate, a 28ª deixou movementos importantes nunha clasificación que segue moi aberta e cun futuro cheo de incógnitas, especialmente polos posibles arrastres dende a Primeira Futgal G2.

Na loita polo título, o Xallas FC mantén o liderado tras impoñerse con autoridade ao Outes (2-0). Os de Santa Comba seguen firmes no primeiro posto con 54 puntos, pero non poden relaxarse porque o SD San Lorenzo, que venceu con solvencia ao Malpica (3-1), continúa a só dous puntos. Máis atrás quedan Baio e Porteño, que empatan a 47 puntos tras a vitoria dos baieses (2-1) precisamente ante os da Ponte do Porto. A pelexa polo campionato redúcese practicamente a tres equipos, mentres que os catro primeiros serán os que se repartan os dous postos de promoción, nun tramo final que promete tensión ata o último minuto.

No resto da xornada, o Cabana SD deu un paso adiante importante ao superar ao Mazaricos (1-3), asentándose na quinta praza e achegándose á zona quente. Tamén cumpriu o CD Muros, que venceu pola mínima ao Corme (1-0) e colle algo de aire na zona media-baixa.

Por abaixo, cada punto é ouro. O UD Corcubión levou un triunfo de mérito do campo do Soneira (1-2), mentres que o Ponteceso fixo o propio ante o Monte Louro (2-0), igualando ambos con 37 puntos e afastándose lixeiramente do perigo inmediato. Non así o Sporting Zas, que sumou tres puntos vitais en Sofán (0-1) e métese de cheo na pelexa pola permanencia, comprimindo aínda máis a táboa e metendo medo aos que queren escapar dos postos de “arrastre”.

A zona baixa é, sen dúbida, a máis incerta. Co descenso directo de dous equipos e a ameaza real de ata tres arrastres dende a categoría superior, o abano de implicados é enorme. Dende o posto 10 cara abaixo, practicamente todos teñen algo en xogo. Equipos como Monte Louro, Zas ou mesmo o Mazaricos, (este xa en peor medida), agora pechacancelas, téñeno moi complicado e como mínimo están obrigados a sumar os 6 puntos que quedan, pero outros que parecían máis tranquilos comezan a mirar de esguello o que vén por detrás.

O contexto non invita ao optimismo: se se confirman os descensos de equipos da Costa na Primeira Futgal G2, (agora apunta todo a 3), a categoría podería vivir unha auténtica sangría. Só un ascenso dalgún dos que loiten pola promoción aliviaría parcialmente a situación, pero a día de hoxe o escenario é complexo.

Así, con só dúas xornadas por diante, a Liga da Costa prepárase para un desenlace de infarto. A batalla polo título, polos postos de promoción e, sobre todo, pola supervivencia, promete emoción ata o derradeiro asubío. Aquí, cada erro pode ser definitivo.

Once inicial do Sporting Zas no Carral.

SD Sofán “B” 0-1 Sporting Zas

Así nos conta Rubén Forján, adestrador do Zas o que foi este encontro : 

“O Sporting Zas afrontaba ante o Sofán B unha das tres finais que lle restan nesta recta final, nun escenario no que a situación da Primeira Futgal e os posibles arrastres dos equipos costeiros están a encarecer cada vez máis a salvación. A día de hoxe, o descenso márcao o Muros con 35 puntos e a tensión competitiva é tal que, dende a zona baixa ata equipos situados na metade alta, todos están obrigados a sumar para non verse metidos nos últimos postos. Co Mazaricos xa descendido esta semana, o resto de conxuntos pelexarán ata o final por asegurar a permanencia.

O partido disputouse en condicións estupendas no Carral, con bo ambiente nas bancadas e dous equipos conscientes do que había en xogo. Nos primeiros compases, o Sofán saíu mellor, con máis presenza e máis chegadas á portería de Pereiras. O gardameta zasense, moi seguro durante todo o encontro, volveu ser decisivo nun tramo de liga no que está a sostelo equipo con intervencións de moito mérito. Aínda que houbo ocasións nas dúas áreas, as máis claras da primeira metade caeron do lado local, pero o Sofán non atopou a fortuna do gol e o descanso chegou co marcador en branco.

Tras o paso polos vestiarios, o Zas modificou o debuxo para frear a dinámica do rival e o cambio notouse. O Sporting atopouse mellor, gañou metros e comezaron a aparecer as ocasións máis claras do seu lado. E nese momento de maior control chegou unha boa asistencia de Redondo que atopou a cabeza de Juan, que anotou o 0-1. Un gol que sentou como un auténtico xerro de auga fría no Sofán e que confirmou a mellor versión do Zas na segunda parte.

A partir dese tanto, o encontro entrou nun tramo máis de disputa, con máis xogo aéreo e máis imprecisións, propio da tensión e do desgaste. O Sofán tentou responder, pero o marcador xa non se movería.

Vitoria de enorme valor para o Sporting Zas, que suma tres puntos e mantén a clasificación comprimida ao máximo nunha das loitas pola permanencia máis caras que se lembran na Liga da Costa, onde cada detalle e cada partido están a decidir o destino de moitos equipos.”

Soneira SD 1-2 UD Corcubión 

Así nos conta Isidro Trillo, adestrador do Corcubión o que foi este encontro : 

“Partido moi disputado, con moitas ocasións. O Soneira tocando moi ben e nós defendendo e saíndo á contra con moito perigo. Así nos puxemos por diante: unha contra na que Luis, en velocidade, levou ao defensa, tirou, parou o porteiro e o rexeite foille a Rama, que marcaría o 0-1.

Seguimos igual, co Soneira tocando moito e movéndose moi ben, pero nós moi ben ordenados. E Martín, desde case o medio campo, vería o porteiro adiantado e marcaría o 0-2 nun golazo. Pouco despois marcarían eles, nun único despiste que tivemos, e así acabaría a primeira parte.

Na segunda aínda estivemos mellor ca na primeira. Tivemos 4 ou 5 ocasións moi claras, man a man, que esas hai que metelas. O árbitro perdooulle a vermella ao porteiro deles: Luis puxéralla por arriba e o porteiro, fóra da área, deulle coa man. Sería unha expulsión moi clara que lle perdoou o árbitro.

O Soneira intentouno ata o final, sen premio. Bo triunfo do Corcubión, merecido, e seguir que isto non acabou!!”.

.

Xallas FC 2-0 Outes FC

1º Xallas FC : 54
2º SD San Lorenzo : 52
CD Baio : 47
4º Porteño CF : 47
5º Cabana SD : 42
6º Outes FC : 41
7º SCD Malpica : 38
8º UD Corcubión : 37
9º Ponteceso SD : 37
10º Corme CF : 36
11º Soneira SD: 35
12º CD Muros : 35
13º SD Sofán B : 34
14º Sporting Zas : 31
15º UD Monte Louro : 31
16º CF Mazaricos : 27

LIGA DA COSTA
29ª Xornada 
Domingo 10/05/2026

CF Corme  SD Sofán ” B”

UD Corcubión – Xallas FC

SCD Malpica – CF Mazaricos

Cabana SD  CD Baio

CF Porteño – Ponteceso SD

Sporting Zas – Soneira SD, ás 17:00

Outes FC  SD San Lorenzo, ás 17:00

CD Muros – UD Monte Louro, ás 18:00

(Os horarios non son firmes)

Clasificación : PREME AQUÍ