LIGA DA COSTA 25ª Xda) : “O Xallas consolida o liderato con 4 pretendentes para un trono e por abaixo cos máis ca probables arrastre a cousa fai tremer”.

LIGA DA COSTA
25ª Xornada 
Domingo 12/04/2026

UD Monte Louro 3-2 Sporting Zas

UD Corcubión 3-3 CF Corme

Outes FC 0-2 CD Muros

SCD Malpica 3-2 SD Sofán ” B”

Cabana SD 3-0 Soneira SD

CF Porteño 0-1 Xallas FC

Ponteceso SD 3-4 SD San Lorenzo

CD Baio 3-1 CF Mazaricos

..

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.

.

CRÓNICA XERAL

.

A Liga da Costa entra na súa recta final cunha auténtica vaga de mar, tanto na loita polo título como pola permanencia. A falta de cinco xornadas, cada punto pesa coma ouro e cada erro págase caro.

O gran golpe da xornada deuno o Xallas FC, que deu un auténtico peto enriba da mesa ao asaltar A Grixa e vencer ao Porteño no duelo directo polo liderado. Os xalleiros xa aproveitaran o tropezo da pasada semana dos da Ponte do Porto para subirse o máis alto, e agora consolidáronse nunha liga tremendamente esixente que promete emoción ata o último suspiro.

Por detrás, o SD San Lorenzo protagonizou unha das remontadas da tempada en Ponteceso. Cando todo parecía decidido cun 3-0 en contra, os de Verdillo sacaron orgullo e fútbol para remontar ata o 3-4 e colocarse segundos, reactivando a súa candidatura tras varias xornadas sen gañar.

O CD Baio tampouco falla e segue metido de cheo na pelexa, mentres que o SCD Malpica, a pesar do desgaste copeiro, demostra que chega forte ao tramo final. O Cabana tamén dá un paso adiante cun triunfo contundente e moi necesario para mirar o máis lonxe posible os postos de arrastre.

Na zona baixa, a cousa queima. O Monte Louro colle aire cunha remontada épica ante o Zas, que queda tocado e pechando a clasificación. O Muros tamén suma tres puntos vitais e mete presión na loita por evitar o descenso, nun escenario que pode complicarse aínda máis cos posibles arrastres da Primeira Futgal, que poden ser ata 3, o que daría pé a 5 descensos na Liga da costa.


CRÓNICAS

O Sporting Zas sigue na loita por abaixo.

UD Monte Louro 3-2 Sporting Zas

Partido de necesidades no Agra de Filgueira, con dous equipos afogados na táboa que xogaban algo máis que tres puntos. O Zas parecía telo feito cun 0-2, pero todo mudou tras unha expulsión que acabou sendo decisiva.

Goles : 0-1, Redondo, (35´); 0-2, Andrés, (54´); 1-2, Rodrigo, (65´); 2-2, Farinós, (66´); 3-2, Alejandro, (88´).

Incidencias: o colexiado Julián Buján expulsou con vermello directo no 60 ao xogador do Zas, Stefan.

Rubén Forján (adestrador do Sporting Zas):
“Sporting Zas e Monte Louro afrontaban en San Andrés un duelo de auténticos necesitados, entre dous equipos instalados na zona baixa e coa urxencia de sumar tres puntos que lles deran aire na clasificación. O encontro tivo tensión, moita disputa e pouco fútbol elaborado, nun deses partidos nos que cada detalle pesa máis do habitual.

Xa nos primeiros compases quedou claro que ía ser unha tarde movida: anuláronse dous goles en cada portería por fóra de xogo. Co paso dos minutos o partido foi entrando nun ritmo máis trabado, con moito empuxe e pouca continuidade no xogo.

Ao redor da media hora chegou a acción que abriu o marcador. Chiki realizou unha boa xogada e serviu un balón que Redondo, cunha volea, converteu no 1-0 para o Zas. Un gol que premiaba o empuxe local e que permitiu aos zasenses marchar por diante ao descanso.

Tralo paso polos vestiarios, o Zas volveu golpear. Andrés apareceu para marcar o 2-0 e ampliar a vantaxe nun momento no que o encontro parecía encamiñado. Pero, a partir do minuto 60, o partido mudou por completo cunha expulsión moi rigorosa, que obrigou ao Sporting a xogar con dez nun contexto especialmente duro, xa que o equipo xa chegara moi xusto de efectivos por lesións e sancións.

A partir dese momento, o Monte Louro deu un paso adiante e comezou a empuxar con insistencia, sobre todo a través de accións a balón parado e balóns ás costas. Esa presión tivo premio e os visitantes lograron igualar o encontro, aproveitando a inferioridade local e o desgaste acumulado.

O Zas aínda tivo unha ocasión clarísima para volver poñerse por diante, cun man a man de Braulio que salvou con acerto o porteiro visitante, evitando o 3-2 nun momento clave. E xa no tramo final, cando o Sporting trataba de resistir e manter polo menos un punto, o Monte Louro culminou a remontada e conseguiu o terceiro tanto, deixando o marcador definitivo no 2-3.”


UD Corcubión 3-3 CF Corme

Reparto de puntos nun partido tolo, con alternativas constantes e decidido no desconto cando o Corcubión parecía quedar sen resposta.

Goles : 1-0, Luís Lojo, (15´); 1-1, Israel, (22´); 2-1, Luís Lojo, (41´); 2-2, Borja Torrado, (46´); 2-3, Israel, (60´); 3-3, César Lojo, (93´).

Incidencias: o árbitro David Vázquez expulsou con vermello directo a José Ramón (85´).

Isidro Trillo (adestrador do UD Corcubión):
“Primeira metade na que pouco se xogou, aínda que estivemos mellor nós. Adiantámonos cun golazo de Luis, pero pouco despois xa nos marcaron, e antes do descanso poñíanos por diante de novo Luis. Tivemos outro par de ocasións, pero non entraron.

Na segunda foron mellores ca nós. Marcáronnos o empate moi pronto tras volver de vestiarios e, tralo 2-2, quedamos moi desconcentrados, fallando moitos pases e chegou o 2-3. Eles pecháronse ben atrás e no treito final chegou a expulsión de Ramón por xogo perigoso; eu creo que foi esaxerada, pero a partir de aí custounos, e empatamos xa no desconto por medio de César.”


Outes FC 0-2 CD Muros

Triunfo moi serio do Muros, que soubo golpear nos momentos clave para levar tres puntos fundamentais na procura da difícil tarea de escapar dabaixo.

Goles : 0-1, Xavier, (35´); 0-2, Francisco Rodríguez, (63´).


SCD Malpica 3-2 SD Sofán “B”

O Malpica, aínda co desgaste copeiro nas pernas, tirou de orgullo para remontar un 0-2 e seguir instalado na zona nobre da clasificación .

Goles : 0-1, Dani Calvete, (10´, p.); 0-2, Diego, (22´); 1-2, Saydou, (25´); 2-2, Francisco José, (33´); 3-2, Aday, (52´).


Cabana e Soneira nas Redondas.

Cabana SD 3-0 Soneira SD

O Cabana foi moi superior e impuxo o seu ritmo para sumar tres puntos sen discusión.

Goles : 1-0, Yeray, (36´); 2-0, David Rey, (74´); 3-0, Miguel Blanco, (84´).


CF Porteño 0-1 Xallas FC

O partido da xornada non defraudou en intensidade. O Xallas golpeou cedo e soubo defender unha vantaxe de ouro nun encontro moi trabado.

Goles : 0-1, Bryan, (10´, p.).

Bruno Prego, (adestrador do Xallas FC) : 

“Duelo de máxima esixencia entre o primeiro e o segundo clasificado. O noso equipo deu un paso de xigante cara ao obxectivo cunha vitoria de enorme valor por 0-1 nun campo moi complicado e ante un rival de gran nivel.

O encontro estivo marcado pola intensidade, a igualdade e o perigo constante nas accións a balón parado, auténtico protagonista do partido. Cada córner, falta lateral ou mesmo saque de banda convertíase nunha ocasión de risco, reflexo do poderío físico e da capacidade competitiva de ambos conxuntos.

O único tanto do choque chegou tras unha desas xogadas de estratexia, cando Elvis provocaba un penalti que Bryan transformaba con sangue frío para poñer o 0-1 no marcador, un gol que acabaría sendo decisivo.

O partido estivo en todo momento moi disputado e controlado, sen demasiadas ocasións claras, aínda que o equipo soubo competir mellor nos momentos clave e mostrou máis argumentos para merecer a vitoria. O rival tamén puxo en apuros en varias accións, pero aí apareceu a figura de Iván Couto, decisivo baixo paus cun par de intervencións de enorme mérito, especialmente unha parada espectacular que ben pode valer unha liga.

Apostamos por unha aliñación pensada para igualar a batalla física, introducindo aos xogadores en mellor condición para contrarrestar a forza dun rival moi poderoso nos duelos e con futbolistas de gran envergadura. A resposta do equipo foi impecable: intensidade, compromiso e solidariedade para sacar adiante tres puntos fundamentais.

Triunfo traballado, sufrido e merecido, deses que poden marcar unha tempada.”


Ponteceso SD 3-4 SD San Lorenzo

Partido histórico en Ponteceso. Hat-trick de Eloy e dominio total… ata que o San Lorenzo desatou a tormenta perfecta.

Goles : 1-0, Eloy Álvarez, (37´); 2-0, Eloy Álvarez, (45+2´); 3-0, Eloy Álvarez, (60´); 3-1, Javier Pérez, (73´, p.); 3-2, Pape, (81´); 3-3, Javi Souto, (84´); 3-4, Hugo Pereiro, (95´).


CD Baio 3-1 CF Mazaricos

O Baio segue firme, cun Martín MC protagonista con dous auténticos golazos.

Goles : 1-0, Damián, (29´); 2-0, Martín MC, (71´, p.); 3-0, Martín MC, (74´); 3-1, Raúl, (90´).

.

CLASIFICACIÓN

1º Xallas FC : 48
2º SD San Lorenzo : 45
Porteño CF : 44
4º CD Baio : 43
5º SCD Malpica : 38
6º Outes FC : 37
7º Cabana SD : 35
8º CF Corme : 33
9º SD Sofán B : 33
10º Soneira SD : 32
11º UD Corcubión : 31
12º Ponteceso SD : 31
13º CD Muros : 29
14º CF Mazaricos : 27
15º UD Monte Louro : 27
16º Sporting Zas : 25

.
LIGA DA COSTA
26ª Xornada 
Domingo 19/04/2026

Soneira SD  SCD Malpica

CF Mazaricos – Ponteceso SD

Xallas FC  Cabana SD, ás 16:30

SD San Lorenzo  CF Porteño, ás 16:30

CD Muros  UD Corcubión, ás 17:00

CD Baio  UD Monte Louro, ás 17:00

SD Sofán ” B”  Outes FC, ás 18:00

CF Corme – Sporting Zas, ás 18:30

Clasificación : PREME AQUÍ

.

-Foto Sp Zas : Prensa do clube

-Foto Xallas : Bruno Prego

-Foto Soneira : Lolita Campaña