LIGA DA COSTA, (20ª Xda) : “A dez finais para o desenlace a Liga da Costa entra en ebulición por arriba e por abaixo”.

LIGA DA COSTA
20ª Xornada 
Domingo 01/03/2026

CF Corme 5-1 Ponteceso SD

SD Sofán ” B” 4-1 CF Mazaricos

UD Corcubión 5-1 Cabana SD

Sporting Zas 1-1 CF Porteño

CD Muros 1-2 CD Baio

Soneira SD 1-1 SD San Lorenzo

Xallas FC 2-0 UD Monte Louro

Outes FC 4-1 SCD Malpica

 

 

CRÓNICA XERAL

A Liga da Costa entra na súa fase decisiva e faino máis aberta ca nunca. A falta de dez xornadas, o empate do líder en Vimianzo diante dun Soneira competitivo aperta na proa a pelexa polo título, polos postos de promoción e a parte de popa pola permanencia, onde a ameaza dos posibles arrastres desde a Primeira Futgal fai que media liga viva xa en alerta máxima.

Por arriba, o San Lorenzo segue mandando, pero Baio e Xallas recortan distancias. Pola zona baixa, a igualdade é absoluta e cada punto comeza a pesar como ouro.

CRÓNICAS

CF Corme 5-1 Ponteceso SD

O Corme asinou un dos seus partidos máis completos da tempada cun triunfo contundente nun derbi que quedou decidido antes do descanso. O cadro local golpeou con eficacia e aproveitou tamén a inferioridade visitante no tramo final.

O Ponteceso lograra empatar cedo desde o punto de penalti, pero dous golpes consecutivos de Israel romperon definitivamente o encontro. A expulsión de Ismail no 76’ acabou por sentenciar un duelo xa moi encarrilado.

Goles:
1-0, Borja (11’)
1-1, David Lema, de penalti (13’)
2-1, Israel (26’)
3-1, Israel (37’)
4-1, Lucas (44’)
5-1, Lucas, de penalti (77’)

Incidencias: o Ponteceso quedou con dez no 76’ pola expulsión de Ismail tras ver dous amarelos en seis minutos.

SD Sofán B 4-1 CF Mazaricos

O Sofán B impúxose con claridade nun partido que comezou eléctrico e que non se decidiu ata o último tramo. Diego abriu o marcador aos dous minutos, pero o Mazaricos resistiu durante moitos minutos tras empatar por medio de Landeira.

Co paso do tempo os locais impuxeron o ritmo e a pegada apareceu nos minutos finais para ampliar un resultado que non reflectía a igualdade vivida durante boa parte do encontro.

Goles:
1-0, Diego (2’)
1-1, Landeira (19’)
2-1, Dani Calvete (60’)
3-1, Rubén (87’)
4-1, Manuel Breijo (95’)

UD Corcubión 5-1 Cabana SD

Resultado amplo pero partido moito máis traballado do que indica o marcador final. O Corcubión sufriu momentos complicados, incluso tras o empate visitante, pero reaccionou con carácter nun segundo tempo moi eficaz.

 Isidro Trillo (adestrador do Corcubión)

“Un partido complicado que soubemos xogar moi ben. Antes de marcar o primeiro da tarde tivemos dúas ocasións moi claras, unha de Mario só co porteiro e outra de Rama no segundo pau que non chegou.

O 1-0 chega nun saque de banda: Rama toca para Andrés cara atrás e Rama marca no segundo pau no minuto 20. Despois aínda tivemos outras dúas moi claras, unha de César que tirou por enriba da portería e outra de Mario que parou o porteiro.

O Cabana empataría, para min en fóra de xogo moi claro, pero tamén é certo que nos últimos minutos da primeira parte apertaron moito.

Na segunda parte complicóusenos o partido. Mario tivo un man a man que fixo un paradón o porteiro e pouco despois lesionáronse Isaac e Andrés, dous piares fundamentais.

Cando máis complicado estaba o partido mellor nos saíron as cousas: chegou o gol de Luis de cabeza e case seguido o de César que nos deu tranquilidade. O 4-1 marcou Samu e o 5-1 César de penalti, gañando un partido moi complicado a pesar do resultado.”

Goles:
1-0, Rama (18’)
1-1, Miguel (37’)
2-1, Luís Lojo (73’)
3-1, César Lojo (81’)
4-1, Samuel (93’)
5-1, César Lojo, de penalti (95’)

Sporting Zas 1-1 CF Porteño

Empate xusto en San Andrés nun partido intenso entre dous equipos con necesidades diferentes pero idéntica competitividade.

 Rubén Forján (adestrador do Sporting Zas) :

“San Andrés volveu vivir un encontro con bo ambiente, cun Sporting Zas e un Porteño que chegaban ao duelo con obxectivos diferentes, pero coa mesma necesidade de competir cada balón. O partido arrincou, como é habitual, con minutos de toma de contacto, moita disputa e poucos riscos, ata que o marcador se abriu arredor do minuto 20.

Nunha acción a balón parado, o Porteño atopou un xogador libre de marca dentro da área e conseguiu adiantarse, poñendo o 0-1 para o conxunto visitante. Co paso dos minutos, os dous equipos fóronse estirando e empezaron a aparecer máis situacións de área. O Porteño reclamou un posible penalti que puido significar o 0-2, mentres o Zas buscaba facer dano a través dos seus puntas e das bandas, tratando de gañar metros e xerar perigo con chegadas máis directas.

A recompensa para os locais chegou antes do descanso. Ronny, desde a frontal, conectou un disparo potente ante o que nada puido facer o porteiro visitante e igualou o encontro co 1-1, resultado co que se chegou ao intermedio.

Tras o paso polos vestiarios, o Sporting Zas saíu mellor e estivo preto de poñerse por diante, pero dous paradóns de José evitaron que os locais culminasen o seu bo inicio. O Porteño, pola súa banda, mantivo o seu perigo a través das transicións, especialmente con Bruno, que chegou a ter un man a man con Pereiras que se marchou fóra por moi pouco. Tamén seguiron xerando ameaza a balón parado, unha das súas armas máis potentes pola súa presenza e capacidade no xogo aéreo.

O Zas tentou atopar os seus dianteiros para conseguir algunha situación clara dentro da área, pero nun tramo final de moita tensión e pouca precisión, nin un nin outro foron quen de materializar as ocasións e o encontro rematou co empate definitivo.”

Goles:
0-1, José “Pejo” (19’)
1-1, Ronny (42’)

CD Muros 1-2 CD Baio

O Baio continúa firme na persecución do liderado cun triunfo serio nun campo sempre complicado e ante un rival que se xoga moito por abaixo. Miguel Vidal foi o gran protagonista cun dobrete nada máis comezar a segunda metade.

O Muros reaccionou rápido e meteuse no partido, pero non logrou culminar o empate nun final marcado pola expulsión local xa no desconto.

Goles:
0-1, Miguel Vidal (48’)
0-2, Miguel Vidal (57’)
1-2, Ramón (63’)

Incidencias: expulsado Francisco Rodríguez (Muros) con vermello directo no 93’.

Soneira SD 1-1 SD San Lorenzo

O Soneira confirmou o seu gran momento freando ao líder nun encontro moi competitivo. Ricardo adiantou aos locais no segundo tempo e o San Lorenzo tivo que remar ata atopar o empate nos minutos finais.

Un punto que sabe a reforzo moral para os de Vimianzo e que deixa a liga máis apertada.

Goles:
1-0, Ricardo (69’)
1-1, Javier Pérez (87’)

Xallas FC 2-0 UD Monte Louro

O Xallas segue firme na zona alta tras resolver con autoridade un encontro que se decidiu en cinco minutos demoledores tras o descanso.

Goles:
1-0, Pereira (51’)
2-0, Rubén Blanco (56’)

Outes FC 4-1 SCD Malpica

Reacción exemplar do Outes tras comezar perdendo. O gol temperán do Malpica non alterou os plans locais, que empataron de inmediato e acabaron dominando o partido ata golealo nos minutos finais.

Goles:
0-1, Camilo (5’)
1-1, Martín (7’)
2-1, José Lago (51’)
3-1, Eloy (71’)
4-1, Boris (95’)


 Clasificación 

1º SD San Lorenzo : 41
2º CD Baio : 36
3º Xallas FC : 35
4º CF Porteño : 34
5º SCD Malpica : 33
6º Outes FC : 32
7º Soneira SD : 29
8º UD Corcubión : 28
9º Ponteceso SD : 27
10º Cabana SD : 26
11º CF Corme : 26
12º SD Sofán B : 24
13º CD Muros : 22
14º Sporting Zas : 18
15º UD Monte Louro : 18
16º CF Mazaricos : 18

.

LIGA DA COSTA
21ª Xornada 
Domingo 08/03/2026

UD Monte Louro Outes FC

SCD Malpica – UD Corcubión

Cabana SD  Sporting Zas

CF Porteño  CF Corme

Ponteceso SD  CD Muros

CF Mazaricos – Soneira SD

SD San Lorenzo  Xallas FC, ás 16:30

CD Baio – SD Sofán ” B”, ás 17:30

.

-Foto Soneira : Lolita Campaña

-Fotos Sporting Zas : Prensa do clube

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios : Propios e baixo a responsabilidade dos que os fan.